Novas Consellería de Educación

A Xunta difunde as capacidades de investigación e innovación de Galicia ante unha delegación internacional do sector biotecnolóxico

Novas Consellería de Educación - Lun, 10/06/2024 - 14:16

Summary: 

A directora da Axencia Galega de Innovación saúda aos representantes de seis países  que visitan o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC

Idioma Gallego

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Carmen Cotelo, animou hoxe aos representantes do sector biotecnolóxico dos seis países que participan no Galicia Biobusiness tour a aproveitar a ocasión para crear vínculos que fructifiquen en proxectos de investigación, divulgación e atracción de talento conxuntos. Esta delegación científica chega de Italia, Bélxica, Portugal, Canadá, Xapón e Reino Unido.

Así o remarcou a representante da Xunta de Galicia durante unha visita ao Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) da Universidade de Santiago de Compostela. Puxo de relevo as capacidades de investigación e innovación do ecosistema galego de I+D+i, servindo de exemplo a Fundación Pública de Medicina Xenómica e a Plataforma Innopharma da Universidade de Santiago, que tiveron a oportunidade de visitar esta mañá. A directora do Gain destacou tamén a relevancia no eido científico de figuras como Mabel Loza e Ángel Carracedo, anfitrións da visita.

Apoio do Goberno galego

Precisamente, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, a través de Gain, apoiou con 5 millóns de euros, procedentes de fondos europeos REACT-UE dentro do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, a adquisición e actualización do equipamento científico-tecnolóxico e a contratación de persoal da Plataforma de descubrimento de fármacos Innopharma, liderada polos investigadores da Universidade de Santiago de Compostela Mabel Loza e Ángel Carracedo.

Esta plataforma está recoñecida como unha das oito Plataformas de Altas Capacidades do Consorcio Europeo de Infraestruturas de Investigación Europea (ERIC EU-Openscreen) e dispón dunha das quimiotecas máis importantes de España e Europa.

A Xunta de Galicia apoia tamén a actividade da Fundación Pública de Medicina Xenómica a través dun contrato-programa que achega financiamento para os gastos estruturais da fundación de investigación biomédica.

Colaboración con Bioga

A visita desta delegación enmárcase na celebración de Galicia Biodays 2024, un evento que se celebra os vindeiros mércores 12 e xoves 14 de xuño en Vigo e que está organizado polo clúster Bioga, co que colabora a Xunta de Galicia.

Esta apoio inscríbese na aposta do Goberno galego pola biotecnoloxía como un sector estratéxico para Galicia e que se concreta na Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía en Galicia 2021-2025, que se está a executar.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Apertura do prazo para realizar as solicitudes de prestar servizos nunha ou en varias provincias así como en determinados concellos (só para o persoal interino con posto consolidado nas listas)

Novas Consellería de Educación - Lun, 10/06/2024 - 14:07
Idioma Gallego

Os artigos 33 e 34 da Orde do 7 de xuño de 2018 pola que ditan normas para a adxudicación de destinos provisionais establece que o persoal docente ao que fai referencia o punto décimo quinto do Acordo do 20 de xuño de 1995, poderá optar durante os períodos máximo e mínimo previstos nel, por realizar substitucións nunha ou varias provincias (artigo 33) ou en concellos determinados (artigo 34).

a) Concellos:

A solicitude debe formularse na páxina web https://www.edu.xunta.gal/substitutos/ para o que será preciso autenticarse mediante usuario e contrasinal de educación, Chave365 ou certificado electrónico.

A solicitude xunto coa documentación xustificativa deberá presentarse no prazo do 15 de xuño ao 15 de xullo de 2024, ambos incluídos, do seguinte xeito:

-Acceda á sede electrónica da Xunta de Galicia 

-Prema no botón en cor laranxa “Tramitar en liña”

-Abrirase unha pantalla informativa sobre a necesidade de dispor de Chave 365 ou certificado electrónico para acceder. Prema no botón “Aceptar”

-Introduza o seu NIF e o seu contrasinal de Chave 365 ou identifíquese co seu certificado dixital

-Neste intre xa pode cubrir a solicitude para a presentación electrónica da solicitude (código PR004A).

A continuación encha o formulario da solicitude tendo en conta os seguintes termos:

a) No campo EXPÓN: Sinalar ASUNTO: SOLICITUDE DE PRESTAR SERVIZOS EN CONCELLOS PRIMARIA OU SECUNDARIA (segundo corresponda)

b) No campo DESTINATARIO debe elexir no desplegable á esquerda a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e no desplegable á dereita Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos. Unha vez cuberta a solicitude prema no botón “Continuar”

-Neste paso debe anexar a seguinte documentación:

a) a solicitude de prestar servizos en concellos previamente cuberta na aplicación web substitutos https://www.edu.xunta.gal/substitutos/

b) a documentación xustificativa da solicitude de prestar servizos en concellos segundo a causa que se alegue.

