ENTREVISTA CON SIRA SOBRE O MARISQUEO NO NOSO MAR

Este venres 22 de marzo veu Sira, unha profesional das Ciencias do Mar que traballa na Asistencia Técnica na Confraría de Redondela. Tivo a amabilidade de achegarse ao noso colexio e os alumnos e alumnas de 3º Ciclo fixéronlle unha entrevista para coñecer máis de cerca como se desenvolve o traballo do marisqueo na nosa zona.

As cuestións que lle propuxeron axudaron a coñecer moitas cousas sobre o traballo que desenvolve tanto ela como os homes e mulleres que viven do mar e resultou moi interesante porque acompañou a súa entretida exposición con fotografías dos labores que desenvolven a cotío.

Falounos das distintas especies que se producen por aquí: ameixas (rubia, babosa, xaponesa, cadelucha,fina) croques, navallas, etc. Falounos de que hai que sementalas (cando son coma "lentellas"), hai que coidalas, vixialas, trasladalas cando cómpre, e recollelas(sempre que o seu tamaño sexa adecuado). Tamén non explicou que é a veda, por que hai que respectar as vedas; explicou que é a chamada "marea vermella"; falounos dos distintos tipos de "bicho" para pescar e moitas cousas máis que encheron 90 minutos de entrevista.

Queremos agradecerlle a Trini que nos puxese en contacto con Sira e a esta que viñese ata o colexio para achegarnos ao mundo do marisqueo.

 

AS FOTOS DO MAR

Dentro do proxecto sobre "O noso mar" que vimos desenvolvendo no colexio ao longo deste curso, as familias do alumnado aportaron fotografías relacionadas co tema. Así podemos ver na exposición da planta baixa do colexio fotos antigas (incluso da vella Redondela) e actuais.

Moitas grazas a todos os que colaboraron con esta iniciativa. Aquí podedes ver unha mostra das mesmas.

DEPORTE ESCOLAR FEBREIRO 2013

Ao longo do mes de febreiro participamos en dúas xornadas de deporte escolar. A primeira delas tivo lugar no Estadio da Xuventude, en Pontevedra. Alí moitos dos rapaces/as tiveron o seu primeiro contacto cunha pista de atletismo.

Na outra xornada, visitamos aos compañeiros/as do CEIP Curros Enríquez de Pazos de Borbén, paracticando varios deportes. A vindeira xornada levaranos no mes de abril ao Colexio Santiago Apóstol de Soutomaior.

Facendo clic na imaxe podedes ver varias fotografías das dúas xornadas.

150 ANIVERSARIO DE "CANTARES GALLEGOS"

Dentro das actividades do Día de Rosalía de Castro 2013, organizadas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o venres 22 de febreiro realizaranse en moitos centros de ensino  actividades escolares, lecturas e gravacións audiovisuais por parte do alumnado dos poemas de Cantares gallegos.

No CEIP de Cedeira participamos na celebración deste día tan importante para os galegos/as e a cultura galega xa que se conmemora o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos.

O venres 22 presenciaremos un documental sobre a vida e a importancia de Rosalía de Castro e a súa obra. Logo recitaremos poemas e visionaremos o vídeo que gravou o alumnado de 3º ciclo sobre un poema do libro Cantares Gallegos e que podedes ver aquí mesmo.


NO COLEXIO IMOS DE ENTROIDADA

Xa estamos no tempo de Entroido e este ano vén por mar, polo NOSO MAR.

Os piratas, as medusas, os deportistas marítimos e as xentes do mar "pasearon" polo lugar de Cedeira, unha "illa porcallenta, cheirenta fedorenta..." que precisaba unha limpeza; e a limpeza veu polo lume, o lume da queima do noso meco deste ano que, unha vez máis resultou moi vistoso.

E despois de queimar... a xantar.

Grazas a todos e todas pola colaboración.

NAVEGA CON RUMBO

Rematamos este mes coa segunda actividade sobre navegación segura en internet. A charla de Navega con rumbo para o alumnado de 5º e 6º resultou de gran interese e utilidade práctica.

No vídeo tendes parte do contido da exposición do poñente: as dez claves para usar internet con seguridade.

Tamén é de moito interese a web de pantallas amigas:

A web de NAVEGA CON RUMBO é de gran utilidade para toda a familia, con guías para todos/as.


 

O DÍA DA PAZ EN CEDEIRA

Aínda que todos os días son adecuados para "practicar" este valor, o día 30 de xaneiro celebramos o Día escolar pola non violencia e a PAZ. Este ano o profe de música compuxo a letra para unha melodía tradicional "A marxiña portuguesa", coñecida por todos como "O chacachá do tren". Todo o alumnado e o profesorado cantamos a canción e "marchamos" formando trens pola PAZ. Aquí tedes unha mostra do bonito que quedou todo.

 

LETRA:

En Cedeira temos Paz,

querémola manter,

por iso estamos sempre

pensando que facer.

Este ano foi un tren,

un tren que marcha ben.

A Paz vai por Cedeira

montada neste tren

 

No recreo nós falamos e xogamos,

e se hai algún conflicto hai que avisar,

Non berramos, non pegamos, axudamos,

que no cole de Cedeira aínda podemos mellorar.

 

En Cedeira temos Paz,...

 

E nas clases aprendemos moitas cousas,

moitas máis ainda queremos aprender;

atendemos, traballamos, estudiamos

que no cole de Cedeira todo ten que marchar ben.

 

 

En Cedeira temos Paz,...


Á saída con coidado baixaremos

ós pequenos nós debemos protexer,

e nas filas gardaremos sempre a orde

para ter moitos amigos e levarnos todos ben.

 

En Cedeira temos Paz,...

 

 

LETRA:  Xosé Luis Ojea Veloso

MÚSICA: Canción Popular (A marxiña portuguesa) interpretada por El Consorcio como “El chacachá del tren”.

O SORTEO DA WII

O día 25 de xaneiro celebrouse o sorteo da ONCE que todos estabamos agardando porque a rifa que coincidise co número premiado, gañaría a WII. O número premiado foi o 509 que correspondeu a unha rifa vendida por un neno de 5º. Xa entregamos o premio ao gañador que quedou "encantado" co seu agasallo. Grazas a todos por participar e aos "patrocinadores" pola súa colaboración.


 

Powered by Drupal - Design by artinet