Novas Consellería de Educación

Distribuir contido
Actualizado: hace 20 horas 23 min

Rueda anuncia que a FP galega terá a oferta máis alta da súa historia no vindeiro curso

Xov, 30/05/2024 - 14:19

Summary: 

Salienta que se van reforzar os títulos de alta especialización que permiten combinar materias ou cursos de ciclos distintos para formar perfís profesionais moi concretos

Galicia é pioneira neste tipo de ensinanzas ao ofertar o ano que vén 24 títulos especializados, 13 deles de nova implantación

O obxectivo é garantir a inserción laboral dos alumnos que xa está no 85 % e chega case ao 100 % no caso da FP Dual

Subliña a oportunidade que ten o sector da automoción de Galicia para situarse como referente da mobilidade sustentable do futuro

Idioma Gallego

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a aposta do Goberno galego por promover a Formación Profesional ao ampliar, un ano mais, a oferta de prazas cara ao vindeiro curso 2024-2025.

Durante a inauguración do I Congreso de Mobilidade Sustentable en Medios de Transporte- FP Galega que se celebra en Vilagarcía de Arousa, Rueda adiantou que o Consello da Xunta aprobará o luns a oferta de FP para o novo ano académico que será a máis alta da súa historia. O obxectivo é ofrecer estudos especializados e adaptados ás necesidades do territorio e o tecido empresarial galego para garantir a inserción laboral das persoas que opten por estas ensinanzas.

Nesta liña, o presidente asegurou que se van reforzar os chamados títulos de alta especialización, é dicir, as ensinanzas que permiten que os alumnos combinen cursos ou materias de ciclos ou graos distintos coa finalidade de formar a profesionais con perfís moi concretos e especializados. O vindeiro curso serán 24 as titulacións deste tipo que se ofertarán en Galicia, 13 delas de nova implantación.

Galicia é pioneira en toda España en poñer en marcha este tipo de titulacións coas que dar resposta específica as demandas do tecido produtivo da comunidade. O presidente da Xunta asegurou que “as sociedades que non dan importancia á FP son aquelas que non van poder evolucionar ao ritmo que evoluciona o mercado e a demanda”.

Rueda, que lembrou a “revolución silenciosa” que experimentou a FP galega nos últimos anos -ao aumentar un 80 % o número de matriculados desde 2009 e acadar datos históricos con máis de 64.000 alumnos-, fixo fincapé en que nestas ensinanzas a taxa de inserción laboral é do 85 % e case chega ao 100 % no caso da FP Dual.

Ademais salientou a importancia de foros como este Congreso para que empresas e comunidade educativa colaboren e sumen forzas para afrontar os retos e desafíos dun dos principais motores da economía en Galicia como é a automoción que representa máis do 13 % do PIB galego e xera 25.000 empregos en toda Galicia.

Nesta liña, o titular do Goberno galego lembrou que este sector está a vivir unha gran transformación coa chegada do vehículo eléctrico e a aposta por desprazamentos máis sustentables. Rueda subliñou que Galicia xa é líder nacional na produción de vehículos e ten unha grande oportunidade para ocupar un papel prioritario no deseño da mobilidade do futuro.

O Goberno galego reforza o compromiso cunha mobilidade máis respectuosa co medio ambiente mediante a folla de ruta cara 2050, a Estratexia Galega de Mobilidade, dotada de 420 millóns de euros. Ademais, o Executivo galego acaba de aprobar unha liña de 18 millóns de euros para axudar as empresas auxiliares de automoción na adaptación aos novos modelos de produción e segue reclamando ao Goberno central infraestruturas claves como a conexión ferroviaria de alta velocidade con Portugal.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

A solicitude de praza nas escolas oficiais de idiomas para o próximo curso será do 24 de xuño ao 5 de xullo

Xov, 30/05/2024 - 14:12

Summary: 

Os estudantes de novo acceso deberá realizar unha preinscrición nesas datas e, de obter praza, formalizará a matrícula entre o 9 e o 19 de xullo

Para os alumnos que continúan estudos o prazo de matrícula vai do 18 ao 28 de xuño

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia abrirá o 24 de xuño o prazo para solicitar praza nas escolas oficiais de idiomas para o vindeiro curso 2024-25. Así o publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, onde se regula a preinscrición, admisión, matrícula e organización académica desta ensinanza de réxime especial.