Unha vez anexada a dita documentación, prema no botón “Continuar”

A seguir deberá asinar a solicitude xenérica e presentala no rexistro para o que se lle enviará o seu teléfono móbil un pin que deberá introducir para finalizar a presentación ou no caso de certificado dixital deberá introducir a súa contrasinal

Por último, a sede electrónica informaralle que estará correctamente presentada a súa solicitude e poderá obter o recibo xustificativo coa data e hora de presentación e o número de rexistro.

Lembre que é obrigatorio incluír na petición concellos en que se impartan materias ou áreas ou módulos profesionais atribuídos á especialidade correspondente e que esta opción será por todo o curso académico.

b) Provincias:

A solicitude debe formularse na páxina web https://www.edu.xunta.gal/substitutos/ para o que será preciso autenticarse mediante usuario e contrasinal de educación, Chave365 ou certificado electrónico.

A solicitude deberá formularse no prazo do 15 de xuño ao 15 de xullo de 2024, ambos incluídos e non será preciso a súa presentación en sede electrónica.

Lembre que será obrigatorio incluír provincia/s na/s que se imparta á especialidade correspondente e que a súa opción terá efectos durante todo o curso académico. No caso de que non efectúe opción enténdese que desexa prestar servizos en todas as provincias da Comunidade Autónoma.

Tema: 

Interinidades e substitucións

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime xeral Ensinanzas de réxime especial Educación de persoas adultas

Departamento: 

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos Subdirección Xeral de Recursos Humanos

Colectivo: 

Profesorado

Sección: 

Boletín Portada de boletín

Convocatoria para postos de dirección da Rede de CIFP de Galicia

Novas Consellería de Educación - Lun, 10/06/2024 - 11:53
Idioma Gallego

Publicada no DOG a Orde do 4 de xuño de 2024 pola que se anuncia a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, de postos de directores e directoras da Rede de centros integrados de formación profesional de Galicia.

Orde do 4 de xuño de 2024

Tema: 

Directores/as

Ensinanza: 

Formación Profesional inicial

Departamento: 

Dirección Xeral de Formación Profesional Subdirección Xeral de Innovación Profesional e Coordinación co Sistema Produtivo Servizo de Relación co Sistema Produtivo, Orientación e Inserción Laboral

Colectivo: 

Centros

Habilitacións profesionais. Listaxe de cualificacións provisionais. Primeira convocatoria 2024

Novas Consellería de Educación - Lun, 10/06/2024 - 09:50
Idioma Gallego

Publicada a listaxe provisional de cualificacións das probas para a obtención de determinados carnés e habilitacións profesionais.

Contra esta listaxe poderase presentar reclamación ata o día 19 de xuño de 2024.

Máis información.

Tema: 

Escolarización

Ensinanza: 

Formación Profesional inicial

Departamento: 

Dirección Xeral de Formación Profesional Subdirección Xeral de Cualificacións, Planificación e Xestión da Formación Profesional Servizo de Xestión da Formación Profesional

Colectivo: 

Alumnado

Román Rodríguez gaba o labor do Colexio Plurilingüe Ría do Burgo de Culleredo a prol da divulgación científica no eido educativo

Novas Consellería de Educación - Sáb, 08/06/2024 - 14:41

Summary: 

O conselleiro de Educación e Ciencia visita a 6º edición da feira ‘Cullerciencia’ que reúne uns 300 alumnos de 17 centros galegos e de fóra da comunidade

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, felicitou hoxe ao Colexio CEIP Plurilingüe Ría do Burgo, de Culleredo, polo labor a prol da divulgación científica no eido educativo que leva desenvolvendo desde hai anos.

Así o sinalou esta mañá durante a visita á feira Cullerciencia, un encontro entre centros escolares e cidadanía centrado na ciencia e na investigación que cada ano impulsa este centro a través do seu Club de Ciencias, e que xa vai pola súa sexta edición. Na visita, o conselleiro estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.

