CURSO 4ºA 4ºB

MATERIAIS PARA FACER O TRABALLO DE ARTS & CRAFTS PARA O ALUMNADO DE 4º DE PRIMARIA:

Boas tardes. A actividade de plástica para esta semana é:

Déixovos un arquivo con varias ideas para o traballo plástico desta semana para facer en folio A-4 co hashtag “Stay at Home”. Escollede unha delas ou debuxade e coloreade a vosa propia versión copiando o título : # “Stay at Home“.

Coidádevos moito!!

Un saúdo, Bye !!

DÍA DA MULLER TRABALLADORA: CHARLA DE GLORIA

O alumnado de 4º de E. Primaria celebrou o Día da muller traballadora recibindo a visita de Gloria, bisavoa de Sara de  4ºA.

Gloria  falounos como foron os seus primeiros anos de vida nunha casa propiedade de Massó en Cangas. Alí vivían moitas familias das obreiras e  obreiros da fábrica e alí mesmo ía a escola.  Lembra eses anos  como moi felices.

Contounos que con só 14 anos, e sen o consentimento dos seus país , empezou a traballar na conserveira. Primeiro empezou dando servicio ás mulleres máis expertas. Despois pasou a traballar na máquina que lavaba as latas.

Díxonos que, como vivía moi cerca da zona do peirao de  descarga, podían petar na súa porta  a calquera hora de madrugada, cando os barcos chegaban, para que lle botasen o sal ao peixe.

Lembrou algunha inxustiza, como cando unha vez tras facer máis de 50 horas extra esperaba cobrar o seu primeiro billete de mil pesetas e que só cobrou a metade.

É  unha muller de enerxía inesgotable, pois tras deixar a fábrica traballou cóbado a cóbado co seu home nunha empresa familiar de pintura e decoración.  Nada se lle puxo por diante. Coidou, a súa vez, das súas fillas, netos e agora xa das  súas bisnetas.

UN PRACER ESCOITARTE GLORIA!   MOITÍSIMAS GRAZAS!

 

CHARLA SOBRE VACINAS E ANTIBIÓTICOS

 

O alumnado de cuarto estamos iniciando un novo proxecto  sobre A SAÚDE.

Hoxe, tivemos a sorte de recibir no noso colexio  a visita de  Caro e Tere, estudantes de medicina.  Viñéronnos  falar sobre  as VACINAS  e os ANTIBIÓTICOS.

A primeira en  expoñer  foi Tere,  que nos falou,  primeiramente, das enfermidades infecciosas e do noso sistema inmune.  Referiuse ás medidas  preventivas, como lavarse as mans, espirrar poñendo o cóbado, ou illarse cando se está enfermo para non contaxiar. Despois foi directamente  ao tema das vacinas.  Co calendario de vacinación diante de nós,  foinos explicando os diferentes tipos de vacinas e por que unhas se poñen antes ou despois, ou por que  algunhas se repiten varias veces. Foi contundente  á hora de resaltar a importancia de vacinarse.

Foi logo a quenda de Caro, que nos contou para que se usan os antibióticos.  Explicounos que só están destinados a combater as bacterias  e que  non se poden utilizar en casos de  infeccións provocadas por virus. Púxose moi seria cando  relatou que  moitas enfermidades  están sendo resistentes aos antibióticos,  debido ao mal uso que se fai deles. Foi contundente cando nos dixo que tiñamos que seguir estritamente as instrucións  das médicas e médicos.  Os antibióticos hai que tomalos  os días que nos marcan e nas horas sinaladas.

Esta é a presentación da charla, que nos vai servir para non esquecer todo o que aprendemos.

 

MOITAS GRAZAS CHICAS! 

SAÍDA DO ALUMNADO DE 4º AO MUSEO MASSÓ E Á PRAZA DE ABASTOS

Como xa explicamos nunha entrada anterior, o alumnado de cuarto estamos inmersos nun proxecto sobre actividades produtivas.

Esta semana comezamos a centrarnos no traballo das mulleres e o mar. Baixo a batuta de Patri, mestra de prácticas, indagamos nos nosos  fogares se algunha persoa achegada, traballara nas conserveiras da nosa vila.

Fixemos despois unha asamblea na que moitos nenos e nenas contamos a experiencia das súas avoas, bisavoas, …

 

Este venres trasladamos a escola á rúa. Primeiro  dirixmonos ao Musseo Massó.

 

Alí David, o noso guía, levounos  primeiro a coñecer algo sobre o SECTOR PRIMARIO. Metímonos nunha sala onde había embarcacións tradicionais, como unha lancha xeiteira ou unha dorna. Estes traballos eran realizados polos homes.

 

 Explicounos tamén que, unha vez que chegaban ao peirao ou á praia, quen recollía este peixe eran as mulleres. O levaban enriba da cabeza nas patelas e moitas veces  metíanse no mar para collelo.