Actualmente, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP conta con 11 escolas oficiais de idiomas con un total de 28.500 alumnos matriculados. Todos eles teñen acceso a 11 idiomas diferentes: alemán, árabe, chinés, francés, inglés, italiano, portugués, ruso, xaponés, español para estranxeiros e galego.

Para acceder a súa formación é necesario ter 16 anos cumpridos no ano natural en que se comecen os estudos, aínda que aquelas persoas que teñan cumpridos os 14 anos poderán seguir as ensinanzas dun idioma distinto do cursado na Educación Secundaria Obrigatoria como primeira lingua estranxeira.

Novo ingreso

No caso dos alumnos de novo ingreso para o nivel básico A1 de calquera dos idiomas impartidos nas EOI, deberán realizar unha preinscrición en liña entre o 24 de xuño e o 5 de xullo.

Cada persoa poderá presentar unha única solicitude con tres preferencias priorizadas de grupos nun máximo de dous idiomas. A adxudicación de prazas realizarase nun acto público o día 8 de xullo ás 9,00 horas na Escola Oficial de Idiomas de Vilagarcía de Arousa.

O alumnado de nova incorporación que obteña praza no dito sorteo de preinscrición deberá matricularse entre o 9 e o 19 de xullo.

Continuidade de estudos

No caso do alumnado matriculado no actual curso 2023-24, e que desexe continuar estudos no curso 2024-25 no mesmo idioma e escola, deberá formalizar a matrícula entre o 18 e o 28 de xuño en convocatoria ordinaria. A convocatoria extraordinaria de matrícula (para os que non resultaron aptos ou non se presentaron na ordinaria) irá do  28 de xuño ao 5 de xullo.

Tanto para alumnos de novo ingreso como de continuidade, a matrícula tense que formalizar obrigatoriamente en liña.

Non obstante, unha vez que remate o proceso de matrícula e ata o día 20 de setembro, no caso de quedaren prazas vacantes, cada escola poderá cubrilas coas listaxes de espera, en caso de habelas, ou atendendo as peticións que alumnado de novo acceso que non realice o proceso de preinscrición. As escolas non poderán facer pública ningunha oferta de prazas vacantes mentres existan listas de agarda.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Probas de acceso a ciclos formativos de grao superior. Cualificacións definitivas. Convocatoria 2024

Xov, 30/05/2024 - 13:43
Idioma Gallego

Publicada a listaxe definitiva de cualificacións das probas de acceso a ciclos formativos de grao superior.

A partir do 3 de xuño poderanse solicitar os certificados da proba de acceso en calquera dos centros de inscrición (centros docentes públicos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional que impartan ciclos formativos de formación profesional no curso académico 2023-2024).

Mais información.

Tema: 

Escolarización

Ensinanza: 

Formación Profesional inicial

Departamento: 

Dirección Xeral de Formación Profesional Subdirección Xeral de Cualificacións, Planificación e Xestión da Formación Profesional Servizo de Xestión da Formación Profesional

Colectivo: 

Alumnado

A Xunta convoca tres novas prazas de investigador distinguido no programa Oportunius para captar e reter talento científico en Galicia

Xov, 30/05/2024 - 13:09

Summary: 

Deste xeito superarase, por primeira vez, a vintena de investigadores contratados polo Goberno galego ao abeiro deste programa

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 14 de xuño e a convocatoria céntrase nas áreas de Ciencias Sociais e Humanidades e Ciencias Físicas e Enxeñaría

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia vén de publicar a convocatoria de tres novas prazas de investigador distinguido para persoas beneficiarias dunha bolsa do Consello Europeo de Investigación (ERC) no programa Oportunius de xeración, retención, retorno e atracción de talento. Deste xeito, superarase, por primeira vez, a vintena de investigadores contratados polo Goberno galego ao abeiro deste programa, integrado neste momento por 18 persoas vencelladas ás tres universidades públicas de Galicia.

As persoas que obteñan estas prazas poderán desenvolver a súa actividade investigadora en Galicia, baixo a modalidade de persoal investigador distinguido. Farano nun organismo público de Investigación radicado en Galicia, a determinar pola persoa que ocupe o posto. O prazo de presentación de solicitudes, que deberán facerse por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, está aberto ata o 14 de xuño.

Ciencias Sociais, Humanidade, Físicas e Enxeñaría

En concreto, unha das prazas vai dirixida a investigadores cunha bolsa Synergy Grant que desenvolvan a súa actividade na área das Ciencias Sociais e Humanidades. As outras dúas van destinadas a beneficiarios de bolsas Consolidator Grant, ambas na área das Ciencias Físicas e Enxeñaría.