A mostra, que estará aberta ata as 19,00 horas de hoxe no paseo marítimo do Burgo, conta coa participación de arredor de 300 alumnos dun total de 17 centros educativos de Galicia e de fóra da Comunidade, que expoñen os seus proxectos en 50 expositores. Ademais de Culleredo, están representados centros escolares da Coruña, As Pontes, Cambre, Cerceda, Meis, Oleiros, Ribeira, As Palmas, Madrid, Murcia e Sevilla.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Do 24 de xuño ao 4 de xullo estará aberto o prazo de solicitudes para cursar FP nas preto de 47.000 prazas de novo ingreso para o vindeiro curso

Novas Consellería de Educación - Ven, 07/06/2024 - 15:39

Summary: 

O conselleiro de Educación participa no Consello Galego de FP onde se avanzou o calendario que se pode consultar no Portal Educativo

Idioma Gallego

Desde o 24 de xuño ata o 4 de xullo estará aberto o prazo de solicitude para cursar unha titulación de Formación Profesional nas preto de 47.000 prazas de novo ingreso que vén de habilitar a Xunta de Galicia para o próximo curso 2024-25, un 11% máis que no presente curso.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, avanzou as datas durante a xuntanza da comisión do Consello Galego de Formación Profesional, onde estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez.

Quen desexe estudar un ciclo de FP o próximo curso poderá escoller entre 214 titulacións diferentes -17 delas de nova implantación- repartidas en 153 ciclos de grao medio, básico e superior, 22 másteres, 24 títulos de alta especialización e 15 programas formativos orientados a persoas con necesidades educativas especiais.

As principais datas, que poden consultarse no Portal Educativo con detalles para cada unha das modalidades, son as seguintes:
 

Oferta

Presentación de solicitudes

Listaxe provisional de solicitudes

Listaxe definitiva de solicitudes

Listaxe de prazas adxudicadas

Período de matrícula para as persoas admitidas

Ordinario/modular

Do 24 de xuño ás 9,00 h. ao 4 de xullo ás 13,00 h.

10 de xullo

17 de xullo

Do 17 de xullo desde as 9,00 h. ao 22 de xullo ás 13,00 h. (para a 1ª adxudicación)

FP Dual Intensiva

Do 24 de xuño ás 9,00 h. ao 4 de xullo ás 13,00 h.

8 de xullo

12 de xullo

(do 8 ao 12 de xullo haberá un período de selección polo centro educativo e as empresas)

Prazas adxudicadas e en espera o 15 de xullo

Do 16 de xullo ás 9,00 h. ao 24 de xullo ás 13,00 h.

Másteres de FP

Do 24 de xuño ás 9,00 h. ao 4 de xullo ás 13,00 h.

10 de xullo

17 de xullo

Do 17 de xullo ás 9,00 h. ao 22 de xullo ás 13,00 h.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Román Rodríguez salienta o impulso da FP na comarca de Salnés-Arousa, que medra case un 9% ata acadar as 1.525 prazas novas a partir de setembro

Novas Consellería de Educación - Ven, 07/06/2024 - 15:35

Summary: 

O conselleiro subliña o reforzo da oferta de FP Dual Intensiva e dos másteres con novos ciclos en Vilagarcía e Sanxenxo

Agradece a implicación de Thune Eureka, que amplía a colaboración con tres novos proxectos incluído un dos 13 títulos de alta especialización exclusivos de Galicia

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou esta mañá as instalacións da empresa Thune Eureka en Vilagarcía de Arousa, para coñecer de primeira man a súa experiencia coa FP Dual Intensiva desde o curso 2022-23, unha colaboración que se vai reforzar para o vindeiro 2024-25 con novas prazas e proxectos.

Na súa visita, na que estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, o conselleiro subliñou o incremento da FP na comarca de Salnés-Arousa, especialmente na Dual intensiva e nos másteres, que se materializa nun incremento de preto dun 9% ata acadar as 1.527 de novo ingreso para o próximo curso.

En Vilagarcía de Arousa, o conselleiro destacou o reforzo da FP Dual intensiva no Centro Integrado de FP CIFP Fontecarmoa, con 22 novas prazas no ciclo de grao medio Instalacións eléctricas e automáticas, ou novo grupo de Mecatrónica Industrial. No que atinxe aos másteres, entran novos o de Redacción de contidos dixitais para márketing e vendas no Fontecarmoa e o de Ciberseguridade en contornos das tecnoloxías da información no Instituto IES Armando Cotarelo Valledor. Así mesmo, en FP Dual xeral entran en funcionamento novos grupos do grao superior de Comercio Internacional e Documentación e administración sanitaria, con 50 prazas cada un deles.

Na mesma comarca, en Sanxenxo ofértase como novidade para o vindeiro curso o ciclo de FP Dual Intensiva de Automoción, que se impartirá por primeira vez no Instituto IES de Vilalonga, con 22 prazas.

