Skip to Content

   Enlace Aula Virtual                       

Actividades mensuais

Cancelación actividades presenciais

 
Prezados socios e socias:
 
Debido á situación sanitaria e ás restricións na mobilidade, a directiva de Espazo Lectura decide cancelar todas actividades presenciais que estaban programadas nos espazos públicos e o servizo de empréstito da Casa da Lectura. Mantéñense os clubs de lectura online programados para este mes de xaneiro. Informaremos das actividades do mes de febreiro e da volta das actividades infantís a medida que avance a situación.
Desde o inicio desta tempada comprometémonos a respectar escrupulosamente as medidas de seguridade que as autoridades sanitarias marcaran en cada momento, e tomamos esta decisión sendo coherentes con este compromiso. 
Agardamos poder volver pronto.

Modificación actividades mes xaneiro

Prezados socios e socias: 
 
Enviamos modificada a nota informativa coas actividades do mes de xaneiro, pois as novas medidas que entran en vigor nas próximas horas afectan á programación que tiñamos ata o momento. Os cambios son os seguintes:
 
- O Comando Le será de 19:00 a 21:00h
- O Contomar e o club de lectura compartida Lendo Contigo celebraránse na carpa da Praza da Paradela.
- O club Lecturas Debuxadas e o club de lectura feminista Daquelas que Len manteñen o horario, pero serán online.
 
As persoas que asisten regularmente aos clubs de lectura teñen contacto cos coordinadores e coordinadoras dos mesmos para ter acceso ao enlace da sesión, pero se nunca participastes antes e queredes facelo enviade un correo a espazolectura@gmail.com
 
Agardamos que a programación sexa do voso interese.
 
Saúdos
 
O equipo de Espazo Lectura

Axenda de eventos

Prezados socios e socias: 
 
Achegámosvos a nota informativa coas actividades do mes de xaneiro, que tamén podedes consultar no apartado Axenda de eventos da páxina web de Espazo Lectura.
 
Por mor da COVID-19 haberá que adaptar tanto espazos como algunhas actividades á nova situación sanitaria e adecuarse aos protocolos impostos polas autoridades sanitarias en materia de limitación de aforo e de distancias de seguridade, hixiene e ventilación. Loxicamente, a necesidade de manter o afastamento vai condicionar extraordinariamente o número de participantes nas diversas actividades. 
A Casa da Lectura, debido ao seu reducido tamaño, estará aberta os mércores para realizar empréstito de libros pero non poderá albergar as actividades infantís polo que as acividades celebraránse no Auditorio Municipal Lois Tobío e no Centro Neural de Gondomar.
 
Agardamos que a programación sexa do voso interese e desexámosvos un 2021 cheo de lecturas e momentos para compartilas.
 
Saúdos
 
O equipo de Espazo Lectura

Decembro 2020

Prezados socios e socias: 
 
Achegámosvos a nota informativa coas actividades do mes de decembro, que tamén podedes consultar no apartado Axenda de eventos da páxina web de Espazo Lectura.
 
Por mor da COVID-19 haberá que adaptar tanto espazos como algunhas actividades á nova situación sanitaria e adecuarse aos protocolos impostos polas autoridades sanitarias en materia de limitación de aforo e de distancias de seguridade, hixiene e ventilación. Loxicamente, a necesidade de manter o afastamento vai condicionar extraordinariamente o número de participantes nas diversas actividades. 
A Casa da Lectura, debido ao seu reducido tamaño, non poderá albergar as actividades infantís polo que moitas acividades celebraránse no Auditorio Municipal Lois Tobío, no Centro Neural de Gondomar e na carpa da Praza da Paradela.
 
Agardamos que a programación sexa do voso interese.
 
Saúdos
 
O equipo de Espazo Lectura
 

Tódalas mulleres que coñezo

Prezados socios e socias:

 
O próximo xoves 29 de outubro comezamos a tempada do Daquelas que len cunha sesión especial: a proxección do documental Tódalas mulleres que coñezo, de Xiana do Teixeiro. Un filme articulado entre conversas de mulleres diversas sobre o medo. Contaremos coa directora para ter unha charla sobre o seu traballo.
 
Para cumprir coas medidas adoptadas polas autoridades sanitarias temos que limitar a asistencia ata un aforo máximo de 35 persoas, polo que se abre un período de tempo para apuntarse ao Daquelas que len deste próximo 29 de outubro, onde se atenderá de maneira rigorosa á orde de inscrición, tendo prioridade @s soci@s de Espazo Lectura.
 
