O CEIP LÓPEZ FERREIRO VESTIUSE DE ENTROIDO

ALUMNADO DO LÓPEZ FERREIRO CELEBRA O DÍA MUNDIAL DA RADIO.

O 13 de febreiro celebrouse o Día Mundial da Radio. Por ese motivo, Ponte nas Ondas organizou unha gran conexión á que responderon máis de cen centros educativos de toda Galicia  e do norte de Portugal. 

En representación do CEIP López Ferreiro, e da nosa emisora www.lulunasondas.com, un grupo de nenas e nenos de 6º acudiu á Facultade de Xornalismo para expoñer a historia do noso centro e algunhas das actividades que se desenvolven co obxectivo de fomentar o respecto polo medio natural e a súa biodiversidade.

Ademais, contouse con colaboracións especiais, como a do alumnado das aulas Coralia e Maruxa, así como as opinións sobre o colexio dalgunhas nenas e dalgúns nenos que nese momento estaban a gozar do recreo no colexio.

Pero como a radio se centra na escoita, premede na imaxe: veredes, e escoitaredes, a nosa produción.

Día do AMOR!

Este 14 de febreiro, dende as aulas do CEIP López Ferreiro, queremos romper co mito do amor romántico e falar de AMOR (en maiúscula): amor cara á vida, amor cara á familia, amor cara ao que nos enche de felicidade e, por suposto, amor cara a nós mesmas/os.

Moitas grazas por compartir con nós as palabras fermosas que empregades para relacionarvos nas vosas casas. Dende hoxe darán vida aos corredores e abrirán portas a novas maneiras de entender as relacións, os afectos e as celebracións sociais, principalmente as máis capitalizadas.

FELIZ DÍA DO AMOR!

                                  

Plan Estratéxico de Mellora - Enquisas

No CEIP de Prácticas López Ferreiro estamos empezando a elaborar un Plan Estratéxico de Mellora  (co obxectivo de mellorar os resultados educativos de todo o alumnado do centro) para desenvolver nos tres vindeiros anos.

Para poñer a primeira pedra precisamos da vosa colaboración de toda a comunidade educativa.

A pasada semana enviouse a familias, profesorado, persoal de administración e servizos un breve enquisa que estará aberta ata o venres 17 de febreiro ás 09:30h.

É moi importante para o centro contar coa vosa opinión polo que vos pedimos que participedes.          

O CEIP López Ferreiro loita pola Paz

A celebración do Día Escolar pola Paz é unha boa ocasión para a formación de actitudes e comportamentos que  favorezan  a convivencia nun entorno cada vez máis diverso e fomentar un desenvolvemento integral das persoas basado na igualdade de dereitos e oportunidades.

Ademais, tendo en conta que os conflitos do futuro terán como orixe a loita polos recursos naturais, este ano todo o centro participou de diferentes propostas dinamizadas desde o Equipo de biblioteca, o Equipo de medio ambiente e os de Seccións bilingües. Un ha mostra dos seus resultados pódense ver no seguinte enlace: https://bibliolulu.blogspot.com/2023/01/dia-da-paz.html

Por outra banda, este ano o alumnado de 5º e 6º de primaria  deseñou un mural cooperativo dentro dunha actividade proposta por Asamblea de Cooperación pola Paz, e coordinado polo Equipo de actividades complementarias e extraescolares do centro. De todo o que falaron e aprenderon, quedou un fermoso testimonio gráfico nunha parede do colexio.

En definitiva, diversas propostas para desenvolver, asemade, os obxectivos de desenvolvemeneto sostible da Axenda 20/30.

Visita do alcalde de Santiago ao López Ferreiro

Cando o alumnado de 6º de educación primaria participou na gravación do programa especial de Ponte nas ondas no pazo de Fonseca, propúxoselle ao alcalde de Santiago de Compostela que visitara o noso centro para coñecer as necesidades do CEIP López Ferreiro.

O venres 13, recibimos a visita de Xosé Antonio Sánchez Bugallo. As nenas e os nenos actuaron de guieiros polo centro, e así, tanto o Alcade como o Concelleiro de Educación, Rubén Prol, escoitaron a necesidade de que nos pinten as paredes; que nos arranxen as pingueiras en diferentes zonas do edificio, e moi especialmente no comedor; que se limpen as pistas exteriores e se habiliten os baños; que se coloque céspede sobre o cemento das pistas...
 
Toda unha serie de peticións das que o Alcalde tomou nota, e que segundo o propio alumnado lle comentou, agardan ver realizadas, ou cando menos encamiñadas, antes de marchar para o instituto...E xa non queda tanto!
 

Exposición solidaria

Os Equipos de Actividades Extraescolares e de Dinamización da Lingua Galega do CEIP López Ferreiro realizaron, con alumnado de diferentes niveis, unha exposición fotográfica: “A mellor luz, a solidariedade”, co fin de colaborar co Albergue Juan XXIII na campaña de Nadal. Deste xeitoapóiase o grande labor que está a facer esta institución, ao ser refuxio e sustento de moitas persoas na nosa cidade.

Protagonizan as fotografías os distintos tipos de luz e os ollos do alumnado que as realiza ou está a ser retratado.

Ademais, cada unha das 30 imaxes están apoiadas con versos de grandes mulleres poetas galegas: Rosalía de Castro, María Mariño, Luz Pozo, María Victoria Moreno, Helena Villar, Ana María Fernández, María do Cebreiro Rábade ou Rosalía Fernández.

A exposición puido ser visitada os días 21 e 22 de decembro no claustro do Hotel Monumento San Francisco e, á volta do Nadal, as fotografías serán expostas no centro.

O motivo da exposición foi procurar diferentes produtos que precisan no Albergue: alimentarios, de hixiene persoal, de limpeza etc.

                   

Felices Festas!

Presentación do Libro da Memoria no CSC Maruxa e Coralia

O pasado 17 de decembro, presentouse no CSC Maruxa e Coralia o Libro da Memoria (2019-2022) das aulas Coralia e Maruxa do CEIP López Ferreiro. 

Un conxunto de textos ilustrados polo alumnado e que son unha escolma da tradición oral das súas familias.

O acto, ao que asistiu arredor dun cento de persoas entre alumnado, familias, representantes do mundo da cultura e da política da cidade, estivo cargado de emotividade. xosde manifesto a importancia do texto lírico de tradición oral, porque nos conecta coa cultura e coa lingua propia e porque pon en valor a muller como principal transmisora. 

Nesta presentación falaron Helena Villar, Encarna Otero, Cristina Trigo, Mari Carmen Montero, Fátima Rodríguez e Rosa Suárez.

Agradeceuse a Mercedes Rosón e a Lupe Rodríguez que propiciaran o encontro no novo CSC e a Benjamin Carter o ter desenvolvido o deseño e maquetación da obra.

   

 

 

DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON CAPACIDADES DIFERENTES

O pasado mércores 30 de novembro o alumnado de 5º A e B asistiron a unha charla sobre as características dos nenos e nenas autistas e como xestionan as súas relacións sociais en diversos contextos cotiáns.
O ponente tiña só 10 anos, chámase Celso Brandán, é autista e compartíu unha presentación fantástica que realizou xunto co seu pai.
Esta actividade enmárcase na celebración do día 3 de decembro, día internacional das persoas con capacidades diferentes.

 

 

Distribuir contido