O LÓPEZ FERREIRO CO DÍA DO LIBRO

No CEIP López Ferreiro tamén se celebrou o Día do Libro. 

Hai moitas formas de ler, e Paula Carballeira achegounos unha das máis divertidas, a do mundo do teatro, dentro do programa de Lectura e familias no que o noso centro participa.
E como vén sucedendo desde hai sete anos, convocouse o Concurso de poesía desde a biblioteca escolar. Este ano ano, tivo por título Ecopoemas, e as nenas e os nenos que a xuízo do xurado mereceron o premio, puideron ir ata unha libraría para mercar o seu agasallo. Como se comproba pola foto, nada mellor que fotografarse na praza de Cervantes en Compostela para tan sinalada data.
Pero as celebracións polo Día do Libro non van rematar este mes, xa que no mes de maio organizarse un mercadiño solidario, do cal se ofrecerá cumprida información.
Porque a lectura, sempre funciona cando se comparte.
 

MARGARITA LEDO NO LÓPEZ FERREIRO

Durante todo o mes de marzo, recibimos no López Ferreiro a MULLERES IMPRESCINCIDIBLES NA VIDA DE COMPOSTELA (Helena Villar Janeiro, Encarna Otero, Marisa Vidal…), o que, ademais de ser unha realidade, é tamén o título da proposta coa que o noso centro participa no programa Donas de si, coordinado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega.

Para rematar o mes por excelencia da Muller, Margarita Ledo, chairega de nacemento pero santiaguesa de adopción, ofreceu unha conferencia ao alumnado de 6º do CEIP López Ferreiro.

Esta pioneira das artes audiovisuais, transmitiu ás nenas  e aos nenos a súa paixón polo cinema como un medio expresivo para a transmisión de emocións; pero sobre todo, como un medio de reinvidicación da loita das mulleres, da loita pola lingua, da loita contra a opresión...

Amosoulles, asemade, diferentes creacións súas e demostroulles que todas e todos posúen un gran potencial creativo.

No López Ferreiro aprenderemos a reflexionar e a tomar conciencia crítica a partir das súas obras. Entre elas, cun libro do que Margarita é autora e que nos deixou como agasallo: O serrote do Gil.
 
Máis información en: https://edlglopezferreiro.blogspot.com/

ENAPA: A TRANSICIÓN DA PRIMARIA Á SECUNDARIA

O 29 de marzo (coa colaboración do CAFI e da ANPA do centro), visitounos  a psicóloga educativa Begoña Castro, para desenvolver a ENAPA  "A transición desde a educación primaria a educación secundaria".

A charla, estivo  centrada no cambio emocional e psicolóxico que experimentan as nenas e os nenos nas idades nas que deben pasar ao instituto. E así, observouse que a vida, mesmo  a escolar, está chea de cambios adaptativos, polo que a familia debe ofrecer ferramentas para a autonomía das súas fillas e dos seus fillos, e acompañalas/los nun momento de preadolescencia no que lles inqueda moito o seu futuro.

A charla prolongouse bastante máis das dúas horas inicialmente previstas e Begoña prometeu "repetir" no noso centro. Na próxima ocasión, fará ver ás familias como determinados libros poden axudar en certos momentos emocionais.

Enviarase información desta ENAPA que, ben seguro, volverá ter o éxito asegurado.

EDUEXCHANGES ACTIVITY -Intercambio de Entroido coa escola Petit Paris de Brest

 

A tradición do Entroido é algo que temos en común coa Bretaña francesa, entre outras moitas cousas. Entroido en Galicia, Carnaval Brestois en Bretaña.

Gravamos un vídeo para compartir con l'École Petit Paris de Brest (o colexio bretón co que intercambiamos actividades EduExchange) e recibimos o seu que tamén se celebra nas escolas.

Aquí filloas, alí crêpes. Desfrutade os vídeos.

 

AS FAMILIAS E O ALUMNADO DO LÓPEZ FERREIRO, LERON CON ROSALÍA

Dentro do programa de Bibliotecas Escolares de Galicia,  “Lectura e familias”, programouse unha ruta para coñecer os lugares máis significativos onde viviu Rosalía de Castro.

