PUNTO LARANXA

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades publicou recentemente o Plan Integral contra o acoso e ciberacoso escolar, así como a actualización do Protocolo educativo para a prevención, detección e tratamento do acoso e ciberacoso escolar, co fin de dar resposta a este tipo de situacións nos centros educativos.

Unha das medidas establecidas nestes documentos é a instalación do denominado Punto Laranxa en cada un dos centros de ensino.

Trátase dun espazo físico e virtual onde calquera persoa poderá denunciar de xeito anónimo unha situación de posible acoso ou ciberacoso escolar.

 

 

O Punto Laranxa Físico estará instalado na entrada do edificio de Primaria nun lugar visible e accesible para todas as persoas que forman parte da comunidade educativa. Este punto consta dunha caixa onde calquera persoa pode depositar información relativa a unha posible situación de acoso ou ciberacoso escolar e, ademais, dun pequeno espazo onde o centro será quen de incorporar información adicional relacionada con esta temática.

 

O punto Laranxa Virtual estará habilitado na páxina web do colexio. Os usuarios anónimos disporán dun formulario cun único campo de texto no que escribir a súa mensaxe.