Colaboración con Thune Eureka en alta especialización

O titular de Educación explicou que esta oferta “ampla, variada e de calidade”, que acada as 46.714 prazas de novo ingreso no conxunto de Galicia, é froito “dun labor de coordinación e de colaboración” entre administración e tecido socio-produtivo como é o caso da empresa Thune Eureka, a quen agradeceu a súa implicación coa Formación Profesional galega.

Precisamente, froito da demanda desta firma especializada como provedora de servizos completos de fabricación de bens, a partir de setembro empezará a impartirse o título de alta especialización de Mantemento electromecánico con oferta parcial do ciclo medio de Mecanizado no Instituto IES Plurilingüe de Valga, un dos 13 novos deste tipo que haberá en Galicia. 

Román Rodríguez explicou a importancia do proceso “de escoita previa” por parte da administración para deseñar unha oferta de FP axustada ás preferencias do alumnado e ás demandas do tecido socioeconómico. A este reto responde precisamente o deseño de titulacións de alta especialización “que son exclusivas de Galicia e que están feitas á medida de cada empresa”, especificou.

Así pois, a colaboración da Xunta con Thune Eureka en materia de FP reforzarase de cara ao vindeiro curso  cun total de ciclo prazas ofertadas. Unha delas é a mencionada de alta especialización en Valga e outras catro correspóndense co ciclo de FP Dual Intensiva de Soldadura e caldeiraría (dúas no Instituto Plurilingüe de Valga e outras dúas no Instituto Johan Carballeira de Bueu), que comezarán a impartirse a partir de setembro logo de pechar os acordos de colaboración pertinentes.

Estas prazas engádense ás dúas de FP Dual Intensiva de Mecanizado que comezaron este ano no Centro Integrado de FP CIFP Fontecarmoa (Vilagarcía) e que continuarán o vindeiro curso.  

Todos estes ciclos forman parte da familia profesional de Fabricación mecánica, cuxa oferta medra preto dun 16% ata acadar as 2.107 prazas novas no vindeiro curso. 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

A Xunta asina o convenio para que o concello de Vigo lle poña a disposición os terreos para a construción do novo instituto de Navia, cun investimento de 14 M€

Novas Consellería de Educación - Ven, 07/06/2024 - 15:32

Summary: 

A Consellería de Educación adxudicou en xaneiro a redacción do proxecto do instituto, que está na súa recta final, para poder licitar despois a obra

Será o primeiro instituto que se axuste aos parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, vén de asinar o convenio para que o Concello de Vigo ceda os terreos para a construción do novo instituto de Navia, que recibirá o nome do escritor Domingo Villar, no que a Xunta de Galicia vai investir 14M€. O documento foi remitido xa ao Goberno municipal.

No convenio, o Concello de Vigo comprométese a aceptar a cesión de uso da parcela correspondente á segunda modificación puntual do Plan Parcial de San Paio de Navia e poñela a disposición do departamento educativo da Xunta para a construción do centro.

De feito, a Xunta adxudicou a redacción do proxecto en xaneiro á UTE formada polas empresas Iglesias y Veiga Arquitectos e Mestura Arquitectes, por un importe de 328.000€. Os traballos sobre este documento están na súa recta final para a súa posterior entrega ao Goberno galego para poder licitar a obra.

Cómpre lembrar que os Orzamentos de 2024 xa contemplan este actuación, dividida en tres anualidades, cunha cantidade de 103.769,45€ no ano 2024, 6.761.639€ no 2025 e 6.761.639€ no 2026. Con todo, o orzamento de licitación definitivo deberá axustarse á contía económica definida que determine o proxecto.

A maiores, o Concello de Vigo comprométese a axilizar todos os trámites municipais de posta a disposición dos terreos necesarios, concesión de licenzas de obras, primeira ocupación e actividade, unha vez comprobada a adecuación do proxecto á normativa técnica e urbanística de aplicación, e o axuste das obras a licenza outorgada.

Constitúese, así mesmo, unha Comisión Mixta de seguimento do convenio, integrada por tres membros de cada unha das partes, que se fará cargo de resolver as cuestións técnicas que xurdan arredor do acordo.

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

O novo instituto, que atenderá as necesidades educativas derivadas da dinámica poboacional nunha área de expansión como é o barrio de Navia, deseñarase seguindo as especificidades académicas, tecnolóxicas e de sostibilidade recollidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Xunta para todas as actuacións que se acometen en centros educativos. Será o primeiro instituto construído en base a estes parámetros.

