COLABORACIÓNS CO ALUMNADO DE 1º

Durante o mes de maio, o alumnado de 1º de educación primaria compartiu diferentes experiencias que lles resultaron realmente motivadoras: unha charla cos xogadores do Obradoiro e unha saída á  biblioteca Ánxel Casal, organizada pola asociación Máis que mel.
No primeiro caso custoulles manter a emoción, pero seguro que para elas e para eles sempre lles quedará como motivo de orgullo as preguntas que lles formularon a estes homes tan altos e famosos en Santiago, así como as respostas que estes lles deron.
No caso da actividade deseñada por Máis que mel, descubriron como se realiza a polinización, fundamental para a reproducción de máis do 80% das plantas que hai na Terra, e polo tanto, para o equilibrio dos ecosistemas. Unha magnífica lección práctica de respecto polo mundo natural!

 

Pride Month Card Contest - Concurso de postais mes do Orgullo

 

O Equipo de Dinamización de Seccións Bilingües propón para este mes de xuño un

 Concurso de postais para celebrar o Mes do Orgullo 

Pride Month Card Contest

Unha oportunidade para mostrar a diversidade e promover

a cultura de tolerancia, inclusión e igualdade.

Como facer as postais? E ata cando?

  • Poden ser do tamaño e material que decidades.

  • A mensaxe (no caso de alumnado que escriba) será en inglés (“Happy Pride Month”, “Happy Pride!”, “Respect!”, “June is Pride Month”, “June is LGBT Month”, “All Different, All Wonderful”, “Happy Rainbow Month” ...).

  • Levarán nome e apelidos pola parte traseira.

  • Poderán entregarse ata o 14 de xuño.

Exporemos todas as postais que recibamos.

Todos os/as participantes recibirán un diploma acreditativo de ter participado no concurso.

Haberá 4 premios, un por cada grupo de participantes, por ciclos:

  • Postal gañadora de alumnado de E.I.

  • Postal gañadora de alumnado de 1º ciclo de E.P.

  • Postal gañadora de alumnado de 2º ciclo de E.P.

  • Postal gañadora de alumnado de 3º ciclo de E.P.

As postais entregaranse á titora ou titor

para que as faga chegar ao/á profesor-a de Lingua Inglesa.

 

 Animádevos a participar!!

 

FACEMOS UN TRATO CO GALEGO!!

O Día das Letras Galegas é unha celebración para pór en valor a nosa lingua e reivindicar o labor que unha persoa representativa da nosa cultura desenvolveu polo galego, unha lingua que, segundo os datos actuais, pouco  a pouco vai esmorecendo.

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega quere concienciar desta situación, principalmente ás e aos falantes do futuro. Para iso, alumnado de 5º e 6º dirixido polo profesor Alberto Martínez, preparou a obra de teatro Fai un trato co galego, da que tamén é autor o devandito profesor. Con ela presentáronse ao XXVII Festival Intercentros do concello de Santiago de Compostela; o estreno foi todo un éxito e proximamente tamén o alumnado e o profesorado teremos ocasión de presenciala en directo.

Pero mentres, ofrécennos a toda a comunidade educativa a posibilidade de poder gozar da súa actuación con tan só pinchar na imaxe.

Pódese atopar máis información en https://edlglopezferreiro.blogspot.com/

Ogallá sexa o inicio de mil primaveras máis para a nosa lingua. Feliz Día das Letras Galegas!

 

SEGUIMOS CON ACTIVIDADES DE APRENDIZAXE COLABORATIVA NO CEIP LÓPEZ FERREIRO

Durante este terceiro trimestre de curso, o noso alumnado seguiu alfabetizándose nas novas linguaxes creativas. Para iso, as nenas e os nenos de 2º e 4º de educación primaria realizaron un obradoiro de iniciación á informática cos escornabots, mentres que en 3º, un taller de lectura expresiva guiado por Charo Pita. Estas actividades puideron levarse a cabo grazas á nosa participación nos programas Radio na biblio e Biblioteca Creativa, polo que no blog da biblioteca se atopa máis información.   

Ademais, e contando coa colaboración das familias, o Equipo de Actividades Extraescolares xunto co Equipo da Biblioteca organizaron un mercadiño solidario para colaborar coa asociación Centinelas. Deste xeito, as nenas e os nenos intercambiaron produtos de hixiene por libros xa descatalogados da nosa biblioteca, fomentando valores de xenerosidade, empatía e recoñecemento das diferentes realidades.

E en colaboración coa ANPA do centro e mais o CAFI, a psicóloga educativa Begoña Castro volveu ao noso centro. Nesta ocasión, para ofrecer unha charla sobre “Remedios literarios”, ou como a lectura contribúe a desenvolver e a espertar as nosas emocións, motivadoras de calquera aprendizaxe.
Ao final da charla, tamén nos visitou o escritor e psicólogo Luís Rodríguez Cao, que nos agasollou co seu libro As viaxes de Xurxo, e nos emocionou co recitado dalgunhas composicións incluídas no seu poemario Creación y luz, unha oda ao nacemento e ao comezo da vida.

