O TEMPO MADE IN BUEU

ÁRBORES E TEMPO ATMOSFÉRICO

Os rapaces e rapazas de 1º de primaria estudaron a clasificación das árbores e a interrelación das plantas co tempo atmosférico.

Contando coa axuda de Ramón, o noso conserxe, coñeceron as características das árbores que hai arredor do colexio. Aquí, ademáis de observar e aprender sobre o sauce chorón, tamén visitaron a estación meteorolóxica

RECOLLIDA DE DATOS 2º PRIMARIA

O alumnado de 2º de primaria  foi o encargado de recoller os datos da nosa caseta meteorolóxica durante 2 semanas no mes de febreiro.

Despois rexistraron os datos no recuncho do bibliocastelo dedicado ás meteoescolas.

 

 

APRENDENDO RUTINAS METEOROLÓXICAS

Os nenos e nenas de 1º de primaria levaron a cabo diferentes actividades relacionadas co tempo.
Como rutina diaria, anotaban  a data co símbolo do tempo na libreta.

 

Tamén, diariamente, actualizaban na aula, os carteis de meses, semanas, días, estacións do ano, como está o tempo e como te encontras.

 

Outra actividade que fixeron foi traballar o tema relacionándoo con cadros famosos e os seus autores. Por exemplo:  

  • Primavera: “Muller con parasol” de Monet.
  • Verán: “Solsticio de verán” de Vincent Van Gogh.
  • Outono: “Luces de outono” de Suset Heise, “O outono ou a vendima” de Francisco de Goya.
  • Inverno: “O trineo vermello” de Sarah Robertson.

 

Os Climas e os climogramas

Xa estamos en xaneiro e o alumnado de 5º de primaria, en Ciencias Sociais estamos traballando o Clima. Vemos conceptos que xa traballamos nos temas anteriores como ecuador, paralelos, movementos da Terra, hemisferios,... e outros que tamén coñeciamos polo traballo realizado na nosa meteoescola coma os aparatos que se utilizan para medir as precipitacións, a temperatura, a humidade, a presión do aire e a velocidade do vento. A todo isto engadimos coñecementos novos coma os factores que modifican o clima. Con todo isto buscamos datos do clima de dúas provincias galegas, Pontevedra por ser a nosa e estar na costa e Ourense por ser unha provincia de interior. Con estes datos elaboramos dous climogramas para ver as diferenzas do mesmo clima pero un coa influenza do mar e o outro non.

AS PAISAXES DO MUNDO

O alumnado de 3º de primaria acudiu á estación meteorolóxica en quendas durante un mes para anotar os rexistros de cada día. 
Por outra banda, dentro do proxecto sobre As paisaxes do mundo manexaron diferentes mapas, o que deu a oportunidade de falar sobre diferentes climas. Tamén investigaron sobre os climas de Galicia, do Gran Canón do Colorado, da selva amazónica, de Australia, do sur de Arxentina...

UNHA TROMBA DE AUGA DESBORDA O RÍO BISPO E ASOLAGA O CENTRO DE BUEU

A tromba de choiva que se rexistrou na comarca do Morrazo entre as 22.30 e as 23.00 horas de onte desbordou o río Bispo ao seu paso polo centro de Bueu.

A subida do nivel da auga asolagou a rúa  Pazos Fontenla, entre o lavadoiro situado á beira do colexio Virxe Milagrosa e a intersección coa rúa Alexandre Bóveda, así como Rosalía de Castro.

Servizos de emerxencia en plena actuación.

Esta zona quedou completamente asolagada, coa auga por riba da beirarrúa e ameazando con entrar en vivendas e baixos.

A situación puido ser controlada pouco despois coa intervención dos propios veciños, Bombeiros do Morrazo e persoal municipal, que empezaron a abrir os sumidoiros para axudar a evacuar a gran cantidade de auga que baixaba pola canle do río e que tamén inundaba o aparcadoiro dun supermercado situado na mesma rúa.