O novo instituto terá capacidade para arredor duns 700 alumnos de ESO e Bacharelato e ocupará unha superficie total de preto de 8.200 m². En consonancia co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, propóñense espazos docentes acolledores e interactivos, que fomenten novos modelos de aprendizaxe, dinámicos e adaptables. Ademais, o edificio construirase pensando en reducir nun 30% o consumo enerxético respecto de edificios similares.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Admisión a FP. Curso 2024-2025

Novas Consellería de Educación - Ven, 07/06/2024 - 14:54
Idioma Gallego

Publicación das instrucións xerais e dos calendarios do proceso de admisión ás ensinanzas de formación profesional para o curso 2024-2025.

Mais información.

Tema: 

Escolarización

Ensinanza: 

Formación Profesional inicial

Departamento: 

Dirección Xeral de Formación Profesional Subdirección Xeral de Cualificacións, Planificación e Xestión da Formación Profesional Servizo de Xestión da Formación Profesional

Colectivo: 

Alumnado

O IES Santa Irene de Vigo renova a súa biblioteca escolar grazas ao financiamento da Xunta de Galicia

Novas Consellería de Educación - Ven, 07/06/2024 - 13:47

Summary: 

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa asiste á inauguración deste espazo, unha actuación que se acomete a través do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares

Idioma Gallego

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, asistiron hoxe á inauguración da nova biblioteca do Instituto IES Santa Irene de Vigo, que a través do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe) da Xunta de Galicia puido acometer obras de renovación e ampliación deste lugar.

Con esta actuación, o centro recupera unha parte do espazo da biblioteca que antes estaba dedicada a almacenaxe de arquivos e, agora, será empregada como sala de consultas e traballo. Esta nova zona complementa, así, ao outro gran espazo da biblioteca escolar onde se desenvolven as actividades de lectura. “A iniciativa ten un mérito especial ao tratarse dun centro histórico no corazón da cidade de Vigo”, sinalou Judith Fernández.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, a través do Plambe, leva investido na biblioteca escolar do IES Santa Irene máis de 28.000 euros. Un orzamento co que puido renovar o mobiliario e a tarima, ademais de adquirir material informático para dotar o espazo de novas tecnoloxías.

820 centros no Plambe

O Plambe ten como obxectivo mellorar estes espazos educativos que exercen “un papel fundamental na mellora das competencias académicas do alumnado e contribúen a reforzar a calidade do conxunto do sistema”, indicou a representante da Xunta. Coa mellora dos seus recursos búscase impulsar a comprensión lectora, o uso das bibliotecas como laboratorios creativos de aprendizaxe ou o estímulo do hábito lector entre toda a comunidade escolar.

Este curso, o Goberno galego repartiu un total de 1,5M€ entre 820 centros educativos, dos que 28 foron de nova incorporación. Grazas ao financiamento da Consellería, os novos centros actualizaron os seus fondos documentais, renovaron mobiliario e adquiriron novo equipamento.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Abril Castro Purriño, do Colexio Cervantes, de Lugo, gañadora en Galicia do concurso ‘Que é un rei para ti?’

Novas Consellería de Educación - Ven, 07/06/2024 - 13:43

Summary: 

Asistirá a unha audiencia con Felipe VI e realizará unha visita ao Palacio Real

Á fase autonómica do certame concorreron 1.218 traballos de 109 centros educativos

Idioma Gallego

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, xunto coa coordinadora de Programas da Fundación Institucional Española (FIES), Victoria Revilla, e Óscar Aragón Fernández, representante institucional da Fundación Orange, participou hoxe no acto no que se deu a coñecer o nome do gañador da fase autonómica da 43ª edición do concurso Que é un rei para ti?.

Abril Castro Purriño, alumna de 6º de Primaria do colexio CPR Cervantes de Lugo, resultou gañadora en Galicia deste certame, promovido por FIES e Fundación Orange. O seu traballo O carrusel de España, amosa todas as comunidades autónomas movéndose e xirando de xeito harmónico nun tiovivo encabezado polo monarca.

A alumna vencedora asistirá, xunto co resto de representantes doutras rexións, a unha audiencia co rei Felipe VI e realizará unha visita ao Palacio Real. En total tomaron parte da fase galega 1.218 traballos realizados procedentes de 109 centros educativos.