As funcións do persoal investigador distinguido que acade as tres prazas da convocatoria consistirá na realización de actividades de investigación ou na dirección de equipos humanos, centros de investigación, instalacións e programas científicos e tecnolóxicos singulares de gran relevancia no ámbito do coñecemento de que se trate, no marco das funcións e obxectivos da Axencia Galega de Innovación.

Para acceder a estes contratos, os aspirantes deberán ser beneficiarios das devanditas bolsas ERC e ter a titulación de doutor ou equivalente, entre outros requisitos. Unha vez comprobado o cumprimento de todos os esixidos, a selección efectuarase en dúas fases. A primeira delas consistirá na valoración dos méritos alegados e acreditados polos aspirantes, como as publicacións de carácter científico, as comunicacións ou relatorios en congresos ou reunións científicas ou a participación en proxectos ou contratos de I+D+i.

A segunda fase consistirá na exposición oral e pública pola persoa aspirante, durante un tempo máximo de 60 minutos, sobre as características do proxecto que pretende realizar. Valorarase o seu coñecemento da especialidade e das innovacións e avances científicos, así como a súa visión da evolución da área no futuro e das liñas de investigación posibles.

A duración dos contratos está vinculada ao resultado da avaliación cada cinco anos da actividade investigadora.

Case 14 M€ investidos

O programa Oportunius, que xestiona a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, brinda o impulso necesario de formación e asesoramento para acceder ás axudas do Consello Europeo de Investigación. Así mesmo, ofrece incentivos económicos para as persoas investigadoras que xa dispoñan dunha axuda ERC e elixan Galicia para desenvolver o seu proxecto científico.

A día de hoxe máis da metade dos 31 investigadores que obtiveron en Galicia axudas ERC están contratadas pola Xunta de Galicia como investigadores distinguidos ao abeiro deste programa. A iniciativa apoia todos os proxectos beneficiarios destas axudas europeas, que son marcador internacional de excelencia e liderado científico, o que supuxo un investimento total de máis de 13,8 M€ a 2023, desde a posta en marcha en 2014 do Oportunius.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Centros seleccionados para participar no programa Lanzadeiras Lugo para o curso 2023/2024

Xov, 30/05/2024 - 12:00
Idioma Gallego

Publicada a Resolución do 28 de xuño de 2024 pola que se fai pública a relación de centros seleccionados para participar no Programa de Lanzadeiras Lugo durante o curso escolar 2023/2024 (Resolución do 28 de maio de 2024 da Dirección Xeral de Formación Profesional).

Máis información

Tema: 

Programas e plans eduemprende

Ensinanza: 

Formación Profesional inicial

Departamento: 

Dirección Xeral de Formación Profesional Subdirección Xeral de Innovación Profesional e Coordinación co Sistema Produtivo Servizo de Relación co Sistema Produtivo, Orientación e Inserción Laboral

Colectivo: 

Centros

Resolución do 23 de maio da Dirección Xeral de FP pola que se regulan as ensinanzas de FP plurilingües 24-25

Xov, 30/05/2024 - 11:57
Idioma Gallego

Publicada a Resolución do 23 de maio de 2024 da Dirección Xeral de Formación Profesional pola que se regulan as ensinanzas de formación profesional plurilingües para o curso 2024-2025 no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Prazo de solicitudes: Dende o 31 de maio ao 28 de xuño de 2024, os centros educativos poderán solicitar a súa participación.

Máis información

Tema: 

Programas e plans Centros plurilingües

Ensinanza: 

Formación Profesional inicial

Departamento: 

Dirección Xeral de Formación Profesional Subdirección Xeral de Cualificacións, Planificación e Xestión da Formación Profesional Servizo de Programación da Formación Profesional

Colectivo: 

Centros

Incorporación e impartición do programa de dobre titulación de Bacharel e Baccalauréat -Bachibac para o curso 2024/2025

Xov, 30/05/2024 - 08:18
Idioma Gallego

Resolución do 16 de maio de 2024, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se regula a incorporación e impartición do programa de dobre titulación de bacharel e baccalauréat (Bachibac) en centros educativos sostidos con fondos públicos da comunidade autónoma de Galicia para o curso 2024/25.

