A Xunta aposta por xerar sinerxías entre Administración, empresas e centros tecnolóxicos para aproveitar o potencial da Intelixencia artificial

Román Rodríguez avoga por priorizar unha I+D+i que xurda da colaboración público-privada

No encontro presentouse un proxecto pioneiro a nivel mundial para facilitar o uso da IA na industria europea

Mar, 14/05/2024 - 21:10
a

A Xunta de Galicia vai apostar polo impulso e o aproveitamento de sinerxías entre a Administración, o tecido empresarial e os centros tecnolóxicos para impulsar as potencialidades da Intelixencia Artificial e a súa aplicación práctica no día a día. Así se comprometeu o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, con motivo da clausura da xornada A Intelixencia Artificial para unha industria competitiva, organizada polo centro tecnolóxico AIMEN.

Na súa intervención, o titular de Ciencia do Goberno galego avogou por priorizar unha “I+D+i que naza da colaboración público-privada, e coa que poder ampliar as oportunidades de crecemento, de retención do talento e de transferencia do coñecemento á realidade empresarial”. O obxectivo principal é xerar negocio aproveitando os recursos que brinda a Intelixencia Artificial, para o que é “imprescindible integrar a transferencia dese coñecemento nas dinámicas empresariais para garantir a sustentabilidade económica, produtiva e globalizadora e, así, asegurar un capital humano altamente cualificado”, remarcou o representante da Xunta.

Colaboración con institucións de oito países

O encontro de hoxe, no que o conselleiro estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, serviu tamén de marco de presentación do proxecto AI-MATTERS,  proxecto pioneiro a nivel mundial para facilitar o uso da Intelixencia Artificial na industria europea, no cal participa AIMEN xunto con outras institucións europeas de oito países diferentes. En concreto, este centro tecnolóxico promoverá a aplicación da IA para procesos industriais no que é punteiro, como a fabricación aditiva, os procesos de fabricación baseados en tecnoloxía láser ou a fabricación de estruturas multimateria.

Román Rodríguez fixo fincapé neste proxecto, o que “permitirá afianzar os vínculos que existen entre os centros de coñecemento e o tecido empresarial, facéndoo como garantía de calidade en todos os puntos da cadea produtiva”. Isto posibilitará un maior “acceso a proxectos de investigación e desenvolvemento tecnolóxico no eido da I+D+i, dando prioridade á tecnoloxía diferencial para mellorar a produción e singularizar o selo propio da nosa industria”, engadiu.

Non en balde,  AIMEN Centro Tecnolóxico, cunha traxectoria de máis de 56 anos ao servizo da innovación e a industria, é un referente nacional en I+D+i e na prestación de servizos tecnolóxicos no eido dos materiais, os procesos de fabricación avanzada, a dixitalización e a sostibilidade.