Entroido

O Entroido en Cedeira

O 9 de febreiro os pobos indíxenas invadiron o noso colexio e as rúas do lugar de Cedeira. Había de todo: indios americanos, ticunas, yaguas, sioux, incas, mayas e mesmo inuit. Aquí temos unha mostra do que pasou. Respetounos o tempo e puidemos saír dar o percorrido tradicional polos arredores. Un ano máis o colexio pon a funcionar o seu maxín para facelo o mellor posible.

Grazas a todos e a todas!

 

 

ENTROIDO 2017

 

O pasado venres 24 de febreiro, celebramos no colexio o Entroido en compañía das familias do alumnado e da veciñanza do colexio. Os disfraces se elaboraron tendo en conta o proxecto do centro: “Tod@s en xogo” e as propostas foron as seguintes: O alumnado de infantil foi disfrazado de esgrima, os de primeiro e segundo, foron de hípica, os de terceiro e cuarto foron de tiro con arco e por último, o alumnado de quinto e sexto de primaria foron de halterofilia.

 

ENTROIDO 2016

18/04/2016 22:42
Atlantic/Bermuda

O pasado 5 de Febreiro tivo lugar o Entroido no colexio. Dentro do tema do proxecto anual, "CON TON e ARTE" , cada curso elaborou o seu disfraz. Tivemos aos pintores de Infantil, uns pequenos rapeiros de primeiro e segundo, unha estupenda banda de música formada polos nenos e nenas de terceiro e cuarto e aos de quinto e sexto que se disfrazaron de cadros famosos. Houbo o tradicional desfile pola parroquia e á volta, a queima do meco, que este ano tiña coma tema o IVE CULTURAL, e a Facenda Pública, que non deixou claro se somos todos ou non. 

Para rematar, coma non, degustación masiva de doces tradicionais do entroido: filloas, ourellas, flores e demais fixeron as delicias de todos. Deixámosvos unha pequena reportaxe, esperamos a desfrutedes.

 

ENTROIDO 2015

Como todos os anos, celebramos o Entroido no colexio. Ao fío do proxecto anual do colexio, Mercadeando, organizamos un mercado no patio.

Tras un pequeno desfile pola pista e as actuacións, queimamos o Meco e comimos os postres aportados polas familias do alumnado.

Podedes ver aquí unha selección das fotografías desta celebración.

 

O COLEXIO DE CEDEIRA VAI POLO MUNDO ADIANTE... DE ENTROIDADA

Malia o tempo meteorolóxico, todos xuntos saímos celebrar o Entroido. Con humor e gañas de pasalo ben, disfrazámonos e fomos de ruada pola parroquia. Houbo moitos disfraces e moi bonitos e ata algúns pais e algunhas nais se animáron a acompañarnos, disfrazados tamén. Todo transcorreu nun ambiente de festa e ata a choiva  nos respetou. Ao remate da queima do Meco degustamos os postres típicos que as familias tiveron a amabilidade de preparar.

Moitas grazas a todos e a todas polo traballo feito. O ano que vén volveremos... malia o tempo.

E se queres ver os mellores momentos en vídeo, preme no enlace seguinte   ENTROIDO NO CEIP DE CEDEIRA

 

 

 

 

 

 


NO COLEXIO IMOS DE ENTROIDADA

Xa estamos no tempo de Entroido e este ano vén por mar, polo NOSO MAR.

Os piratas, as medusas, os deportistas marítimos e as xentes do mar "pasearon" polo lugar de Cedeira, unha "illa porcallenta, cheirenta fedorenta..." que precisaba unha limpeza; e a limpeza veu polo lume, o lume da queima do noso meco deste ano que, unha vez máis resultou moi vistoso.

E despois de queimar... a xantar.

Grazas a todos e todas pola colaboración.

ENTROIDO 2012

O día 17 de febreiro celebramos o Entroido no colexio. O tema deste ano eran as "Enerxías sostibles". Cada un dos ciclos representaba un tipo de enerxía: a solar, a eólica, a biomasa e a hidráulica. Trala presentación das comparsas, realizamos un desfile polas rúas de Cedeira acompañados do Meco, que este ano representaba a unha empresa que contamina xa dende o seu propio nome: CONTAMINOSA. De volta no colexio fixemos o xuizo ao Meco e decidimos queimalo. Para rematar, grazas á gran colaboración das familias do alumnado gozamos dunha gran cantidade e variedade de postres de outono. Podedes ver aquí algunhas das fotografías que fixemos.

 

O ENTROIDO EN CEDEIRA

Este ano 2011 adicamos o Entroido á Idade Media. Así os pequenos e pequenas de Educación Infantil disfrazáronse de cabaleiros e damas, os alumnos e alumnas de 1º Ciclo, de habitantes dos bosques, Robines e Robinas dos bosques; os nenos e nenas de 2º Ciclo eran o campesiñado e os chicos e chicas de 3º Ciclo de bufóns e  e malabaristas. Paseamos ao Meco por toda Cedeira e despois queimámolo, xa que este ano, representaba aos mercados e bancos que nos asoballan e cobran uns xuros abusivos. Pero, sobre todo, pasámolo moi ben!

 

FILLOAS DE ENTROIDO

Este Entroido os nenos e nenas de 1º  fixemos filloas cunha receita tradicional. Trouxemos o preparado da casa e liámonos a facelas na filloeira. Hai que ver que ben nos saíron!! E o ricas que estaban!! Non quedou nin a proba!!

 

ENTROIDO 2010

Desfile do entroido

Este ano o tema escollido para celebrar o entroido foi o das FESTAS. Así, os de Infantil representaban a Festa da Coca (coas penlas e as burras, a danza das espadas e os cabezudos). O primeiro ciclo de Primaria ía disfrazado de Peliqueiros, un dos personaxes tradicionais do entroido galego. O segundo ciclo lembrou ao San Fermín. Finalmente, o terceiro ciclo ía co disfraz de viquingos (aludindo á festa que se celebra en Catoira).

Tamén tivemos un Meco. Este ano foi a Gripe A.

O desfile pola parroquia foi moi bonito. En varios puntos do percorrido houbo moitos espectadores, o que fixo moita ilusión aos nenos/as.

Grazas a toda a comunidade educativa por conseguir, entre todos, unha festa tan fermosa.

Se queredes ver as fotos desta celebración premede aquí.

Powered by Drupal - Design by artinet