Novas Consellería de Educación

Distribuir contido
Actualizado: hace 12 min 19 seg

A apertura do QMIO á comunidade científica atraerá talento e investimentos a Galicia e promoverá o seu liderado no eido da computación cuántica

fai 5 horas 48 min

Summary: 

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visita o Centro de Supercomputación de Galicia coincidindo coa publicación do protocolo de acceso ao computador cuántico

“Vai redundar nunha aceleración da economía e na transferencia a aplicacións prácticas cunha gran repercusión empresarial e social” destaca o conselleiro

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou esta mañá o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) coincidindo coa apertura á comunidade científica do uso do novo computador cuántico QMIO. O responsable do departamento de Ciencia da Xunta sinalou este paso como “un fito que vai atraer talento e investimentos e vai promover o liderado de Galicia no eido da computación cuántica”.

 

Neste sentido, destacou que a nosa Comunidade parte coa vantaxe de contar desde outubro co QMIO, o primeiro computador cuántico deste tipo instalado en España e o que conta con máis cúbits do Sur de Europa nunha institución pública. Esta infraestrutura supuxo un investimento por parte da Xunta de Galicia de case 14M€, como explicou o conselleiro, que estivo acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, e do director do CESGA, Lois Orosa.

 

“Trátase dun potentísimo recurso que hoxe poñemos a disposición do ecosistema de I+D+i, principalmente o galego pero tamén de toda España, e que vai repercutir nun beneficio para practicamente todos os sectores económicos”, explicou o conselleiro. Non en balde, a computación cuántica pode aplicarse á farmacoloxía, medicina, loxística ou química, polo que vai permitir descubrir novos medicamentos, crear novos algoritmos de diagnose de enfermidades, optimizar os procesos de produción ou descubrir novos materiais, entre outros logros.

 

“O novo protocolo de acceso ao QMIO vai redundar, polo tanto, nunha aceleración da economía de Galicia e na transferencia do coñecemento a aplicacións prácticas que van ter unha gran repercusión a nivel empresarial e social”, resaltou Román Rodríguez.

 

A iniciativa enmárcase no Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia, no que se levan investidos 30M€ e que xa xeraron unha trintena de empregos directos de alta cualificación en Galicia. De feito, espérase un incremento nos próximos anos debido a os proxectos que captarán os investigadores.

 

Protocolo de acceso

O QMIO será accesible de xeito gratuíto desde hoxe á investigación e desenvolvemento que se faga nas universidades, nos centros de investigación, centros tecnolóxicos e empresas, tanto a nivel de Galicia como nacional, fomentando a colaboración entre investigadores da nosa Comunidade e de toda España. De feito, con carácter xeral, os centros de investigación nacionais terán acceso na medida en que colaboren con entidades de investigación galegas.

 

Rexerase a través dun protocolo que establece catro tipos de acceso: a través da Rede Española de Supercomputación (RES), acceso aberto, acceso reservado para o CESGA e acceso con fins educativos. O primeiro deles canalizarase a través dos protocolos da Rede Española de Supercomputación (RES) da que o CESGA é un nodo. Neste caso, o CESGA achegará o 20% do tempo dispoñible do ordenador cuántico á RES, quen asignaría os recursos a través dos protocolos definidos para tal efecto na RES.

 

No caso do acceso aberto, canalizarase a través dos trámites e convocatorias abertos polo propio CESGA. Dentro do tipo de acceso libre distínguense dous tipos de actividades, as de curto alcance (pequenos proxectos exploratorios ou probas) e as de medio e longo alcance (proxectos con necesidades grandes de recursos priorizados, con fins científicos específicos e preparados para a súa execución inmediata).

 

O terceiro tipo de acceso está reservado para o persoal do CESGA, que na actualidade conta cun grupo de investigación en Computación Cuántica composto por 11 persoas. En concreto poderá usarse para proxectos nos que participe o centro e para convenios específicos de colaboración con fins de investigación ou desenvolvemento tecnolóxico con outras institucións. Tamén se inclúen nesta categoría os proxectos de carácter estratéxico que considere.

