Skip to Content

                              

O pino

O Pino
Xogábase ao longo de todo o ano, aínda que se houbera que escoller unhas datas, estas centraríanse nos meses de verán, coincidindo coas festas patronais.

Era xogo de mozos, porque a meirande parte das veces era xogo de resolución de conflitos entre dous grupos de mozos de aldeas veciñas, a maior parte das veces derivado de problemas amorosos. Xogábase tamén por pasar o rato.

Os elementos de xogo son as cachonas e as porcas

Precísase para o xogo un espacio amplo, que en tempos ben podía ser o campo da festa, ou ben o prado dun veciño. Nun extremo debúxase unha liña tanto máis grande canto máis grande é o campo. Esta liña ou rego chámase liña de corte, e o espacio que queda por detrás corte. Noutro extremo do campo crávase unha estaca que sobresaia do chan entre 15 e 20 centímetros. Esta estaca chámase santo, e a liña imaxinaria que debuxa paralela á liña de corte chámase liña de santo. 

Para comezar a xogar o equipo atacante sitúase detrás da liña de santo e o equipo defensor tras a liña de corte. Un dos membros do equipo atacante colle a porca coa man alzada e a solta morta, nese momento comeza o xogo. Neste lance había que estar moi atento, xa que o equipo atacante solta a porca da man tentando pillar despistados aos defensores, namentres que o equipo defensor en canto ve solta a porca corre cara o equipo tentando achicarlle o espacio. 

O obxectivo do equipo atacante é que a porca atravese a liña de corte na dirección santo-corte, nese momento o equipo atacante marca un tanto e detense  o xogo para volver á posición inicial, é dicir, o equipo atacante coa porca detrás da liña de santo e o equipo defensor detrás da liña de corte. Hai que lembrar que non hai "fóras", polo que moitas veces estase a xogar na corte, detrás da liña de corte, e a porca atravesa a liña en dirección ao santo, mais isto non vale nada, non é tanto, xa que, e volvemos repetir, só é tanto cando atravesa na dirección santo-corte. 

Para o equipo defensor son dous os obxectivos a acadar. O primeiro, e máis obvio, é que o equipo atacante non atravese coa porca a liña de santo. O segundo é conseguir que a porca entre por un lado do santo e saia polo outro (loxicamente atravesando a liña de santo), tanto ten entrar polo dereito e saír polo esquerdo que o contrario; nese momento o equipo atacante pasa a ser un equipo defensor, e o equipo defensor pasa a ser atacante, sen parar o xogo. Lembramos que o único momento no que se detén o xogo é cando se marca un tanto.



page | by Dr. Radut