 

Ese peixe podía ser vendido na praza ou levado, antes da chegada das conserveiras, ás plantas de salgadura. Empezou polo tanto a falarnos do SECTOR SECUNDARIO.Explicounos como era o proceso da salga e como as mulleres tiñan os peores traballos, os non cualificados.

 

Contounos que a finais do século XIX Massó se instalou en Bueu. Ao ver as fotos comprobamos como as muleres realizaban o traballo duro, descalzas, mentres que os homes, que eran os encargados, van perfectamente vestidos e con zapatos relucentes. Confirmábase  que os relatos das nosas familiares eran certos. Díxonos que cobraban a metade que os homes.

 

QUE INXUSTIZA!

 

 

 Cambiamos logo de ambiente. Fomos á praza. Como non? Este espazo está cheo de mulleres traballando:

AS PEIXEIRAS

Metémonos no SECTOR TERCIARIO.

 Levábamos toda a semana preparando a entrevista. Por parellas ou en tríos fomos recadando información. Queriamos saber, entre outras cousas, a que hora se erguían pola mañá, que calidades debe ter unha boa regateira, como conciliaban a vida laboral e a familiar, se se consideraban ben pagadas.

FORON AMABILÍSIMAS!

Ao finalizar nos agasallaron cunha merenda saudable e aínda por riba nos agasallaron cunha bolsa de tela.


 

MOITAS GRAZAS!!! 

 

 

VISITA DE RICARDO GÓMEZ

 

O alumnado de cuarto, recibimos hoxe, 4 de febreiro, a visita de Ricardo Gómez, autor de Ojo de nube, o libro que estivemos lendo recentemente nas aulas e que por certo nos encantou.

 

Estabamos desexosos de coñecelo e levábamos preparadas unha infinidade de preguntas. 

Ricardo Gómez non nos decepcionou. Contounos que sempre lle gustou ler, e que lle leran. Tamén nos dixo que dende pequeno lle chamou a atención a cultura dos indios americanos e por iso escribiu este fermoso libro dun neno indio cego.

Ao rematar, O autor de tan fermoso libro, asinounos a todos o noso exemplar.

 

 

 

 

 

 

CHARLA DE CARLOS MARTÍNEZ

O alumnado de cuarto, recibimos o pasado venres, 23 de xaneiro, a visita de Carlos, pai de Carla Martínez, alumnade 4ºA.

Neste nivel atopámonos inmersos dentro dun proxecto sobre actividades produtivas e Carlos veunos explicar en que consistía o seu traballo. Gustounos moito, pero o que máis nos chamou a atención foi o que nos contou sobre a gran cantidade de lixo que se atopa polo mar. Dixo que a maior oparte atópase no fondo do mar, onde a simple vista non se pode ver. Nos aparellos de pesca aparecen obxectos tan inimaxinables como esta antiquísima lavadora que aparece na imaxe:

O que máis nos anoxou foi o que nos contou sobre as VERTEDURAS que as dragas fan entre as illas de Ons e Sálvora, no espazo protexido do PARQUE NATURAL DAS ILLAS ATLÁNTICAS.

O pai de Carla explicounos que cada certo tempo os peiraos de cidades e vilas como Vigo, Marín, Vilagarcía e Bueu, limpan os fondos de fango e lixo. Para iso utilizan uns barcos, as dragas, que rastrillan os fondos e recollen toda a porquería. Ata aí todo é entendible. O que non nos cabe na cabeza e Carlos denuncia é que se van verter neste espazo.

Co seu radar foi quen de medir a gran montaña de lixo. Para que nos fagamos unha idea a superficie equivale a máis de 100 campos de fútbol e a altura dunha das montaña poderíase equiparar á  dun edificio de 6 pisos.

A verdade é que foi unha charla interesantísima. Aprendimos moitísimo e lle estamos moi, pero que moi agradecidas e agradecidos a este xentil papá.

VISITA DO ALUMNADO DE CUARTO Á ETAP DE PONTEVEDRA E AO ENCORO DO PONTILLÓN DE CASTRO

O alumnado de cuarto visitamos, o pasado 23 de outubro, a estación de tratamento de auga potabilizada de Pontevedra. 

A visita estaba programada dentro das actividades que sobre o proxecto da auga estamos realizando. O obxectivo era comprobar  que pasa coa auga unha vez que é captada no río ou nos encoros.

Cristina foi a nosa guía e explicounos, con moitísima amabilidade, que unha vez captada, a auga pasa por procesos como a batedora lenta e rápida, a flotación, a filtración con area ou a decantación. Remátase o proceso engadíndolle cloro e almacenándoa para ser trasladada en tubarías ata os nosos fogares, colexios, ...

Aproveitamos tamén a saída para ir coñecer o encoro do Pontillón de Castro. Soubemos que só se capta auga deste encoro se o río Lérez leva pouca.

Rematamos o día, indo merendar ao parque dos sentidos de Marín:

Así, si que é divertido aprender! 

 

Distribuir contido