 

Finalmente, o protocolo contempla o acceso para actividades educativas dirixidas á xeración de talento en computación cuántica realizadas por universidades galegas, centros de investigación galegos ou o CSIC, onde se dará prioridade a iniciativas que forman parte dos traballos fin de grao e fin de mestrado.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

A Xunta aprobará os decretos para a gratuidade da Universidade e dos estudos artísticos ao comezo do verán, antes de iniciar o período de matrícula

fai 7 horas 5 min

Summary: 

Román Rodríguez recalca no Parlamento que Galicia será a primeira Comunidade na que todo o ensino será gratuíto, desde a Escola Infantil ata a Universidade

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia está xa a tramitar os decretos que permitirán, a partir do vindeiro curso, que o alumnado de grao das universidades públicas galegas e os de ensinanzas artísticas superiores teñan a matrícula gratuíta. A medida será aprobada no Consello a principios de verán, a tempo para o inicio do período de matriculación. Así o explicou hoxe no Parlamento o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, que recalcou que Galicia será a primeira Comunidade na que todo o ensino será gratuíto, desde a escola infantil ata a universidade.

 

“Desde o Goberno galego levamos anos traballando para construír un sistema no que se garanta a excelencia e a igualdade de oportunidades de todo o alumnado”, lembrou, e puxo como exemplo a conxelación das taxas universitarias durante 14 anos consecutivos. “Acadamos os prezos públicos máis baixos de toda España, tanto en grao como en máster, co que as familias galegas levan aforrados 200M€ neste tempo”, sinalou.

 

Agora, con este novo paso, universalízase a gratuidade, á par que se premia o esforzo, cunha medida que vai ter un alcance potencial de 50.000 alumnos e que beneficiará aos alumnos tanto de primeiro como do resto de cursos. No caso do alumnado universitario, suporá un aforro medio de 3.000€ ao longo da carreira. E, namentres, as universidades non verán reducidos os seus ingresos, pois serán compensados polo Goberno galego.

 

Sen trámites adicionais

Román Rodríguez detallou que a nova medida se vai implementar a través de dous textos normativos, tanto para as universidades como para as ensinanzas artísticas.

 

“Levamos semanas traballando para definir estas cuestións técnicas, a nivel interno e coas propias universidades, co fin de deseñar o modo en que o alumnado poderá optar por esta bonificación”, dixo. Neste senso, adiantou que, no caso dos graos, o procedemento xa estará incorporado nas plataformas de matriculación de cada universidade (USC, UVigo e UDC) e non requirirá de ningún trámite adicional.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

O secretario xeral de Universidades enxalza os programas de doutoramento no 50 aniversario dos estudos de Pedagoxía en Galicia

fai 8 horas 40 min

Summary: 

José Alberto Díez participa na inauguración do simposio organizado pola Facultade de Ciencias de Educación da USC 

Idioma Gallego

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, participou hoxe no acto de inauguración do Simposio internacional sobre o doutoramento en Educación. Coñecemento e acción transformadora, para celebrar o 50 aniversario dos estudos de Pedagoxía en Galicia.

Organizado pola Facultade de Ciencias da Educación, xunto co Departamento de Pedagoxía e Didáctica e o Instituto de Ciencias da Educación (ICE), o simposio quere servir como punto de encontro entre investigadores do ámbito da Educación para analizar a situación e perspectivas do Doutoramento en Educación no marco dunha sociedade do coñecemento. “Estes encontros, que apoiamos desde a Xunta de Galicia, son fundamentais para continuar mellorando o noso sistema universitario e a calidade dos seus estudos, onde os programas de doutoramento son fundamentais”, afirmou o representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP. 

O encontro, que se prolongará ata mañá, busca poñer en común entre os participantes a relevancia e calidade dos programas de doutoramento, para estudar as súas disintas modalidades e xerar espazos de debate e participación dos estudantes. Nel participan doutores e profesores universitarios que achegan a súa visión do sistema en España, Finlandia, Portugal, Cuba e Chile, entre outros.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Román Rodríguez avanza que a Xunta comeza a deseñar un novo plan de I+D+i que supoña un salto cualitativo e cuantitativo para Galicia

Mar, 14/05/2024 - 21:59

Summary: 

O conselleiro de Educación reúnese con representantes dos centros tecnolóxicos, aos que transmite o obxectivo de acadar unha Galicia máis competitiva

Destaca a importancia de fomentar a colaboración público-privada coas universidades e os seus centros de investigación

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, avanzou hoxe que a Xunta vai comezar a deseñar un novo Plan de I+D+i que vai supoñer un salto cualitativo e cuantitativo, “co obxectivo de posibilitar a sinerxía entre o coñecemento, a innovación e a ciencia e así dar resposta aos requerimentos dos sectores produtivos para acadar unha Galicia máis competitiva”.

