SEGUIMOS CON ACTIVIDADES DE APRENDIZAXE COLABORATIVA NO CEIP LÓPEZ FERREIRO

Durante este terceiro trimestre de curso, o noso alumnado seguiu alfabetizándose nas novas linguaxes creativas. Para iso, as nenas e os nenos de 2º e 4º de educación primaria realizaron un obradoiro de iniciación á informática cos escornabots, mentres que en 3º, un taller de lectura expresiva guiado por Charo Pita. Estas actividades puideron levarse a cabo grazas á nosa participación nos programas Radio na biblio e Biblioteca Creativa, polo que no blog da biblioteca se atopa máis información.   

Ademais, e contando coa colaboración das familias, o Equipo de Actividades Extraescolares xunto co Equipo da Biblioteca organizaron un mercadiño solidario para colaborar coa asociación Centinelas. Deste xeito, as nenas e os nenos intercambiaron produtos de hixiene por libros xa descatalogados da nosa biblioteca, fomentando valores de xenerosidade, empatía e recoñecemento das diferentes realidades.

E en colaboración coa ANPA do centro e mais o CAFI, a psicóloga educativa Begoña Castro volveu ao noso centro. Nesta ocasión, para ofrecer unha charla sobre “Remedios literarios”, ou como a lectura contribúe a desenvolver e a espertar as nosas emocións, motivadoras de calquera aprendizaxe.
Ao final da charla, tamén nos visitou o escritor e psicólogo Luís Rodríguez Cao, que nos agasollou co seu libro As viaxes de Xurxo, e nos emocionou co recitado dalgunhas composicións incluídas no seu poemario Creación y luz, unha oda ao nacemento e ao comezo da vida.