Traballos en novos formatos

O obxectivo do concurso é fomentar nos nenos e nenas de 8 a 13 anos unha primeira toma de contacto coa figura do monarca, coa historia da Coroa e o seu papel na sociedade actual. Pode participar nel todo o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Educación Primaria, e de 1º e 2º de Educación Secundaria Obrigatoria

En liña coa transformación dixital que está a experimentar a sociedade, foméntase a presentación de traballos en novos formatos como infografías, proxectos ligados á robótica ou animación en 3D, xunto a outras formatos máis tradicionais (debuxo, escultura, redacción, etc.). No acto de hoxe, realizouse tamén a exposición dos 40 traballos finalistas en Galicia, que amosan mediante a imaxinación, a creatividade, o talento e o esforzo, a particular visión do alumnado arredor da figura de Felipe VI.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Convocatoria do concurso público de méritos para cubrir postos de persoal asesor na Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Novas Consellería de Educación - Ven, 07/06/2024 - 09:38
Idioma Gallego

Convocatoria do concurso público de méritos para cubrir postos de persoal asesor na Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

  • O prazo de presentación de solicitudes para tomar parte nesta convocatoria será de dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (prazo desde o día 10 ata o 21 de xuño).

 

File: 

Resolución do 3 de xuño de 2024 (DOG) Orde do 27 de maio de 2024 Folla de autobaremación editable (anexo II)

Tema: 

Comisións de servizo

Departamento: 

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos Subdirección Xeral de Recursos Humanos

Colectivo: 

Profesorado

Sección: 

Boletín Portada de boletín

Román Rodríguez sitúa a Galicia como un referente polo seu traballo a prol da convivencia nas aulas

Novas Consellería de Educación - Xov, 06/06/2024 - 19:00

Summary: 

Participa na entrega de premios estatais do Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade escolar, que este ano se celebran no Colexio CPI do Toural de Vilaboa, un dos centros recoñecidos

A profesora Edelmira Parga, do Instituto IES Perdouro de Burela, tamén é unha das galardoadas neste proxecto

A Xunta de Galicia reforza esta área con distintas propostas e medidas a través da Estratexia de Convivencia e do Plan integral contra o acoso e o ciberacoso

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe na entrega de premios estatais do Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade escolar nos centros educativos e a súa contorna, concedidos polo Ministerio de Interior e que este ano se celebran no Centro Público Integrado CPI do Toural de Vilaboa, un dos colexios premiados nesta edición, xunto coa profesora Edelmira Parga, do Instituto IES Perdouro de Burela.

 

O representante da Xunta de Galicia aproveitou para felicitar aos dous centros galegos galardoados. Á mestra Edelmira Parga polo seu traballo a prol da convivencia nas aulas e, en especial, “a prol da integración dun colectivo moi particular, o do alumnado de Cabo Verde”, mentres que ao CPI do Toural pola “súa gran implicación na curtametraxe sobre o acoso que puidemos ver neste acto e na organización de charlas con policías nacionais e gardas civís”, facendo destes dous centros galardoados un referente da integración, da pluralidade, da universalidade e do esforzo por abrir a educación a todo o mundo.

 

O Plan Director é un proxecto desenvolvido en toda España que busca sensibilizar, previr e detectar as situacións de risco entre o alumnado, así como mellorar o coñecemento sobre os recursos policiais para contribuír á súa seguridade. O proxecto, que se realiza de maneira coordinada cos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e coas autoridades educativas a través diversas actividades, ten como obxectivo formar ao alumnado no respeto aos dereitos e liberdades, ademais de favorecer o incremento da vixilancia policial nas inmediacións dos centros.

 

No acto de hoxe entregáronse unha trintena de premios a centros educativos e equipos docentes de toda España, así como a Gardas Civís e Policías Nacionais, servindo como “recoñecemento ao traballo feito a prol da convivencia, un deber social e colectivo de todos”, asegurou o conselleiro. “Temos un gran labor no que a educación non pode quedar ao marxe, pois a convivencia é unha das claves do éxito educativo e o que sementemos hoxe nas aulas, imos recollelo mañá na sociedade. Administracións e sociedade debemos identificar e corrixir aquelas conductas que van contra a convivencia das persoas”, salientou.

 

Convivencia nas aulas

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, consciente da importancia de fomentar un espazo san nas aulas, conta con diversos programas para facer fronte aos distintos retos a través da Estratexia galega de convivencia escolar 2025. “Esta área é unha das principais necesidades ás que responder na educación tanto no presente como no futuro”, destacou Román Rodríguez, quen recordou que en Galicia “desenvolvemos numerosas iniciativas encamiñadas a combater a desigualdade, a exclusión ou os problemas de convivencia grazas ao traballo conxunto de toda a comunidade educativa”, algo que se reflexa en bos resultados como é o caso da prohibición do uso do móbiles nas aulas, onde “os datos amosan que mellorou a convivencia e a interacción entre o alumnado, así como a redución do ciberacoso”.