Fíxoo na súa primeira reunión de traballo con representantes  destas entidades privadas que desenvolven o seu labor co apoio público a través Axencia Galega de Innovación (GAIN),  logo do cambio de competencias, centralizadas agora en Educación. O obxectivo do encontro “é sentar as bases dunha colaboración fluída e máxima e así mellorar o moito e bo que ten feito Galicia en materia de investigación e innovación durante os últimos anos”, explicou. 

Román Rodríguez recalcou o compromiso do Goberno galego con potenciar a ciencia e a transferencia de coñecemento dos centros tecnolóxicos aos sectores produtivos e á sociedade. Agradeceu, ademais a aposta pola innovación destas entidades “que aportan un gran valor e coñecemento a sectores básicos para a economía, como poden ser o naval ou a alimentación, entre outros”, destacou. 

Interlocución para aunar estratexias

Neste sentido, o conselleiro manifestou o seu compromiso con ter en conta todo o coñecemento destes centros para deseñar políticas públicas de apoio que respondan ás súas necesidades, “sumando estratexias en prol da competitividade das industrias e dos sectores produtivos e, como consecuencia, para xerar desenvolvemento no conxunto de Galicia“.

Román Rodríguez fixo fincapé na necesidade de seguir mellorando o posicionamento destes centros, o seu rendemento e a captación de fondos estatais e europeos, da man das empresas e fomentando a colaboración público-privada coas universidades e os seus centros de investigación.

A Consellería realizará unha rolda de visitas a estes centros para coñecer o seu labor e potencialidades, de cara a un maior aproveitamento das mesmas dentro do ecosistema de I+D+i galego.

Ademais de Román Rodríguez, participaron na reunión o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo. Por parte dos centros tecnolóxicos asistiron a directora de Operacións e Organización de Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas, Pescados e Mariscos (ANFACO-CECOPESCA), Miriam Costas; o director xerente da Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste (AIMEN), Jesús Lago; o director do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), Luis Moreno; o director xeral da Fundación Centro Tecnolóxico de Telecomunicación de Galicia (GRADIANT), Luis Pérez; o director da Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), Carlos Calvo Orosa; o director xeral do Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sustentabilidade Enerxética (ENERGYLAB), Fernando Val; o director xeral do Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM), Toni Pons; o presidente do Clúster de Acuicultura de Galicia (CETGA), Santiago Cabaleiro, e a directora do Centro Galego de Investigacións da Auga (CETAQUA), Teresa Alvariño.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Román Rodríguez recibe unha delegación do Goberno cántabro que visita Galicia para coñecer as claves da calidade e equidade do sistema educativo

Mar, 14/05/2024 - 21:15
Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse no Centro de Innovación Educativa e Dixital cunha delegación da Consellería de Educación, Formación Profesional e Universidades do Goberno de Cantabria que visita estes días Galicia para coñecer o noso sistema educativo, especialmente no que atinxe á calidade e á equidade educativa. Non en balde, visitaron varios centros rurais da provincia de Pontevedra e manterán reunións técnicas cos responsables da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

O titular do departamento educativo da Xunta deulles a benvida e puxo á súa disposición toda a información relativa á xestión de centros, con especial fincapé no ensino rural, no que Galicia é un referente e un distrito educativo único, pois o alumnado ten as mesmas oportunidades independentemente do tipo do centro no que estude e onde estea situado. Por parte da delegación cántabra visitan Galicia a directora xeral de Centros e Infraestruturas Educativas, Reyes Mantilla; o director xeral de Calidade e Equidade Educativa e Ordenación Académica, José Luis Blanco, así como Eduardo Obrado e Araceli  Ramirez, membros da Unidade Técnica de Calidade Educativa.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

A Xunta aposta por xerar sinerxías entre Administración, empresas e centros tecnolóxicos para aproveitar o potencial da Intelixencia artificial