File: 

Resolución do 16 de maio de 2024 (DOG) Resolución do 16 de maio de 2024 Anexos I, III e IV Anexo II

Tema: 

Plurilingüismo Programas e plans

Ensinanza: 

Bacharelato

Departamento: 

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa

Colectivo: 

Profesorado Alumnado Familias Centros

Sección: 

Boletín Portada de boletín Linguas estranxeiras

O Ministerio de Universidades volve cambiar as regras do xogo do seu plan de contratación de profesores impoñendo máis gastos ás comunidades autónomas

Mér, 29/05/2024 - 20:03

Summary: 

O secretario xeral de Universidades da Xunta participa na Comisión Delegada de Política Universitaria, onde se presentou o novo acordo, que non foi negociado

Increméntase a porcentaxe que deben asumir as comunidades autónomas durante seis anos e diminúe a que lle corresponde ao Ministerio

Ademais, o Goberno central só se compromete a aboar as prazas que lle corresponden durante catro meses, deixando no aire como se sufragarán ata 2030

Imponse que as convocatorias deberán estar resoltas no primeiro trimestre do ano que vén, cando ata o momento podían distribuírse en catro anos

Idioma Gallego

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, participou esta mañá na Comisión Delegada de Política Universitaria, na que o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades anunciou un novo cambio das regras de xogo no seu plan de contratación de profesorado.

En concreto, o Goberno central volveu modificar as porcentaxes que debe asumir cada parte á hora de financiar a contratación destes profesores, incrementando a correspondente ás comunidades autónomas, que deberán asumila durante seis anos, e diminuíndo a que vai asumir o Ministerio que, ademais, só se compromete formalmente á financiación das prazas que lle corresponden durante catro meses. Do mesmo xeito, imponse que as convocatorias deberán estar resoltas no primeiro trimestre do ano que vén, cando ata o momento podían distribuírse en catro anos.

O representante da Xunta de Galicia lamentou este novo xiro do Goberno central “cando as administracións autonómicas nos adheríramos xa ao acordo anterior, tamén imposto, e o abordáramos coas nosas universidades”. “O Goberno central volve incrementar tanto a porcentaxe do que teñen que pagar as autonomías como o número de prazas, máis de 500 máis en toda España, e volve facelo sen negocialo ca parte prexudicada”, explicou.

“A Xunta tiña acordado previamente coas universidades galegas que vai asumir a parte que lle corresponda para facer posible a contratación deste profesorado, pero o trato do Ministerio é unha falta de respecto institucional”, dixo o secretario xeral. “Ademais, a forma en que o fan parece querer contaxiar ás universidades e ás administracións autonómicas do caos normativo que caracteriza ao Goberno central”, explicou.

166 prazas en Galicia

No mes de abril impúxose ás comunidades autónomas un acordo no que o Ministerio financiaba o 66% das prazas durante seis anos e as administracións autonómicas o restante 33%. Porén, agora o Ministerio comprométese só á financiación do 60% das prazas que haberá que convocar e só durante catro meses, deixando no aire como se vai proceder ao pagamento desa porcentaxe ata 2030. Porén obriga ás comunidades a asinar un acordo no que as compromete a asumir o 40% das prazas ata 2030.

En termos prácticos, co acordo anterior a Galicia correspondíalle financiar a contratación de 50 profesores universitarios ata 2030. Co actual, esta cifra ascende a 66 docentes. Pola súa banda, o Ministerio comprométese a asumir a contratación de 101 profesores durante catro meses, só unha máis da que financiaba antes. A partir do 2025 non concreta en que porcentaxe asumirá ese gasto, se o fará, nin con cargo a que fondos.

A maiores, antes dábase a opción de que as universidades convocaran as prazas en diferentes convocatorias ao longo de catro anos, para o que incluso se chegou a modificar un artigo da nova Lei Orgánica do Sistema Universitario.  Sen embargo, o novo acordo impón que todas se publiquen antes de fin de 2024 e estean resoltas no primeiro trimestre de 2025. Isto supón un aceleramento nos prazos e unha presión engadida para as universidades.

Cómpre lembrar que este plan é xa un agravio ás universidades galegas, cuxos cadros de persoal están entre os máis estabilizados do Estado e que se vén menos beneficiadas por este acordo ca outras que non foron quen de manter unha boa política laboral interna.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

A nova dirección de Gain establece contacto con diferentes axentes do ecosistema galego de I+D+i

Mér, 29/05/2024 - 19:33

Summary: 

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, recibiu esta mañá a representantes da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) dependente da consellería de Sanidade e do Clúster TIC

Idioma Gallego

A nova directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, continúa a rolda de contactos con distintos representantes do ecosistema galego de I+D+i para coñecer as súas necesidades e establecer posibles canles de colaboración futuras.