O período de inscrición rematará o mércores 28 de outubro, ás 18.00h, e ese mesmo día notificarase aos participantes a súa asistencia.
Para inscribirse hai que enviar un correo a daquelasquelen@gmail.com indicando o nome completo.
 
A proxección será no Auditorio Municipal Lois Tobío de 20:00h a 22:00h. Haberá que acudir con máscara e manter as distancias de seguridade.
 
Deixámosvos o enlace na nosa web premendo aquí.
 
Un saúdo.
 
O equipo de Espazo Lectura.

Actividade luns 26 de outubro

Á atención dos centros educativos socios protectores de Espazo Lectura

 

Enviámosvos no PDF adxunto información da actividade do Contomar para que a difundades entre o voso alumnado.

 

A primeira sesión será mañá luns 26 de outubro, ás 18:00h, na carpa da Praza da Paradela, en Gondomar. 

 

Moitísimas grazas pola vosa colaboración.
Un saúdo.

  

O equipo de Espazo Lectura
 
Fai clic para acceder ao PDF

 




Club Lecturas Debuxadas

Prezados socios e socias:

 

O próximo mércores 21 de outubro o cómic proposto no Club Lecturas Debuxadas é Subnormal, de Fernando Llor e Miguel Porto, a historia real de bullying que sufriu o xogador de baloncesto Iñaki Zubizarreta. Acudirán os autores para ter unha charla sobre o seu traballo.

Este curso, o Club Lecturas Debuxadas cambia de día habitual, pasando a ser o terceiro mércores de mes.

Para cumprir coas medidas tomadas pola Xunta na orde do 14 de outubro temos que limitar a asistencia ata un aforo máximo de 10 persoas, polo que se abre un período de tempo para apuntarse ao Lecturas Debuxadas do día 21 de outubro, onde se atenderá de maneira rigorosa á orde de inscrición, tendo prioridade @s soci@s de Espazo Lectura.

O período de inscrición rematará o martes 20 de outubro, ás 18:00h, e ese mesmo día notificarase aos participantes a súa asistencia. Para inscribirse, hai que enviar un correo a lecturasdebuxadas@gmail.com, indicando o nome completo.

O club de lectura será no Centro Neural de Gondomar, ás 20:00h, e haberá que acudir con máscara e mantendo as distancias de seguridade.

Deixámosvos o enlace á esta información na nosa web premendo aquí.

Un saúdo.
 
O equipo de Espazo Lectura

Espazo Lectura e Contos en Cueiros

 

A causa das últimas restriccións publicadas no DOG do 14 de outubro, lamentamos comunicar a cancelación da sesión especial en colaboración coa Agrupación Musical de Vincios programada para este vindeiro domingo 18 de outubro, tal e como xa vos anunciáramos o pasado martes. 
Manterémosvos informadxs de novas actividades. 
 

 

 

Prezados usuarios/as de Contos en Cueiros:

Como cada mes de outubro, Espazo Lectura da comezo a unha nova tempada, pero nesta ocasión as actividades terán que ser programadas dun xeito un tanto diferente.

Por mor da COVID-19 as actividades infantís, incluídas as sesións de Contos en Cueiros, non poderán ser realizadas no interior da Casa da Lectura, en Donas, xa que como ben sabedes o espazo é moi reducido e sería moi difícil cumprir coas medidas de prevención sanitarias esixidas. Para adecuarnos aos protocolos establecidos polas autoridades sanitarias, fundamentalmente en materia de distancia de seguridade, debemos adaptar as sesións de Contos en Cueiros, a novos espazos. Moitas das actividades celebraranse no Auditorio Municipal Lois Tobío ou no Centro Neural de Gondomar e, sempre que sexa posible, ao aire libre.

Tentaremos programar unha sesión infantil especial cada mes, incluíndo algunha sesión específica para bebés, e outra sesión mensual de contos en familia do Contomar que, aínda que non está especificamente dirixido aos bebés como era o caso das sesións de Contos en Cueiros, si que tratará de incluír algún conto adaptado para os máis pequenos.

Así pois, este domingo 18 de outubro ás 17 horas, na Praza da Paradela en Gondomar, dará comezo unha nova tempada das actividades infantís de Espazo Lectura. Esta será unha sesión especial na que contaremos coa colaboración da Agrupación Musical de Vincios.

E o vindeiro luns 26 de outubro, ás 18 horas, iniciaremos de novo o Contomar, no Centro Neural de Gondomar.

Así que non deixedes de asistir ás actividades infantís que comezan xa en Espazo Lectura. Agardámosvos!

Un saúdo.

 Cartaces das dúas actividades deste mes

 


Distribuir contenido


by Dr. Radut