Mar, 14/05/2024 - 21:10

Summary: 

Román Rodríguez avoga por priorizar unha I+D+i que xurda da colaboración público-privada

No encontro presentouse un proxecto pioneiro a nivel mundial para facilitar o uso da IA na industria europea

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia vai apostar polo impulso e o aproveitamento de sinerxías entre a Administración, o tecido empresarial e os centros tecnolóxicos para impulsar as potencialidades da Intelixencia Artificial e a súa aplicación práctica no día a día. Así se comprometeu o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, con motivo da clausura da xornada A Intelixencia Artificial para unha industria competitiva, organizada polo centro tecnolóxico AIMEN.

Na súa intervención, o titular de Ciencia do Goberno galego avogou por priorizar unha “I+D+i que naza da colaboración público-privada, e coa que poder ampliar as oportunidades de crecemento, de retención do talento e de transferencia do coñecemento á realidade empresarial”. O obxectivo principal é xerar negocio aproveitando os recursos que brinda a Intelixencia Artificial, para o que é “imprescindible integrar a transferencia dese coñecemento nas dinámicas empresariais para garantir a sustentabilidade económica, produtiva e globalizadora e, así, asegurar un capital humano altamente cualificado”, remarcou o representante da Xunta.

Colaboración con institucións de oito países

O encontro de hoxe, no que o conselleiro estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, serviu tamén de marco de presentación do proxecto AI-MATTERS,  proxecto pioneiro a nivel mundial para facilitar o uso da Intelixencia Artificial na industria europea, no cal participa AIMEN xunto con outras institucións europeas de oito países diferentes. En concreto, este centro tecnolóxico promoverá a aplicación da IA para procesos industriais no que é punteiro, como a fabricación aditiva, os procesos de fabricación baseados en tecnoloxía láser ou a fabricación de estruturas multimateria.

Román Rodríguez fixo fincapé neste proxecto, o que “permitirá afianzar os vínculos que existen entre os centros de coñecemento e o tecido empresarial, facéndoo como garantía de calidade en todos os puntos da cadea produtiva”. Isto posibilitará un maior “acceso a proxectos de investigación e desenvolvemento tecnolóxico no eido da I+D+i, dando prioridade á tecnoloxía diferencial para mellorar a produción e singularizar o selo propio da nosa industria”, engadiu.

Non en balde,  AIMEN Centro Tecnolóxico, cunha traxectoria de máis de 56 anos ao servizo da innovación e a industria, é un referente nacional en I+D+i e na prestación de servizos tecnolóxicos no eido dos materiais, os procesos de fabricación avanzada, a dixitalización e a sostibilidade.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Román Rodríguez enxalza o “papel fundamental” das bibliotecas escolares na formación académica e persoal do alumnado

Mar, 14/05/2024 - 14:45

Summary: 

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP entrega o Premio Clubs de Lectura 2024 a autora Arantza Portabales na XVI edición das súas xornadas anuais

Galicia é unha das mellores comunidades autónomas en competencia lectora segundo o último informe PISA, con 485 puntos, 11 e 9 máis que España e a OCDE

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, entregou hoxe o premio Clubs de Lectura 2024 á escritora Arantza Portabales, que acada este galardón por ser a autora galega máis lida nas bibliotecas escolares durante o curso. “Soubo xuntar nas súas obras calidade, talento e singularidade, algo que conquistou aos mozos lectores”, afirmou o conselleiro, que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández.

A entrega deste premio enmárcase na XVI Xornada de Clubs de Lectura, que congregou a máis de 400 coordinadores destes espazos educativos co obxectivo de compartir experiencias e afondar en novas accións sobre o libro e a lectura. “As bibliotecas escolares e os Clubs de Lectura son lugares de coñecemento, de innovación e de creatividade, algo que redunda nunha boa formación académica e persoal do alumnado”, destacou Román Rodríguez sobre o “papel fundamental” que xogan estes espazos.

De feito Galicia é unha das mellores comunidades autónomas en competencia lectora segundo o último informe PISA, con 485 puntos, 11 e 9 máis que a media de España e da OCDE. As bibliotecas escolares galegas destacan pola calidade dos espazos de aprendizaxe, polas as actividades relacionadas co tratamento da información e competencias dixitais ou pola formación en diversidade e igualdade.

