UN CONTO DE NADAL (THE CHRISTMAS TREE)

Este conto vano interpretar varios alumnos/as no Nadal.

RECICLO, RECICLAS, RECICLAMOS.

Hoxe, os alumnos e alumnas do 2º e 3º Ciclo de Primaria recibiron a visita de monitores de SOGAMA para facer unha actividade relacionada coa reciclaxe. O obxectivo é concienciarnos de que a Redución, a Reutilización e a Reciclaxe son os grandes R que debemos poñer en práctica para que o noso planeta siga "en forma".

Ao rematar as actividades o alumnado recibiu un agasallo para non esquecer o que escoitaron.

AMPLIACIÓN DO COLEXIO DE CEDEIRA

O mércores día 13 de novembro, nunha xuntanza que tivo lugar na Casa do Concello de Redondela, foi presentado o proxecto de ampliación do colexio. Á devandita xuntanza asistiron o Secretario Xeral Técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Jesús Oitavén, a Delegada Territorial da Xunta de Galicia en Vigo María José Bravo Bosh, o Xefe Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en Pontevedra César Pérez Ares, o Alcalde de Redondela Javier Bas, a Concelleira de Ensino Teresa Paris, a Inspectora de Educación Margarita García Lobato, o Presidente da ANPA Juan Raimúndez, o Vocal da mesma Miguel Vidal e o Director do colexio, Juan Luis Ferreiro, ademais de varios técnicos das distintas administracións.

Trala xuntanza desprazáronse ata o centro para ver in situ as reformas previstas. Estas consisten na creación dun comedor de maiores dimensións e unha aula de psicomotricidade/usos múltiples que irían ubicadas no lugar no que se atopan actualmente os vestiarios. Ademais incorporaranse aseos ás aulas de Educación Infantil, habilitarase un local para a ANPA, un aseo para discapacitados, mellorarase a accesibilidade e faranse novas zonas de almacenaxe.

Dende o colexio agradecemos a todas as persoas e institucións que fixeron posible a realización deste proxecto de ampliación que redundará nunha mellor calidade educativa para todo o alumnado do colexio. As obras está previsto que se realicen no verán de 2014.

Podedes ver esta nova recollida polo Faro de Vigo e por Radio Redondela.

FOTO: FARO DE VIGO

O patio é de todos!

No noso colexio somos conscientes de que entre todos podemos manter limpo o patio, por iso queremos presentar a "Patrulla do Patio".

Quen son? Pois tres compañeiros/as que cada día nos lembran que debemos ser coidadosos e manter limpo o noso espazo de recreo e xogo.

Que fan? Vixían que os nenos e nenas non tiren cousas ao chan.

De que curso son? Cada mes será un cuso o que realice a observación, irán en grupos de dous ou tres membros.

Como os recoñeceremos? Porque levan un peto e unha gorra vermellos.

Van rifarlle aos nenos? Non, lembraranlle con amabilidade que non deben tirar cousas ao chan.

E que deben facer os/as nenos que están no recreo? Pois ser amables tamén, tanto se tiraron algo e deben recollelo, como se non foi así.

A Patrulla do patio foi presentada nas aulas polos compañeiros e compañeiras do obradoiro de teatro que representaron as accións que realizarían no patio, así como a maneira de actuar en casos concretos.

Contos á luz das cabazas...

Un ano máis atrevémonos a contar contos e microrrelatos á luz das candeas e das arrepiantes cabazas.

Os alumnos e alumnas reuníronse arredor d@s contador@s para escoitar os relatos que fixeron, algúns deles verdadeiramente sanguinarios e cheos de mortos e zombis.

A biblioteca recibiunos engalanada para a ocasión, converténdose nun entorno misterioso e sinistro. Con todo pasámolos moi ben.Vémonos o ano que vén no mesmo sitio.

PROGRAMA DE RADIO DAS LETRAS GALEGAS 2013

Presentámosvos aquí o programa de radio que realizamos no CEIP de Cedeira co gallo do Día das Letras Galegas 2013. Nesta edición adícase a Roberto Vidal Bolaño. Podedes escoitalo e, se vos gusta, descargalo no voso ordenador facendo clic na imaxe.


8 MB

SAÍDA DE FIN DE CURSO Á GRANXA KIRIKO

Como ven sendo tradición, o alumnado do 3º Ciclo estivo pasando uns días na granxa O Kiriko. Fixeron unha chea de cousas divertidas e veñen moi cansos destas "pequenas vacacións" anticipadas. Para ter unha mostra do que fixeron botádelle un ollo ás fotos...

Ruta Arqueolóxica polo Monte Penide

Os alumnos e alumnas de 5º curso realizaron un roteiro didáctico en MONTE PENIDE, un proxecto promovido polo Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Cultura do Concello de Redondela e mais a Coordinadora ENDL de Redondela. Este proxecto pretende por en valor o patrimonio paisaxístico e cultural redondelán realizando roteiros quiados en Monte Penide, a través de A Citania, Arqueoloxía e Xestión de Patrimonio.

Foi unha visita moi interesante e entretida, na que compartimos autobús e explicacións co alumnado de 3º Ciclo do Colexio de Porto Cabeiro. Formouse un grupo moi participativo e interesado polo megalitismo en Galicia e pola conservación dun patrimonio que temos o deber de coidar.

 

VISITOUNOS UNHA EXPERTA EN TEMAS DO MAR

Para seguir aprendendo máis sobre o mar, e completando os coñecementos da aula, hoxe visitounos Teresa Muíños, bióloga mariña e mamá de Ángela e Uxía. Trouxo dúas estrelas de mar, dúas nécoras, caracois pequeniños, e crías de choco. Os rapaces observaron como eran, como se movían, tocaron e viron como comían. Algún sorprendeuse de que a nécora fora tan escura, medio marrón porque el as que recordaba eran vermellas. Xa sabe por que cambian de cor. E moitas cousas máis… Moitas grazas Teresa por ensinarnos tanto sobre estes animais mariños e o necesarios que son todos na natureza. Uns dependen dos outros para vivir e se se rompe a cadea , a vida desaparecerá. Coidemos o noso mar!

 

Visitounos X.H. Rivadulla "Corcón"

Hoxe visitounos X. H. Rivadulla Conde "Corcón" autor do libro Os Piratas da Illa da Esperanza, que o 3º Ciclo estivo a ler neste curso.

O alumnado fíxolle moitas preguntas, que el respostou amablemente ademais de engadir unha chea de información interesante sobre todo o que rodea a este libro, así como ao oficio de escritor.

Soubemos o porque dos personaxes, dos nomes, dos lugares, da historia, das ideas e das motivacións que o levaran escribir tan interesante libro.

Agradecemos a súa presencia connosco e que asinase os exemplares do seu libro.


Powered by Drupal - Design by artinet