Normativa. Composición. Obxectivos. Organización e funcionamento do D.O.

     Os Departamentos de Orientación nos CEIPs teñen como marco normativo o Decreto 120/1998 do 23 de Abril, que regula a orientación escolar e profesional en Galicia, e a Orde do 24 de Xullo de 1998, pola que se establece a organización e funcionamento da orientación educativa na Comunidade Autónoma de Galicia.

     No noso centro, creouse o D.O. no curso 1999-2000, ao cubrirse por concurso a praza de Xefe do Departamento.

     Está integrado polos seguintes membros:

         - Coordinadores/as de Ciclo de E. Primaria.

         - Coordinador/a de E. Infantil.

         - Profesorado de Pedagoxía Terapéutica.

         - Profesorado de Audición e Linguaxe.

         - Xefe do Departamento.

     Desde o comezo, e por decisión unánime do Dpto. así como da Comisión de Coordinación Pedagóxica, a Xefa de Estudos asiste ás reunións do D.O. malia non estar contemplado na normativa como membro constituínte. Tamén forma parte do D.O. o profesorado que desempeña funcións de apoio a alumnado con necesidades educativas específicas.

     Os obxectivos xerais do D.O. poden resumirse en:

          - Promover a relación, interacción e cooperación entre os distintos membros da comunidade educativa, especialmente entre o profesorado e entre o centro e as familias.

          - Revisar as bases da acción titorial no centro, colaborando con todos os sectores implicados na súa aplicación e apoiando o proceso de ensinanza-aprendizaxe.

          - Deseñar e poñer en práctica programas dirixidos á atención temperá e á prevención e/ou tratamento de dificultades de aprendizaxe.

          - Desenvolver ao máximo as potencialidades de todos os alumnos, axustando a resposta educativa ás súas necesidades particulares, con especial atención aos alumnos con necesidades educativas específicas, mediante a avaliación psicopedagóxica, realización e seguimento de Reforzos Educativos ou Adaptacións Curriculares. Tamén a aqueles alumnos procedentes do estranxeiro, atendendo ás particularidades establecidas no contexto normativo para este caso.

     Organización e funcionamento:

     - Os D.O. dos CEIPs deben estar coordinados cos D.O. dos institutos de secundaria aos que están adscritos. No noso caso, co IES nº 1, para elaborar conxuntamente as liñas xerais do Plan de Orientación e do Plan de Acción titorial.

     - Os membros do D.O. deben reunirse, como mínimo, unha vez cada trimestre.

     - O centro reserva do seu orzamento unha cantidade para o funcionamento do D.O.

     - Tendo en conta o marco normativo e as necesidades do centro, ao comezo de cada curso, seguindo as directrices da Comisión de Coordinación pedagóxica, elabórase un Plan de Orientación que, unha vez aprobado polo D.O., Claustro e Consello Escolar, se envía á Inspección Educativa como unha parte máis da Programación Xeral Anual do centro.