Os recursos educativos

“Os Clubs de Lectura son unha proposta fundamental para o desenvolvemento persoal e colectivo da mocidade galega”, dixo o representante da Xunta de Galicia sobre este programa no que participan uns 450 centros. A través desta iniciativa, búscase fomentar hábitos de lectura entre os participantes e contribuír á creación dun ambiente proclive á experiencia lectora entre os distintos sectores da comunidade educativa.

Este programa, xunto co Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), Biblioteca Creativa, Radio na Biblio, Lectura e familias, Bibliotecas Escolares Solidarias e outras accións, enmárcase no Plan LÍA (Lectura, Información, Aprendizaxe), a folla de ruta da Consellería de Educación neste campo. Este curso destináronse máis de 2,3M€ ás diferentes accións en materia de bibliotecas escolares incluídas no Plan, co fin de fomentar as competencias lectoras do alumnado.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Unha delegación do goberno de Cantabria visita o Colexio Rural agrupado de Vilaboa e o CEIP A Lama para coñecer os seus programas educativos

Mar, 14/05/2024 - 14:31
Idioma Gallego

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, visitou hoxe o Colexio Rural agrupado de Vilaboa Consuelo González e o Colexio CEIP A Lama cunha delegación da Consellería de Educación, Formación Profesional e Universidades do Goberno de Cantabria, que viaxa estes días por Galicia para coñecer o noso sistema educativo, especialmente no que atinxe á calidade e á equidade educativa. Forman parte da delegación a directora xeral de Centros e Infraestruturas Educativas, Reyes Mantilla; o director xeral de Calidade e Equidade Educativa e Ordenación Académica, José Luis Blanco, así como Eduardo Obrado e Araceli Ramirez, membros da Unidade Técnica de Calidade Educativa.

Ao longo da mañá os representantes do Goberno de Cantabria coñeceron o funcionamento de dúas das escolas do Colexio Rural Agrupado, a de Bértola e a de Figueirido, así como a sede central da mesma e o CEIP A Lama. Ademais, afondaron nos diferentes programas educativos implantados nos centros, como os Polos Creativos, o plurilingüismo, os contratos-programa, o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares ou Radio na Biblio, entre outros.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Probas libres para a obtención de títulos FP (LOE e LOXSE). Curso 2023-2024

Mar, 14/05/2024 - 09:20
Idioma Gallego

Publicada a listaxe definitiva de solicitudes de persoas admitidas e excluídas para as probas libres para a obtención de títulos de FP.

Máis información

Tema: 

Escolarización

Ensinanza: 

Formación Profesional inicial

Departamento: 

Dirección Xeral de Formación Profesional Subdirección Xeral de Cualificacións, Planificación e Xestión da Formación Profesional Servizo de Xestión da Formación Profesional

Colectivo: 

Alumnado

A Xunta abrirá este mércores a investigadores de Galicia e de toda España o computador cuántico do CESGA para posicionar a Galicia na vangarda neste eido

Lun, 13/05/2024 - 16:17

Summary: 

A nova infraestrutura QMIO priorizará ao I+D+i galego que se faga nas universidades, nos centros de investigación, centros tecnolóxicos e empresas

Un protocolo de acceso asignará os permisos en función do interese científico das propostas e fomentará a colaboración entre investigadores de Galicia e do resto do Estado co obxectivo de gañar relevancia científica e atraer talento a Galicia

A iniciativa enmárcase no Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia, no que se levan investidos 30M€ e que suma unha trintena de empregos de alta cualificación

Idioma Gallego

A Xunta vai poñer a disposición do ecosistema de I+D+i, principalmente o galego pero tamén de toda España, o computador cuántico QMIO, situado no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). O obxectivo é situar a Galicia á vangarda nesta tecnoloxía, aínda en pleno desenvolvemento, e que está a xerar un amplo interese a nivel internacional nestes momentos. Trátase do primeiro computador cuántico deste tipo instalado en España e o que conta con máis cúbits do Sur de Europa instalado nunha institución pública.