En concreto, esta mañá recibiu ao xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, Antonio Fernández-Campa, para establecer un primeiro contacto co ente encargado da formación, investigación e innovación do sistema sanitario galego. O encontro serviu para identificar sinerxias e establecer posibles liñas de colaboración futuras. Ademais, o xerente de ACIS convidou á directora de Gain a coñecer os institutos de investigación sanitaria galegos.

Así mesmo, Cotelo reuniuse con representantes do Clúster TIC de Galicia: o seu presidente, Antonio Rodríguez del Corral; o vicepresidente para pemes, Santiago Paz, e Josefina Fernández, en representación da vicepresidencia para grandes empresas. No transcurso da xuntanza, os representantes do sector TIC expuxeron a súa actividade e   plans futuros e avaliáronse posibles accións conxuntas.

O venres tocaralle o turno á Real Academia Galega de Ciencias, unha institución que está baixo o protectorado da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

A Xunta colabora con Addiga nunha xornada sobre os retos de futuro no ensino

Mér, 29/05/2024 - 12:57
Idioma Gallego

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, e a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, participaron hoxe na inauguración da XIV Xornada Retos de futuro: Xestión Directiva dos Centros Educativos organizada pola Asociación de Directores e Directivos de Institutos de Galicia (Addiga) e coa que colabora a Xunta de Galicia.

Dirixida aos equipos directivos dos centros educativos, este encontro busca afondar nas ensinanzas de formación, na xestión económica e contratación, así como nos servizos de apoio e inspección para poder avanzar, entre todos os participantes, cara a mellora do funcionamento do sistema e os seus retos do futuro.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

A Xunta presenta cREAgal como unha nova oportunidade para empregar materiais dixitais como un valor engadido en prol dun ensino de calidade

Mar, 28/05/2024 - 17:05

Summary: 

Román Rodríguez participa na presentación desta nova iniciativa para impulsar o ensino híbrido con materiais adaptados aos currículos galegos, flexibles e inclusivos

Agradece a implicación dos máis de 100 docentes que desenvolveron os primeiros contidos, que se irán incrementando ata cubrir 5º e 6º de Primaria e toda a ESO

Galicia é a única comunidade na que estes recursos en aberto cobren integramente os currículos das materias impartidas e facilitan, ademais, a atención á diversidade

Os materiais poranse a disposición dos centros educativos para o seu uso voluntario e responden á mellora dos contidos dixitais solicitada pola comunidade escolar

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe na presentación do proxecto cREAgal, a nova iniciativa da Xunta para impulsar o ensino híbrido nas aulas a través de materiais dixitais adaptados aos currículos galegos, flexibles e inclusivos, que poderá a empregarse voluntariamente nas aulas dixitais de todos os centros galegos de Primaria e ESO a partir do vindeiro curso 2024/25.

O acto de presentación contou cunha breve contextualización do proxecto por parte da directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e incluíu a presentación técnica de cREAgal a cargo dos asesores encargados da mesma. Así mesmo, os docentes coordinadores do grupo de traballo que elaborou os contidos relativos á materia de Tecnoloxía e Dixitalización de 1º de ESO amosaron como exemplo varios dos recursos que van estar dispoñibles ao abeiro desta iniciativa.

O titular do departamento educativo da Xunta fixo fincapé en que unha educación de calidade “non pode permanecer allea aos avances tecnolóxicos propios da nosa sociedade”. Neste sentido, explicou que o labor do ensino “é educar no uso das ferramentas tecnolóxicas para que se convertan en recursos ao servizo dunha educación de calidade, que facilite o desenvolvemento das competencias dixitais”, tal e como establecen a Unión Europea e as leis estatais.

“A Xunta leva anos traballando, no marco da Estratexia de Educación Dixital 2030, para que a dixitalización do ensino vaia moito máis aló da dotación tecnolóxica e supoña unha mellora da formación de alumnos e docentes, a través de iniciativas como os Polos Creativos, o E-Dixgal ou o Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, STEMbach”, dixo. “O proxecto cREAgal é unha nova oportunidade para empregar material dixital de alta calidade como valor engadido no entorno educativo”, destacou.  

