Curso 22_23

Revista Pegada 19

A nosa veterana publicación cumpre 19 anos! 

Este ano, ao igual que o pasado, realizamos a revista en formato dixital e xa está albergada na barra dereita da web la escola.

 

Nela achegamos as “pegadas” máis relevantes deste curso.

Desfrutádea!

 

Saída ás Fragas do Eume

O alumnado de 5º de EP desfrutou de 2 días nas Fragas do Eume.

Un parque onde non hai verde, senon paisaxes de mil verdes. Auga por todas partes, muíños, fontes...

E, agochado no corazón do bosque, o mosteiro de Caaveiro. Alí estivemos descubrindo a súa historia.

Feira de Polos Creativos na Cidade da Cultura

Este venres, o noso centro foi convidado á Cidade da Cultura, xunto con outras escolas de Galicia, para amosar na Feira de Polos Creativos, as actividades desenvolvidas nos Venres Creativos.

Asistiron dúas mestras acompañadas de 5 nenas e nenos de 4º - 5º - 6º de primaria, que expuxeron os detalles da iniciativa aos membros dos centros que se achegaron ao noso posto expositivo.

A experiencia foi realmente enriquecedora, tanto para o profesorado como para o alumnado e a acollida do proxecto, moi positiva.
 
Compartiremos nesta web un resumo detallado dos venres Creativos ao finalizar a última sesión do curso, o vindeiro 16 de xuño. Estade atentas/os!

 

FESTA DOS MAIOS NO LÓPEZ FERREIRO

O luns 29 de maio, a maioría do alumnado do López Ferreiro trouxo plantas silvestres para a confección dun Maio.
A festa conxunta desenvolveuse despois do recreo no patio de columnas. O grupo de música tradicional do centro, amenizou a celebración na que o alumnado entoou diversas cancións populares galegas, e bailou a muiñeira arredor do Maio.
Finalizou o acto coa interpretación do himno galego polas nenas e nenos e o seu profesorado.

FACEMOS UN TRATO CO GALEGO!!

O Día das Letras Galegas é unha celebración para pór en valor a nosa lingua e reivindicar o labor que unha persoa representativa da nosa cultura desenvolveu polo galego, unha lingua que, segundo os datos actuais, pouco  a pouco vai esmorecendo.

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega quere concienciar desta situación, principalmente ás e aos falantes do futuro. Para iso, alumnado de 5º e 6º dirixido polo profesor Alberto Martínez, preparou a obra de teatro Fai un trato co galego, da que tamén é autor o devandito profesor. Con ela presentáronse ao XXVII Festival Intercentros do concello de Santiago de Compostela; o estreno foi todo un éxito e proximamente tamén o alumnado e o profesorado teremos ocasión de presenciala en directo.

Pero mentres, ofrécennos a toda a comunidade educativa a posibilidade de poder gozar da súa actuación con tan só pinchar na imaxe.

Pódese atopar máis información en https://edlglopezferreiro.blogspot.com/

Ogallá sexa o inicio de mil primaveras máis para a nosa lingua. Feliz Día das Letras Galegas!

 

Letras Galegas 2023 no CEIP López Ferreiro

Para conmemorar o Día das Letras Galegas, dende o EDLG, adaptamos o penúltimo capítulo da obra de Francisco Fernández del Riego, Galicia.
As alumnas de 4º de Primaria: Naia Lopes Fenández, Cloe Paredes Cortegoso, Gala Pedreira Asorey, Helena Pereira Rey, Gaia Rey de la Fuente e Lucía Zas Viña, elaboraron o guión e presentan Remate da peregrinaxe en Santiago de Compostela. Un traballo cuxa edición realizou Lara Timiraos Rubido, alumna de 4º curso do Grao en Mestre/a de Educación Infantil (USC).
 
Podedes premer na imaxe para ver o video.

O LÓPEZ FERREIRO CO DÍA DO LIBRO

No CEIP López Ferreiro tamén se celebrou o Día do Libro. 

Hai moitas formas de ler, e Paula Carballeira achegounos unha das máis divertidas, a do mundo do teatro, dentro do programa de Lectura e familias no que o noso centro participa.
E como vén sucedendo desde hai sete anos, convocouse o Concurso de poesía desde a biblioteca escolar. Este ano ano, tivo por título Ecopoemas, e as nenas e os nenos que a xuízo do xurado mereceron o premio, puideron ir ata unha libraría para mercar o seu agasallo. Como se comproba pola foto, nada mellor que fotografarse na praza de Cervantes en Compostela para tan sinalada data.
Pero as celebracións polo Día do Libro non van rematar este mes, xa que no mes de maio organizarse un mercadiño solidario, do cal se ofrecerá cumprida información.
Porque a lectura, sempre funciona cando se comparte.
 

AS FAMILIAS E O ALUMNADO DO LÓPEZ FERREIRO, LERON CON ROSALÍA

Dentro do programa de Bibliotecas Escolares de Galicia,  “Lectura e familias”, programouse unha ruta para coñecer os lugares máis significativos onde viviu Rosalía de Castro.

En cada unha das cinco paradas que se realizaron, as nenas e os nenos, e tamén as familias, leron un poema da escritora galega por excelencia.

Nas fotos que se achegan, obsérvase como as nenas e os nenos colocaron os seus pensamentos na tumba de Rosalía, así como a descuberta da casa de Antonio López Ferreiro, onde vivía a poeta cando se publicou Cantares Gallegos.

En definitiva, unha tarde que serviu para reforzar os vínculos afectivos entre a nosa comunidade educativa por medio da motivación pola lectura.

Distribuir contido