A nova infraestrutura, despregada por Fujitsu en funcionamento desde outubro de 2023, estará aberta desde este mércores, día 15 de maio, á investigación e desenvolvemento que se faga nas universidades, nos centros de investigación, centros tecnolóxicos e empresas, tanto a nivel de Galicia como nacional. Darase acceso a través dun protocolo que fomenta a colaboración entre investigadores da nosa Comunidade e de toda España, co obxectivo de gañar relevancia científica e atraer talento. De feito, con carácter xeral, os centros de investigación nacionais terán acceso na medida en que colaboren con entidades de investigación galegas.

A maiores, resérvase unha pequena parte con fins formativos e xeración de talento, así como para uso do propio Centro de Supercomputación de Galicia, que na actualidade conta cun grupo de investigación en Computación Cuántica composto por 11 persoas.

A iniciativa enmárcase dentro do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia, nos que a Xunta e outras institucións levan executado un investimento de 30M€.

Aplicación en diversos ámbitos

Cómpre sinalar que as tecnoloxías cuánticas actuarán, a medio e longo prazo, como o elemento tecnolóxico disruptivo que acelerará o desenvolvemento económico en practicamente todos os sectores ao dar lugar a innumerables aplicacións e avances en medicina, intelixencia artificial, medio ambiente, biotecnoloxía, farmacoloxía, química, aeronáutica, automoción, loxística, telecomunicacións, finanzas, etc.

Como consecuencia, a computación cuántica permitirá descubrir novos medicamentos, deseñar novos materiais, descubrir novos procesos químicos, acelerar e reducir o consumo dos modelos de intelixencia artificial, optimizar os procesos de produción, e mellorar a eficiencia enerxética, entre outros aspectos. Como exemplo, no marco do proxecto Europeo NExt ApplicationS of Quantum Computing (NEASQC), no que o CESGA participa xunto coa Universidade da Coruña (UDC), xa se acadaron fitos como a creación de dous novos algoritmos financeiros e de diagnose de cancro.

Abrindo o acceso ao QMIO para actividades de I+D+i búscase situar a comunidade investigadora á vangarda nesta tecnoloxía emerxente e situar a Galicia no liderado da investigación e innovación en tecnoloxías cuánticas da información nos próximos anos.

De feito, as actuacións postas en marcha do Polo de Tecnoloxías Cuánticas xa xeraron unha trintena de empregos directos de alta cualificación en Galicia, e espérase un incremento nos próximos anos debido a os proxectos que captarán os investigadores.

Protocolo e tipos de acceso

O acceso ao QMIO será gratuíto e está destinado exclusivamente a actividades de I+D+i, reservando unha pequena parte para fins educativos dirixidos á xeración de talento en computación cuántica. Para organizar a explotación deste recurso, establécese un protocolo de acceso que asignará os permisos avaliando o seu interese científico, aínda que tamén se contempla o acceso directo a pequenos proxectos exploratorios en probas.

O protocolo establece catro tipos de acceso: a través da Rede Española de Supercomputación (RES), acceso aberto, acceso reservado para o CESGA e acceso con fins educativos. O primeiro deles canalizarase a través dos protocolos da Rede Española de Supercomputación (RES) da que o CESGA é un nodo. Neste caso, o CESGA achegará o 20% do tempo dispoñible do ordenador cuántico á RES, quen asignaría os recursos a través dos protocolos definidos para tal efecto na RES.

No caso do acceso aberto, canalizarase a través dos trámites e convocatorias abertos polo propio CESGA. Dentro do tipo de acceso libre distínguense dous tipos de actividades, as de curto alcance (pequenos proxectos exploratorios ou probas) e as de medio e longo alcance (proxectos con necesidades grandes de recursos priorizados, con fins científicos específicos e preparados para a súa execución inmediata).

O terceiro tipo de acceso está reservado para o persoal do CESGA, para proxectos nos que participe o centro e para convenios específicos de colaboración con fins de investigación ou desenvolvemento tecnolóxico con outras institucións. Tamén se inclúen nesta categoría os proxectos de carácter estratéxico que considere.