 

A Estratexia galega de convivencia escolar 2025 é a folla de ruta da Xunta enfocada a afianzar un bo clima nas aulas e a consolidar un modelo de convivencia inclusiva, equitativa e de calidade, do que forma parte o Plan Integral contra o acoso e ciberacoso. Este plan fundaméntase na prevención, na detección precoz e na acción coordinada de todos os axentes implicados para garantir que os centros educativos son espazos seguros e de confianza. Así mesmo, a Consellería promove a convivencia nas aulas a través de guías de uso responsable en redes, coa creación dunha identidade dixital segura ou ofertando competencias para a xestión informativa.

 

Ademais, o Goberno galego traballa na promoción da igualdade entre homes e mulleres, na inclusión e na non discriminación. Unha serie de medidas que se reflexan en recoñecementos como “o que hoxe lle facemos ao CPI do Toural e a profesora Edelmira Parga, os que constitúen un exemplo para toda Galicia polos fitos logrados no campo da convivencia”, concluíu o titular de Educación.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

A Xunta impulsa unha política de innovación europea baseada na colaboración interrexional a través da ‘Vanguard Initiative’

Novas Consellería de Educación - Xov, 06/06/2024 - 18:37

Summary: 

A directora da Axencia Galega de Innovación participa na reunión de directores de alto nivel desta Iniciativa, unha alianza de 38 rexións europeas interesadas en estimular a innovación a través da colaboración interrexional

Pola tarde, Carmen Cotelo reúnese coa directora da Rede de Investigación e Innovación das Rexións Europeas (ERRIN) para establecer colaboracións máis estreitas con outras rexións europeas

Idioma Gallego

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia, Carmen Cotelo, participou esta mañá en Namur (Bélxica) na reunión de directores de alto nivel da Vanguard Initiative, unha alianza formada por 38 rexións europeas, da que Galicia forma parte dende 2015, que ten como obxectivo estimular o crecemento europeo baseado na innovación a través da colaboración interrexional e a especialización intelixente.

 

No marco da xuntanza, presentouse un informe sobre a posición desta Iniciativa ao respecto da orientación das novas políticas europeas de innovación. A proposta reclama unha política de innovación europea baseada en aproximacións colaborativas e nos principios da especialización intelixente. Así mesmo, presentáronse boas prácticas a nivel rexional sobre como organizar e mobilizar intermediarios e entidades claves, incluídas as pemes, para maximizar o impacto da Iniciativa.

 

Pola tarde, a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP reúnese en Bruxelas con representantes da Rede de Investigación e Innovación das Rexións Europeas (ERRIN nas súas siglas en inglés), da que Galicia forma parte xunto a outras preto de 120 rexións de 20 países europeos. O obxectivo do encontro é intentar establecer colaboracións máis estreitas con outras rexións europeas en eidos estratéxicos para Galicia. ERRIN apoia aos seus membros na mellora das súas capacidades rexionais e locais de innovación e investigación e no desenvolvemento dos seus ecosistemas de I+D+i.

 

No marco desta viaxe a Bruxelas Carmen Cotelo mantivo onte tamén varias reunións de traballo con representantes da Dirección Xeral de I+D+i da Comisión Europea e do Consello Europeo de Investigación para coñecer as oportunidades que ofrecen as novas iniciativas e fondos europeos ao ecosistema galego de I+D+i e posicionar a Galicia como un referente en distintos ámbitos como a biotecnoloxía, deep tech ou os programas de captación e retención de talento como Oportunius. Así mesmo, reuniuse con Ana Ramos, directora da oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa, coa que a axencia colabora en políticas e programas europeos de I+D+i.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

A Xunta concederá 20 premios extraordinarios ao rendemento académico ao alumnado que remate este curso a ESO con resultados excelentes

Novas Consellería de Educación - Xov, 06/06/2024 - 14:35

Summary: 

As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes ata o 6 de xullo para optar a lograr un galardón dotado con 1.000€ e un diploma acreditativo

Idioma Gallego

O alumnado que remate este curso 2023/24 os estudos de ESO con resultados excelentes poderá optar aos premios extraordinarios ao rendemento académico. A Xunta de Galicia abre a convocatoria na que un total de 20 alumnos poderán obter este galardón, dotado con 1.000 euros e un diploma acreditativo.

 

Para poder acadar este premio, os interesados deberán ter obtido no conxunto dos catro cursos da ESO unha nota media igual ou superior a nove puntos. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 8 de xullo, e formalizaranse preferiblemente por medios electrónicos a través da aplicación dispoñible no Portal Educativo ou desde a sede electrónica da Xunta de Galicia.

