Animación á lectura

O LÓPEZ FERREIRO CO DÍA DO LIBRO

No CEIP López Ferreiro tamén se celebrou o Día do Libro. 

Hai moitas formas de ler, e Paula Carballeira achegounos unha das máis divertidas, a do mundo do teatro, dentro do programa de Lectura e familias no que o noso centro participa.
E como vén sucedendo desde hai sete anos, convocouse o Concurso de poesía desde a biblioteca escolar. Este ano ano, tivo por título Ecopoemas, e as nenas e os nenos que a xuízo do xurado mereceron o premio, puideron ir ata unha libraría para mercar o seu agasallo. Como se comproba pola foto, nada mellor que fotografarse na praza de Cervantes en Compostela para tan sinalada data.
Pero as celebracións polo Día do Libro non van rematar este mes, xa que no mes de maio organizarse un mercadiño solidario, do cal se ofrecerá cumprida información.
Porque a lectura, sempre funciona cando se comparte.
 

AS FAMILIAS E O ALUMNADO DO LÓPEZ FERREIRO, LERON CON ROSALÍA

Dentro do programa de Bibliotecas Escolares de Galicia,  “Lectura e familias”, programouse unha ruta para coñecer os lugares máis significativos onde viviu Rosalía de Castro.

En cada unha das cinco paradas que se realizaron, as nenas e os nenos, e tamén as familias, leron un poema da escritora galega por excelencia.

Nas fotos que se achegan, obsérvase como as nenas e os nenos colocaron os seus pensamentos na tumba de Rosalía, así como a descuberta da casa de Antonio López Ferreiro, onde vivía a poeta cando se publicou Cantares Gallegos.

En definitiva, unha tarde que serviu para reforzar os vínculos afectivos entre a nosa comunidade educativa por medio da motivación pola lectura.

A NOSA BIBLIOTECA PARTICIPA NO PROGRAMA LECTURA E FAMILIAS

A biblioteca do CEIP López Ferreiro, foi seleccionada pola Dirección Xeral de Centros da Consellería de Educación, para participar no programa Lectura e familias.

Deste xeito, poderemos sistematizar actividades que se viñan desenvolvendo no centro, e sobre todo, crear un espazo colectivo e dinámico de recursos e servizos,  de promoción de actitudes reflexivas e críticas, de articulación de materiais e de procesos pedagóxicos, para ofrecer un espazo de formación e información.

 Comezaremos esta proposta integradora mediante teatro musical con Paco Nogueiras o mércores 16 de febreiro ás cinco da tarde. A partires do seu espectáculo Extra, baseado no libro-CD do mesmo título editado por Kalandraka, achegarémonos ao mundo da prensa escrita  por medio da música. A continuación realizaremos un coloquio sobre como introducir o mundo xornalístico entre as propostas lectoras (e escritoras) das nosas nenas e dos nosos nenos.

 Ademais, xa podemos confirmar que o 9 de marzo, o noso club de lectura vaise trasladar á Casa Grande do Pozo en Compostela (Sede Afundación na Rúa do Vilar) para coñecer a exposición INDÓMITAS e  onde tamén realizaremos un obradoiro de escritura creativa.

 E para o mes de marzo...Ás familias e ao profesorado vailles tocar practicar a lectura en voz alta con Charo Pita!

 De todas estas propostas, e da maneira de inscribirse, enviarase información por correo electrónico. Seguro que resultan de interese para a nosa comunidade educativa. Só é necesario participar!!!

 

 

 

 

 

Actividade BIBLLIOTECA "Día das bibliotecas escolares"

 

Hoxe mércores, 24 de outubro, celébrase o Día das bibliotecas escolares.

E na biblioteca do centro tamén o celebraremos coa entrega das medallas ás mellores lectoras e mellores lectores do curso pasado, así como coa resolución do logotipo gañador para a nosa radio escolar.

Pero ademais, organizaremos pra as familias un obradoiro de animación á lectura que conviñemos en chamar: Ler en familia. Por que e para que?

O obxectivo é achegar as  propostas do equipo de dinamización da biblioteca para axudar ás pequenas e aos pequenos no fomento da lectura, e tamén comentaremos que xéneros literarios poden ser máis propicios para animar a ler.

En defintiva, pretendemos crear un espazo de reflexión e diálogo e para iso contaremos, neste primeiro obradoiro, con Patricia Fernández Botana, mestra, especialista no traballo coa tradición oral, e nai desta escola.

Agardamos que a proposta sexa do interese da comunidade educativa, e esperamos por  quen se queira achegar na biblioteca do centro o mércores 24  ás 17:00 horas.

 

A BIBLIOTECA DE LULU

A biblioteca do CEIP López Ferreiro é a biblioteca de Lulu, un coelliño que acompaña desde os inicios da súa escolaridade ao alumnado do centro na formación de lectoras e lectores competentes.

Con esa finalidade, cada curso vanse programando e deseñando estratexias e actividades para os distintos sectores da nosa comunidade educativa: itinerarios lectores, encontros con autores, recreos creativos, concursos, escenificacións, club de lectura, saídas, colaboracións con outras institucións, celebracións de datas especiais, mochilas viaxeiras, recolleitas de tradicións...De todo iso damos conta no noso no noso blog, bibliolulu.blogspot.com, que, asemade, procura ser unha fonte de recursos para familias, profesorado e, por suposto, para o alumnado.

      E tamén cada curso, desde a biblioteca prográmase un Proxecto documental integrado no que a partires dunha temática todos os niveis do centro buscan información en diferentes formatos, evidentemente adaptada ás características de cada etapa educativa, que logo recollen e dan a coñecer.

    Deste xeito, a pintura, os continentes, as árbores, a Idade Media, fabulas, mitos, lendas..., xa viñeron a ser o eixo vertebrador para traballar as competencias dun xeito cooperativo.

Este ano escolar 2017-18, desenvolveremos un proxecto medioambiental, baseado nos animais que xa non están, e a partir do cal analizaremos se estamos a destruír tamén a nosa biodiversidade.

 

        E como punto final...Un programa de radio, para comunicar o investigado ou o creado, nun proxecto no que os valores e as emocións xunto coa lectura, a escritura, a escoita e a expresión oral, formarán parte dunha biblioteca inclusiva con conciencia solidaria e socializadora.

Distribuir contido