2022: Florencio Delgado Gurriarán

Letras Galegas 2022

ACTO DE ENTREGA DO PREMIO NA CATEGORÍA A DO CONCURSO-EXPOSICIÓN DAS LETRAS GALEGAS 2022

 

Con gran ledicia e satisfacción a comunidade escolar do noso centro educativo recollía o premio de mans do Secretario Xeral de Política Lingüística, D. Valentín García Gómez, xunto coa xefa territorial de Ourense, Dª. Judith Fernández Novoa. Na mesa de autoridades acompañaron tamén á directora Dª. Andrea Tato Vega, o alcalde de Rubiá, D. Elías Rodríguez Núñez e o escritor e historiador, D. Ricardo Gurriarán Rodríguez, familiar de Florencio Delgado Gurriarán.

O evento, preparado con moito esmero por todo o equipo docente e mailo alumnado, baixo a organización e supervisión da Secretaría Xeral de Política Lingüística, contou con outros convidados e convidadas moi especiais. D. Aurelio Blanco Trincado, presidente do IEV. Tamén asistiu Dª. Débora Álvarez Moldes, directora do proxecto As Letras de Florencio e D. Julio Pérez Veiga, profesor e investigador sobre o autor homenaxeado. Ademais viñeron as coordinadoras dos equipos de normalización da lingua galega de Ourense e central, así como a directora do gabinete de política lingüística de Ourense, a responsable do gabinete de política lingüística do concello do Barco e a concelleira de cultura do concello de Rubiá. A Asociación de Nais e Pais do colexio estivo representada neste acto por algúns dos membros da súa xunta directiva.

Pero sen dúbida, unha das asistencias máis entrañables foron tres fillas de Florencio Delgado Gurriarán, que acudiron moi emocionadas a esta cita dende moi lonxe (México e os Estados Unidos). A todas e todos eles queremos agradecer unha vez máis a súa presenza no que para un colexio pequeno coma este supón unha celebración tan importante como é a das Letras Galegas, as nosas Letras Galegas, representadas neste ano por un autor de orixe valdeorresa. Un recoñecemento como este, ven a dar pulo á nosa escola, ao noso concello e á nosa comarca, pero especialmente, a un traballo en equipo que con moito esforzo se logrou, grazas a implicación do profesorado, do alumnado e de toda a comunidade educativa.

Florencio Delgado Gurriarán. O poeta do agro. Un poeta que estando no exilio endexamáis abandonou o seu amor pola súa terra, pola súa lingua e pola súa cultura. E por iso, quixemos brindar esta homenaxe aproveitando a ocasión, cunha pequena recreación do poema "Muiñada" que pertence ao libro Bebedeira, e que reflicte esa primeira etapa poética, onde os elementos da natureza e do agro cobran vida. Unha representación e recitación levada a cabo polo alumnado con todo o agarimo e ilusión, e tamén en agradecemento ao premio recibido.

PREME AQUÍ PARA ACCEDER Á GALERÍA DE IMAXES

RETRANSMISIÓN EN DIFERIDO A TRAVÉS DE PROMECOM

VER NOTICIA NO SIL

VER NOTICIA EN SOMOSCOMARCA.ES

RECITACIÓN E RECREACIÓN DO POEMA: "MUIÑADA" DE FLORENCIO DELGADO GURRIARÁ, POLO ALUMNADO DO CENTRO.

https://youtu.be/uNkTls5-7nc

 

Fotografia de grupo para a clausura do acto. Fonte: somoscomarca.es

 

O GUIEIRO DE FLORENCIO

A partir de hoxe xa están dispoñibles no blog O guiero de Florencio, os contidos e recursos elaboradas por nós, sobre os carteis e as guía de Florencio Delgado Gurriarán. Poeta do agro. Traballo que resultou gañador na categoría A do Concurso-Exposición das Letras Galegas 2022 convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. 

Preme nesta imaxe para acceder.

PREMIO DO CONCURSO PARA A ELABORACIÓN DA EXPOSICIÓN SOBRE FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN

Sentímonos moi orgullosos de poder comunicar oficialmente a resolución da convocatoria do concurso para a elaboración da exposición sobre Florencio Delgado Gurriarán, o autor homenaxeado o Día das Letras Galegas 2022, na que resultamos como centro gañador do mesmo, na categoría A (centros de educación infantil e primaria), co traballo "Florencio Delgado Gurriarán, poeta do agro".

Un premio que motiva aínda máis si cabe ao alumnado e profesorado do CEIP plurilingüe Virxe do Camiño, e que recompensa sen dúbida algunha un esforzo e labor que se fraguou dende os meses de outubro e novembro de 2021. Claro que cando se fixo público o nome do autor homenaxeado, a idea de presentarse xa comezou a rondar polas nosas cabezas. Non é a primeira vez que participamos, pero con Florencio Delgado Gurriarán, a esperanza e a ilusión depositada neste traballo de equipo, estivo máis presente que nunca.

O concurso, como cada ano de convocatoria, consiste na presentación de 10 carteis de gran formato e unha guía didáctica. Neste caso, e seguindo a liña que nos caracteriza, na elaboración dos carteis está moi presente un dos eixes dos proxectos de innovación educativa que se veñen levando a cabo no noso centro: o fomento da creatividade, da expresión artística e plástica. Por suposto, tamén tendo en conta o fomento da lingua e da cultura galega, esencial en todo proxecto educativo da nosa rexión.

É unha gran satisfacción para toda a nosa comunidade educativa formar parte deste proxecto, no que se tratou de potenciar de xeito global a biografía, obra, lingua e época na que viviu Florencio Delgado Gurriarán, especialmente por se tratar dun autor nado na nosa comarca. A cal tamén é protagonista en moita da iconografía e elementos dos carteis.

Noraboa a toda a comunidade escolar de Rubiá, posto que este tipo de recoñecementos é algo positivo que da visibilidade, non só a nosa pequena escola, senón tamén a súa contorna.

Dende o CEIP plurilingüe Virxe do Camiño queremos agradecer os parabéns e as mensaxes de apoio recibidas.

A guía didáctica pódese descargar no ficheiro adxunto. Os carteis e os demais recursos dixitais pódense atopar no blog O guieiro de Florencio.

 

 

 

 

Ligazón á Resolución oficial. Preme aquí.

Prensa e outras entidades fixeronse eco da noticia:

O portal da Lingua

O portal de Eduxunta

O sil.info

Somos comarca

Valdeorras de cerca

La Región

Creandotuprovincia.es

La Voz de Galicia

Códigocero.com 

 

 

 

Distribuir contido (C01 _th3me_)