En cada unha das cinco paradas que se realizaron, as nenas e os nenos, e tamén as familias, leron un poema da escritora galega por excelencia.

Nas fotos que se achegan, obsérvase como as nenas e os nenos colocaron os seus pensamentos na tumba de Rosalía, así como a descuberta da casa de Antonio López Ferreiro, onde vivía a poeta cando se publicou Cantares Gallegos.

En definitiva, unha tarde que serviu para reforzar os vínculos afectivos entre a nosa comunidade educativa por medio da motivación pola lectura.

8M no CEIP López Ferreiro

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do noso centro, está a coordinar a proposta MULLERES IMPRESCINDIBLES NA VIDA DE COMPOSTELA,que se desenvolve a partir do Programa Donas de Si, no que  estamos a participar.

A través desta proposta achegámonos ao coñecemento e divulgación da figura e o labor de mulleres relevantes na historia da nosa cidade: Rosalía de Castro, Maruxa e Coralia Fandiño Ricart, Ramona Vaamonde Fernández, Helena Villar Janeiro, Encarna Otero Cepeda, Margarita Ledo Andión e Verónica Boquete Giadáns.

Pretendemos que este traballo sexa unha maneira máis de romper coa invisibilidade das mulleres.

Tivemos a sorte de poder contar para a conmemoración do 8M con Helena Villar e Encarna Otero que desenvolveron encontros con alumnado de distintos ciclos. Ademais, e en colaboración co Equipo de Extraescolares, visitounos Marisa Vidal, que nos acercou a Exeria, un dos referentes femininos da nosa historia, a través do seu traballo: Eu son Exeria.

Este mes tamén recibiremos a Margarita Ledo.

Visitade o blog do EDLG, para obter máis información: https://edlglopezferreiro.blogspot.com/

 

             

PRIMEIRO VENRES CREATIVO DO CEIP LÓPEZ FERREIRO

 

O pasado venres 3 de marzo, arrancamos cos Venres Creativos, unha proposta novedosa no noso centro, que busca estimular a creatividade do alumnado a través de obradoiros internivel.

O alumnado mesturouse en 3 bloques, o bloque inicial (educación infantil), o bloque medio (1º-2º-3º primaira) e o bloque avanzado (4º-5º-6º primaria) e estes son os obradoiros polos que pasarán ata final de curso:

  • BLOQUE INICIAL: Xogar a Ser (xogo simbólico); Facer e desfacer (construcións); Beebots; Esculturas colosais (con cartón e arxila); Xogos de magnetismo; Move move (xogos de motricidade grosa e fina); Descubrindo co corpo (experimentación sensorial); Máis que puntadas (iniciación á costura).
  • BLOQUE MEDIO: Melloramos o horto escolar; Plastilina caseira condutora; Escritura creativa; Principio de Arquímedes (experimentos); Menuda experiencia aprender ciencia (experimentos); Gravado; Luz e cor (experimentos); Misterio na biblioteca (escape room).
  • BLOQUE AVANZADO: Ondas creativas (podcasts na radio escolar); Iniciación ao macramé; Papiroflexia; Maxia nos teus ollos (matemaxia); Crea música co ordenador; Ola, neuronillas! (programación en CODE); Paracaídas colaborativo; Canto coral; Máis que puntadas (iniciación á costura).

O primeiro venres foi todo un éxito e estamos agardando que chegue o seguinte!

 

               

              

Plan Estratéxico de Mellora - Enquisas Escola Inclusiva

No CEIP de Prácticas López Ferreiro continuamos elaborando o Plan Estratéxico de Mellora  (co obxectivo de mellorar os resultados educativos de todo o alumnado do centro) para desenvolver nos tres vindeiros anos.

Precisamos de novo da colaboración de toda a comunidade educativa.No día de hoxe enviouse as familias, profesorado, persoal de administración e servizos unha enquisa sobre Escola Inclusiva que estará aberta ata o mércores 8 de marzo ás 09:30h.

É moi importante para o centro contar coa vosa opinión polo que vos pedimos que participedes.          

 

Distribuir contido