Finalmente, o protocolo contempla o acceso para actividades educativas por universidades galegas, centros de investigación galegos ou o CSIC, onde se dará prioridade a iniciativas que forman parte dos traballos fin de grao e fin de mestrado.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

O Ciclo de Cultura científica da Xunta afonda na accesibilidade da tecnoloxía da man de Juan Montiel

Lun, 13/05/2024 - 16:08

Summary: 

Enxeñeiro senior de software de Microsoft, dedícase de xeito profesional a desenvolver aplicacións que fagan máis fácil a vida das persoas invidentes

Achegará numerosos recursos accesibles prácticos, sinxelos e ao alcance de calquera persoa para desenvolver as tarefas máis habituais

Idioma Gallego

O do Ciclo de Cultura Científica da Xunta de Galicia volve este xoves 16 de maio á Cidade da Cultura, da man de Juanjo Montiel Pérez, enxeñeiro senior de software de Microsoft que achegará unha ollada desde a discapacidade e a plena integración da tecnoloxía na conferencia Tecnoloxía: inclusión ou exclusión... dúas letras e unha vida de diferenzas.

O relator, invidente desde o seu nacemento, dedícase desde 2007 de xeito profesional a crear aplicacións accesibles tanto web como de escritorio. Moitas delas teñen o obxectivo de facilitar a vida das persoas con discapacidade visual, tanto permitíndolles conxuntar a roupa, como descargar libros de xeito accesible ou participar en xogos de rol, entre outros. O seu talento valeulle en 2017 o premio Most Valuable Professional de Microsoft, outorgado pola multinacional ás persoas máis destacadas nas comunidades técnicas que comparten os seus coñecementos e lideran cambios.

Na conferencia do xoves, Juanjo Montiel afondará en como a tecnoloxía pode ser un aliado ou, mesmo, un obstáculo, cando non se utiliza con sentidiño. Desde unha óptica do deseño universal das ferramentas tecnolóxicas achegará numerosos recursos accesibles prácticos, sinxelos e ao alcance de calquera persoa para desenvolver as tarefas máis habituais, como comprar un billete de transporte ou a unha aplicación de móbil, nas que moitas veces as persoas invidentes atopan problemas.

O relatorio poderá seguirse de forma presencia no auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia, de 18,00 a 19,30 h., e tamén será retransmitida en streaming na canle de YouTube da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

Calendario do ciclo

Baixo o título Tecnoloxía con sentidiño, o Ciclo de Cultura Científica da Xunta chega ao seu ecuador, tras as conferencias de Héctor Ruíz Martin, Espido Freire e José César Perales. O 28 de maio, Javier Saéz de los Terreros, responsable da comunicación dixital do Museo del Prado en Madrid, descubrirá aos asistentes como achegar a tecnoloxía cara un público que non visita os museos co relatorio Estratexias de comunicación dixital. As redes sociais do Museo do Prado.

O 4 de xuño será a quenda de Francisco Bellas Bouza, investigador e especialista en Intelixencia artificial do CITIC da Universidade da Coruña e do Centro de Innovación Educativa e Dixital, quen abordará o impacto das novas tecnoloxías na sociedade con Educación na era da Intelixencia Artificial: vaiamos a modo.

A última conferencia desenvolverase o 11 de xuño, da man de Luis Sánchez Santos, profesional sanitario do Sergas. Achegará unha visión desde a pediatría e as Ciencias da saúde co relatorio Cruzando saúde infanto-xuvenil e tecnoloxía.

O ciclo está dirixido ao público en xeral, comunidade educativa e aos docentes. O profesorado asistente ao ciclo completo recibirá un certificado de 12 horas de formación do profesorado. Coas charlas configurarase un libro, cun artigo específico para cada unha delas.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Arredor de 200 docentes afianzan a súa formación en linguas estranxeiras con estratexias para a dinamización na aulas e novos recursos didácticos

Sáb, 11/05/2024 - 13:10

Summary: 

Román Rodríguez destaca as distintas accións impulsadas pola Xunta neste eido como a certificación de competencias lingüísticas ou a mobilidade internacional

Tamén participa na xornada sobre intelixencia artificial de CECE-Galicia

Idioma Gallego

Arredor de 200 docentes participan hoxe nunha xornada de formación en linguas estranxeiras organizada pola Xunta de Galicia, a través do Centro Autonómico de Formación e Recursos, para afondar en novas metodoloxías e estratexias para a dinamización nas aulas así como sobre o uso de novos recursos didácticos e sobre os retos e as posibilidades que abre o emprego da intelixencia artificial entre outros.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, subliñou a importancia da competencia plurilingüe no contexto actual e puxo en valor o conxunto de iniciativas que está reforzando a Xunta de Galicia a través da Estratexia de Linguas Estranxeiras Edulingüe 2030 “coa continuidade e a consolidación dos programas levados a cabo na última década e nos que  se inclúen novos retos de calidade vencellados non só á internacionalización, senón tamén á inclusión e á innovación”.