A Terra e o universo. Glosario ilustrado

Aproveitando que no mes de outubro recollíamos os datos da nosa meteoescola e que en Ciencias Sociais estabamos traballando o universo e a Terra, realizamos un proxecto interdisciplinar de lingua galega, ciencias sociais e matemáticas. Consistiu na realización dun glosario de palabras relacionado co tema e que quedou exposto no taboleiro de cada clase de 5º. Os nenos e nenas explicaron aos seus compañeiros as palabras que lles tocaron. Algúns acompañaron as súas explicacións con debuxos ou fotografías alusivas.

 

RECOLLIDA DE DATOS 4º PRIMARIA

O alumnado de cuarto tivo a sorte de rexistrar o tempo no pasado mes de novembro.
Cada día, antes de entar ás aulas, acudian á caseta meteorolóxica e apuntaban os datos da temperatura do termómetro de máximas e mínimas e os datos da presión atmosférica do barómetro. Anotaron, tamén, a porcentaxe de humidade e a cantidade de precipitacións. Preme na imaxe para saber máis:

 

ALERTA POLA CHEGADA DUNHA BORRASCA DE GROENLANDIA, CON NEVE E ONDAS DE 9 METROS

 

O alumnado de 4º de primaria observou e traballou sobre esta borrasca que nos chegou dende Groenlandia.

A borrasca provoca o primeiro aviso de nivel vermello do outono, debido a ondas de máis de oito metros na costa entre Corrubedo e Ribadeo.

Mapa de avisos previsto para o xoves, coa chegada de Cecilia.

 Galicia vivirá no que queda de semana unha situación de pleno inverno, con fortes ventos, chuvia, neve e grandes ondas no mar. A  responsable desta situación haina que buscar en Groenlandia, de onde procede a borrasca Cecilia, o nome que lle corresponde ao temporal que se deixará notar nas vindeiras horas. A principal novidade é a do primeiro aviso de nivel vermello do outono, que estará activado o xoves desde as 12 do mediodía e ata a medianoite na costa de Muros a Ribadeo, debido a mar combinada con ondas de máis de oito metros.

Tal e como explica desde MeteoGalicia Juan Taboada, “é unha borrasca que vén polo Atlántico desde Groenlandia e desprázase rapidamente ata o norte da Península, porque nas Azores hai un anticiclón que xera un corredor e trae este temporal directamente cara a Galicia”. A situación máis perigosa, con todo, estará no mar, xa que se combina a forza das ondas que viaxan polo atlántico co impulso do vento na mesma dirección, o que as fará medrar por riba dos citados oito metros.

O  xoves chegará o máis intenso con Cecilia: ademais da auga, o vento superará os 80 km/h nas provincias atlánticas, e a neve deixarase ver en gran parte do país. O aviso amarelo activouse por agora só no leste de Lugo e Ourense, pero algúns modelos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) apuntan a que se poderán ver folerpas en gran parte das dúas provincias, mesmo nas zonas máis altas de Pontevedra e A Coruña. Juan Taboada anticipa que as nevaradas por riba dos 800 metros van ser “bastante considerables” en Galicia.

A propia Aemet emitiu no mediodía do martes un aviso especial  que fala de espesores de ata 30-50 centímetros nas zonas máis altas, e de 5-10 cm entre 800 e 900 metros. A precipitación en forma de choiva podería sumar en poucas horas máis de 100 litros por metro cadrado.

Agárdase que a partir do venres a situación sexa máis estable, pero é posible que para a fin de semana regresen as chuvias e o vento con intensidade.

A partires deste texto traballaron a comprensión lectora.

 

VISITA Á ETAP DE PONTEVEDRA E AO ENCORO DO PONTILLÓN DE CASTRO

O alumnado de cuarto visitou, o pasado 23 de outubro, a estación de tratamento de auga potabilizada de Pontevedra. Preme nas imaxes para coñecer todos os detalles da visita:

Distribuir contido