Obradoiro de mini pizzas, mmm...!!!

Despois de varias experiencias gastronómicas anteriores e como nos gusta moito comer pero tamén hai que aprender a facelo nós mesmos, decidimos facer... mini pizzas !!!

Primeiro coñecemos e trouxemos os ingredientes que leva unha pizza e aprendemos como facelas seguindo unha receita, despois aprendemos que aparellos de cociña podemos empregar para elaboralas e por último metemos as mans na masa.

Este día xuntámonos todos os alumnos e alumnas de 1º e fixemos unha clase práctica de cociña. Cada un/unha trouxo os ingredientes básicos da pizza máis o que lles gustase botarlle e fixeron unha pizzas riquísimas. Cando as forneamos, aquilo cheiraba que arrecendía.

O bosque chama por nós e alá imos.

Celebrando que estamos no Ano Internacional dos Bosques, que traballamos este centro de interese e tamén que nos gusta saír para aprender en vivo e en directo, para achegarnos ata un bosque próximo pero non tan coñecido por nós.

Así que os nenos, nenas e profes do 1º Ciclo, collemos as mochilas e saímos para Moaña, ao entorno do Río da Fraga. Alí descubrimos moitas cousas: árbores, plantas, flores, muíños, pegadas de animais, cágados e, sobre todo, un recanto de paz e paisaxe natural que os nenos e nenas disfrutaron con alegría e bo humor.

Voltamos ao cole cansos pero contentos de ter pasado unha mañá tan aproveitada. Ao mellor voltamos!

 

 

O Día do Libro

Para conmemorar o Día do Libro, os alumnos e alumnas de 2º de EP contáronnos un conto ben bonito: "A gatiña Morriña", que está baseado no libro "El bosque animado" de Wenceslao Fernández Florez.

Deporte escolar en Soutomaior

Rematamos as xornadas ordinarias do deporte escolar no Pavillón de Soutomaior, xunto cos compañeiros do Colexio Santiago Apóstol. No vindeiro mes teremos a xornada final de convivencia dos catro colexios participantes na zona.

 

CARAVANA DE LIBROS

A Caravana de Libros chegou ao noso colexio cheo de publicacións nas distintas linguas oficiais de España. Por ela foron pasando a maior parte dos cursos de Primaria e Educación Infantil. Como actividade complementaria tivemos unhas sesións de contacontos na Biblioteca para os máis cativos realizadas por Ariana Rafael Cabaleiro, ex alumna do colexio. Como podedes ver nas imaxes, aproveitamos a ocasión para facerlle unha entrevista que se publicará na revista BATEA deste curso.

   

NA SEMANA DA PRENSA VISITOUNOS O DEBUXANTE KIKO DA SILVA

A semana pasada, que dedicamos á prensa, recibimos no colexio a visita do debuxante Kiko Da Silva o día 7. Participou en dúas charlas co alumnado de Primaria. Nelas amosou aos nenos/as o seu traballo como ilustrador, tanto de historietas como as súas colaboracións no xornal "La Voz de Galicia". Tamén comentou aos rapaces/as o seu traballo na revista cómica Retranca e avanzou o próximo nacemento de Fiz, unha revista para iniciar aos nenos no cómic, que sairá en galego en Galicia e en castelán no resto do estado.
Explicou como elaborou algún dos seus proxectos e tamén cal é o proceso de realización dunha imaxe de cómic. Deixounos como lembranza dous debuxos que conservaremos na biblioteca como o facemos co Martiño que o propio Kiko debuxara no ano 2000 na anterior visita que realizou ao noso centro.

 

ACTIVIDADE DE TAEKWONDO NA ESCOLA

O venres 1 de abril visitounos un monitor na Federación Galega de Taekwondo para realizar unha xornada de promoción dese deporte. A actividade, na que participou o alumnado do segundo ciclo de Primaria enmárcase dentro do programa Xogade, organizado pola Xunta de Galicia.

 

DEPORTE ESCOLAR: VISITA AO CPI DE PAZOS DE BORBÉN

O mércores día 30 de marzo fomos ao CPI Curros Enríquez de Pazos de Borbén a unha nova xornada do Deporte Escolar. Practicamos bádminton, voleibol, baloncesto, balonmán e fútbol sala. O vindeiro 12 de abril desprazarémonos ao concello veciño de Soutomaior, na que será a derradeira xornada na que se disputen os mencionados deportes. No mes de maio haberá un encontro dos catro colexios participantes no pavillón de deportes de Soutomaior.

 

A FUNDACIÓN ÓSCAR PEREIRO REALIZOU UNHA ACTIVIDADE DE PROMOCIÓN DO CICLISMO

Durante dous días a Fundación Óscar Pereiro realizou unha actividade de difusión do ciclismo e de educación vial co alumnado de Educación Primaria. Luis Oliveira foi o encargado de transmitir aos rapaces/as a importancia da seguridade cada vez que monten en bicicleta mediante o emprego do casco. Ademais concienciounos sobre a importancia do respecto aos sinais de tráfico. Aos nenos e nenas gustoulles moito esta actividade que agardamos poder repetir en vindeiros cursos.

Fai clic aquí para ver unha ampla mostra fotográfica destas xornadas

O ENTROIDO EN CEDEIRA

Este ano 2011 adicamos o Entroido á Idade Media. Así os pequenos e pequenas de Educación Infantil disfrazáronse de cabaleiros e damas, os alumnos e alumnas de 1º Ciclo, de habitantes dos bosques, Robines e Robinas dos bosques; os nenos e nenas de 2º Ciclo eran o campesiñado e os chicos e chicas de 3º Ciclo de bufóns e  e malabaristas. Paseamos ao Meco por toda Cedeira e despois queimámolo, xa que este ano, representaba aos mercados e bancos que nos asoballan e cobran uns xuros abusivos. Pero, sobre todo, pasámolo moi ben!

 

Powered by Drupal - Design by artinet