 

O alumnado deberá realizar, a maiores, un exame presencial sobre materias de 4º da ESO que terá carácter único en todo o territorio galego e que se celebrará o 4 de setembro. A proba estruturase en dúas partes. A primeira delas constará de diversas cuestións referidas ás materias Lingua galega e literatura, Lingua castelá e literatura (agás exencións recoñecidas) e Primeira lingua estranxeira. Na segunda parte o alumnado dará resposta a diversas cuestións teóricas e prácticas de Xeografía e historia, Matemáticas orientadas ás ensinanzas académicas ou Matemáticas orientadas ás ensinanzas aplicadas (a escoller) e dunha das seguintes materias a escoller: Bioloxía e xeoloxía, Economía, Física e química, Latín, Ciencias aplicadas á actividade profesional, Iniciación á actividade emprendedora e empresarial ou Tecnoloxía.

 

A primeira parte da proba desenvolverase nun tempo máximo de dúas horas, mentres que a segunda parte contará cun tempo máximo de 90 minutos. Os exercicios cualificaranse entre 0 e 10 puntos cun decimal e para poder aspirar ao premio, o alumnado participante deberá obter, como mínimo, 5 puntos en cada unha das materias.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Convocatoria das axudas dirixidas a escolas de música públicas e escolas de música privadas dependentes de institucións sen ánimo de lucro, curso 2023/24

Novas Consellería de Educación - Xov, 06/06/2024 - 10:49
Idioma Gallego

Xúntase a Orde do 29 de maio de 2024 pola que se convocan axudas dirixidas a escolas de música públicas e escolas de música privadas dependentes de institucións sen ánimo de lucro (códigos de procedemento ED314E e ED314D).

  • O prazo de presentación de solicitudes é desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de xullo de 2024.

 

File: 

Orde do 29 de maio de 2024 (DOG) Extracto da Orde do 29 de maio de 2024 (DOG)

Tema: 

Bolsas

Ensinanza: 

Ensinanzas de música

Departamento: 

Dirección Xeral de Formación Profesional Subdirección Xeral de Aprendizaxe Permanente, Ensinanzas Artísticas, Idiomas e Deportivas Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial e Aprendizaxe Permanente

Colectivo: 

Centros

Sección: 

Boletín

Publicación da orde de convocatoria dos premios extraordinarios de ESO ao rendemento académico correspondentes ao curso 2023-2024

Novas Consellería de Educación - Xov, 06/06/2024 - 10:27
Idioma Gallego

Xúntase a Orde do 29 de maio de 2024 pola que se convocan os premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico correspondentes ao curso 2023/24 (código de procedemento ED311D).

  • O prazo de presentación de solicitudes será dun mes; comezando o día 6 de xuño de 2024.

File: 

Orde do 29 de maio de 2024 (DOG) Extracto da Orde do 29 de maio de 2024 (DOG)

Servizo relacionado: 

Premios ao alumnado

Tema: 

Axudas e premios Premios autonómicos

Ensinanza: 

Educación secundaria obrigatoria

Departamento: 

Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo Servizo de Avaliación do Sistema Educativo

Colectivo: 

Alumnado Familias Centros

Sección: 

Boletín

Bibliotecas Escolares Solidarias 2023/2024: centros seleccionados en Voluntariado de Lectura-Primaria e Selos "Biblioteca Escolar Solidaria"

Novas Consellería de Educación - Xov, 06/06/2024 - 09:47
Idioma Gallego

Publícase a Resolución do 5 de xuño de 2024, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se resolve a concesión do Selo Biblioteca Escolar Solidaria e a selección de experiencias de Voluntariado na biblioteca escolar Primaria de centros integrados no programa BIBLIOTECAS ESCOLARES SOLIDARIAS no curso 2023/2024.

Esta é unha iniciativa integrada no Plan LIA 2021/2025 de bibliotecas escolares, da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional  (Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa) en colaboración coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude (Dirección Xeral de Xuventude).

Anuncio principal: 

BIBLIOTECAS ESCOLARES SOLIDARIAS - Convocatoria da concesión do Selo Biblioteca Escolar Solidaria e da selección de experiencias de Voluntariado de Primaria

Tema: 

Programas e plans Plan LÍA Bibliotecas escolares

Ensinanza: 

Educación primaria Educación secundaria obrigatoria

Departamento: 

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa Subdirección Xeral de Ordenación, Inclusión e Innovación Educativa

Colectivo: 

Profesorado Alumnado Centros

Sección: 

Boletín
Distribuir contido

Back to top