O conselleiro referiuse, en concreto, ao reforzo da certificación das competencias lingüísticas tanto para o profesorado como para o alumnado como “unha das apostas” dos próximos anos co desenvolvemento, xa en marcha, “dun programa intensivo” de certificación e acreditación no marco europeo. 

A intelixencia artificial ao servizo da educación

O titular de Educación participou tamén nas xornadas sobre intelixencia artificial organizadas por CECE-Galicia, onde puxo de manifesto o compromiso do Goberno galego por “actualizar e reorientar” o uso das novas tecnoloxías e as “inmensas posibilidades” que abren no eido formativo.

Neste senso, a través da Estratexia de Educación Dixital, Edudixital 2030, a Consellería de Educación pon á disposición da comunidade educativa distintas ferramentas tanto no que atinxe á formación académica como a aspectos relativos ao uso seguro das novas tecnoloxías.

Tamén neste eido, estase implantando un procedemento de Acreditación da Competencia Dixital para alumnado, profesorado e persoas adultas, co fin de reforzar a capacitación no uso das novas tecnoloxías.

Finalmente, o conselleiro referiuse ao proxecto EdugaIA, de aplicación das vantaxes da intelixencia artificial á administración educativa dixital, para mellorar a toma de decisións de cara ao éxito escolar, crear un expediente académico centralizado e habilitar unha ventanilla única de comunicación da comunidade educativa.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

A Xunta convoca as axudas á edición de materiais didácticos en lingua galega para o ano 2024

Sáb, 11/05/2024 - 13:06

Summary: 

Destina 200.000 euros a fomentar a elaboración e publicación de recursos didácticos curriculares en galego e favorecer o tecido da industria editorial galega

As editoriais poderán solicitar estas subvencións a través da sede electrónica da Administración autonómica ata o 7 de xuño

Idioma Gallego

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou as subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios. Trátase dunha liña de axudas destinada á edición de materiais en formato impreso ou dixital á que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude achega durante este ano 200.000 euros.

O obxectivo da convocatoria, dirixida ás empresas do sector editorial, é fomentar a elaboración e publicación de recursos didácticos curriculares en galego no ensino regrado e favorecer o tecido da industria editorial galega. Aquelas que cumpran os requisitos deberán solicitar as axudas obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario da sede electrónica da Xunta ata o 7 de xuño.Será subvencionable a elaboración e edición en lingua galega dos recursos didácticos curriculares e complementarios destes para niveis non universitarios realizados en soportes impresos ou dixitais. Quedan excluídos destas subvencións libros de creación literaria, dicionarios, enciclopedias, libros de bibliófila, volumes de difusión gratuíta, publicacións de clubs de lectura ou similares, obras que non sexan primeira edición ou proxectos con contidos idénticos aos xa subvencionados nalgunha das tres últimas convocatorias, con independencia do soporte ou formato no que se presenten. 

Os materiais editados en soporte impreso deberán ter unha tiraxe mínima de 1.000 exemplares e os editados en soporte dixital ou audiovisual, de 500. En calquera caso, as publicacións electrónicas, pola súa natureza, non están suxeitas a este requisito e, de se editar nalgún soporte tanxible (memoria USB, CD, DVD ou outros), a tiraxe mínima será de 50 exemplares.

Os proxectos presentados serán valorados por unha comisión en función da súa orixinalidade -primando as obras de creación propia sobre as adaptacións ou refundicións- e da súa calidade, que se medirá en función da adaptación dos materiais ao currículo oficial, do tipo de actividades propostas, da relación dos contidos cos intereses e coñecemento do alumnado destinatario, do tratamento dos valores democráticos, da adecuación á realidade cultural e social de Galicia e, por suposto, da calidade lingüística. 

Ademais, os materiais destinados á formación profesional específica ou ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo obterán un incremento final da puntuación global dun 20 %. 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Back to top