Letras Galegas 2023 no CEIP López Ferreiro

Para conmemorar o Día das Letras Galegas, dende o EDLG, adaptamos o penúltimo capítulo da obra de Francisco Fernández del Riego, Galicia.
As alumnas de 4º de Primaria: Naia Lopes Fenández, Cloe Paredes Cortegoso, Gala Pedreira Asorey, Helena Pereira Rey, Gaia Rey de la Fuente e Lucía Zas Viña, elaboraron o guión e presentan Remate da peregrinaxe en Santiago de Compostela. Un traballo cuxa edición realizou Lara Timiraos Rubido, alumna de 4º curso do Grao en Mestre/a de Educación Infantil (USC).
 
Podedes premer na imaxe para ver o video.

O LÓPEZ FERREIRO CO DÍA DO LIBRO

No CEIP López Ferreiro tamén se celebrou o Día do Libro. 

Hai moitas formas de ler, e Paula Carballeira achegounos unha das máis divertidas, a do mundo do teatro, dentro do programa de Lectura e familias no que o noso centro participa.
E como vén sucedendo desde hai sete anos, convocouse o Concurso de poesía desde a biblioteca escolar. Este ano ano, tivo por título Ecopoemas, e as nenas e os nenos que a xuízo do xurado mereceron o premio, puideron ir ata unha libraría para mercar o seu agasallo. Como se comproba pola foto, nada mellor que fotografarse na praza de Cervantes en Compostela para tan sinalada data.
Pero as celebracións polo Día do Libro non van rematar este mes, xa que no mes de maio organizarse un mercadiño solidario, do cal se ofrecerá cumprida información.
Porque a lectura, sempre funciona cando se comparte.
 

MARGARITA LEDO NO LÓPEZ FERREIRO

Durante todo o mes de marzo, recibimos no López Ferreiro a MULLERES IMPRESCINCIDIBLES NA VIDA DE COMPOSTELA (Helena Villar Janeiro, Encarna Otero, Marisa Vidal…), o que, ademais de ser unha realidade, é tamén o título da proposta coa que o noso centro participa no programa Donas de si, coordinado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega.

Para rematar o mes por excelencia da Muller, Margarita Ledo, chairega de nacemento pero santiaguesa de adopción, ofreceu unha conferencia ao alumnado de 6º do CEIP López Ferreiro.

Esta pioneira das artes audiovisuais, transmitiu ás nenas  e aos nenos a súa paixón polo cinema como un medio expresivo para a transmisión de emocións; pero sobre todo, como un medio de reinvidicación da loita das mulleres, da loita pola lingua, da loita contra a opresión...

Amosoulles, asemade, diferentes creacións súas e demostroulles que todas e todos posúen un gran potencial creativo.

No López Ferreiro aprenderemos a reflexionar e a tomar conciencia crítica a partir das súas obras. Entre elas, cun libro do que Margarita é autora e que nos deixou como agasallo: O serrote do Gil.
 
Máis información en: https://edlglopezferreiro.blogspot.com/

ENAPA: A TRANSICIÓN DA PRIMARIA Á SECUNDARIA

O 29 de marzo (coa colaboración do CAFI e da ANPA do centro), visitounos  a psicóloga educativa Begoña Castro, para desenvolver a ENAPA  "A transición desde a educación primaria a educación secundaria".

A charla, estivo  centrada no cambio emocional e psicolóxico que experimentan as nenas e os nenos nas idades nas que deben pasar ao instituto. E así, observouse que a vida, mesmo  a escolar, está chea de cambios adaptativos, polo que a familia debe ofrecer ferramentas para a autonomía das súas fillas e dos seus fillos, e acompañalas/los nun momento de preadolescencia no que lles inqueda moito o seu futuro.

A charla prolongouse bastante máis das dúas horas inicialmente previstas e Begoña prometeu "repetir" no noso centro. Na próxima ocasión, fará ver ás familias como determinados libros poden axudar en certos momentos emocionais.

Enviarase información desta ENAPA que, ben seguro, volverá ter o éxito asegurado.

EDUEXCHANGES ACTIVITY -Intercambio de Entroido coa escola Petit Paris de Brest

 

A tradición do Entroido é algo que temos en común coa Bretaña francesa, entre outras moitas cousas. Entroido en Galicia, Carnaval Brestois en Bretaña.

Gravamos un vídeo para compartir con l'École Petit Paris de Brest (o colexio bretón co que intercambiamos actividades EduExchange) e recibimos o seu que tamén se celebra nas escolas.

Aquí filloas, alí crêpes. Desfrutade os vídeos.

 

Distribuir contido