Formación do profesorado

O conselleiro quixo agradecer o esforzo e o compromiso dos máis de 100 docentes participantes que deseñaron o proxecto e que axudarán na súa implementación. Lembrou, ademais, que o proxecto sumarase ao novo Plan de Formación en Ensino Dixital para o profesorado, parello ao procedemento que se está a desenvolver para certificar as competencias dixitais de docentes e alumnos, tarefa na que Galicia é a comunidade que máis está avanzando.

cREAgal é o proxecto a través do que a Xunta vai poñer a disposición de todas as aulas virtuais dos centros galegos recursos educativos gratuítos en aberto deseñados, baixo unha coordinación común, por máis dun centenar de docentes. Deste xeito, a iniciativa galega é a única na que estes recursos están directamente vencellados aos currículos e cobren todas as áreas e materias.

Todas as áreas e materias

Os materiais, que se poderán empregar a partir do vindeiro curso 2024/25, proporciónanse cunha licenza aberta, que permite a súa reutilización, modificación e adaptación ao contexto de cada aula, alumno e centro, o que os fai completamente universais e personalizables. Ademais, o proxecto incide na inclusión, de modo que todos os recursos son accesibles e pensados para adaptalos á atención á diversidade.

Os recursos que forman cREAgal non compoñen en si un temario, senón que se trata de situacións de aprendizaxe nas que se propón un reto que o alumno debe alcanzar a través do desenvolvemento dunhas actividades concretas. Cada un dos recursos vai acompañado dunha guía didáctica na que se detallan os elementos do currículo que se abordan, así como os criterios de avaliación das competencias que se traballan.

O proxecto supón un chanzo máis na calidade e a equidade do sistema, tanto pola súa aposta pola personalización e inclusión como polo impulso á aprendizaxe colaborativa do alumnado, con actividades grupais. Así mesmo, promove a autonomía persoal do alumnado e reforza a competencia de aprender a aprender, cun diario no que o alumno reflexiona acerca das dificultades atopadas, desenvolve a súa autonomía e saca conclusións útiles para seguir.

A Xunta comezou a traballar neste proxecto no curso 2022-23 co deseño das bases piloto dos recursos educativos en aberto. Ao longo do vindeiro curso 2024/25 estarán dispoñibles materiais para 5º e 6ª de Primaria, de 1º de ESO e de parte das materias de 2º curso desta mesma etapa. Os contidos iranse implementando paulatinamente ata 4º curso de ESO (xa que os dous últimos cursos de Primaria e a etapa de Secundaria é cando o alumnado galego comeza a empregar recursos didácticos dixitais con carácter xeral). Os materiais poranse a disposición dos centros educativos para o seu uso voluntario e responden á mellora dos contidos dixitais solicitada pola comunidade escolar.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

A Xunta e o CSIC en Galicia reafirman a súa vontade de colaboración no impulso á ciencia e o talento

Mar, 28/05/2024 - 15:04
Idioma Gallego

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Carmen Cotelo reuniuse esta mañá coa delegada en Galicia do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), Carmen González. Nesta primeira toma de contacto entre a nova directora da Axencia e a delegada institucional da axencia estatal en Galicia, reafirmaron a súa vontade de continuar colaborando no impulso á ciencia excelente feita en Galicia e na promoción do talento no ámbito do ecosistema galego de I+D+i.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

O Colexio CEIP Noalla-Telleiro de Sanxenxo estreará no vindeiro curso unha aula destinada aos Polos Creativos

Mar, 28/05/2024 - 11:25

Summary: 

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, comproba o avance dos traballos da súa instalación

Idioma Gallego

O Colexio CEIP Noalla-Telleiro de Sanxenxo estreará unha aula destinada aos Polos Creativos no curso 2024/25. Así o confirmou hoxe o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, nunha visita ao centro para coñecer os avances desta actuación.

Tras o acondicionamento deste espazo, nos próximos días instalarase o equipamento dos Polos Creativos, co obxectivo de que ao longo do mes de xuño se poñan en funcionamento e, deste xeito, se poidan empregar a pleno rendemento o vindeiro curso. “Con esta nova instalación seguimos traballando en avanzar cara un modelo de infraestruturas educativas máis innovadoras para, así, consolidar Galicia como referente a nivel estatal na incorporación de tecnoloxías no noso sistema educativo público”, sinalou o representante da Consellería de Educación.

A obra consistiu no acondicionamento do espazo, coa instalación de estantes, cambio de xanelas, renovación do piso e a eliminación de tabiques, entre outras accións. Esta actuación adáptase ás características do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta da Xunta para modernizar os centros dando resposta ás necesidades do século XXI.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Back to top