Gallego

Programa de inmersión lingüística 2025/26

Publicouse no BOE e na Web do Ministeriro de Educación, Formación Profesional e Deportes a resolución da convocatoria do programa de inmersión lingüística 2025/26. As achegas van destinadas a grupos de estudantes de  6º de educación primaria e 2º de educación secundaria obligatoria para o desenvolvemento dun Programa de Inmersión Lingüística en inglés. Preténdese estimular a práctica oral da lingua inglesa en contornos comunicativos non formais máis dinámicos e atractivos. Trataranse temáticas de interese sociocultural e medioambiental, asemade de promover a inclusión e a convivencia do alumnado de diversos lugares de España e de centros educativos do exterior.  Empregarase a lingua inglesa como vehícular no desenvolvemento das actividades.

Toda a información sobre requisitos, número de prazas, duración e demais pormenores da convocatoria poderase consultar nesta ligazón

Prazo de presentación de solicitudes: ata o 28 de abril de 2025 ás 12:00 horas.

 

Gallego
Portada

III Xornadas da Discapacidade: Aprendendo a Incluír

A Fundación María José Jove e COGAMI organizan por terceiro ano consecutivo "Aprendendo a Incluír. III Xornada da Discapacidade: o deporte, un camiño para a inclusión". Unha xornada de sensibilización, desde unha perspectiva práctica, sobre a realidade da inclusión e que nesta edición centrarase no deporte como vía de inclusión. 

Durante a xornada, que terá lugar o mércores 9 de abril, abordaranse os beneficios do deporte en dous eixos de traballo, un de mañá coa participación de centros educativos (actividade pechada) e outro de tarde aberto ao público en xeral.

Na sesión matinal (actividade pechada para o alumnado de 6º de educación primaria do CEIP Isidro Parga Pondal de Oleiros) o alumnado terá a oportunidade de escoitar aos deportistas Alberto Seoane, paralímpico na disciplina de tenis de mesa, e Senén Álvarez, surfista. Ambos compartirán as súas experiencias sobre como o deporte foi para eles unha vía de inclusión.

A sesión da tarde será aberta ao público e terá lugar en horario de 17.30 a 19.00 horas. Participará Alberto Seoane que relatará a súa experiencia deportiva, pero tamén a súa traxectoria profesional como economista. A continuación, celebrarase unha mesa redonda con testemuños prácticos do propio Alberto, acompañado por Xabier Casal, responsable de Actividade Física Saudable da Fundación María José Jove; José R. López Gacio, profesor de judo e pai dunha moza con discapacidade; e Juan Miguel Díaz Vázquez, profesor de Educación Física. 

A entrada é gratuíta previa inscrición en  www.fundacionmariajosejove.org.

Para ampliar información cumpirá consultar o programa que se xunta.

 

Gallego
Portada 2
Portada 2

File: 

IV Edición dos Premios Mentes AMI

O proxecto Mentes AMI da Fundación Atresmedia busca recoñecer e dar visibilidade ao traballo docente no desenvolvemento de competencias mediáticas, dixitais e da información nas aulas, así como fomentar o pensamento crítico, a creatividade e os valores entre o alumnado.

Os premios están abertos a iniciativas que promovan estas competencias desenvolvidas durante o curso académico 2024/25 con alumnado das etapas de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional (graos básico e medio), e alumnado menor de 18 anos de escolas de segunda oportunidade.

Os centros educativos ou profesorado, ben de xeito individual ou en equipo, interesados en participar poderán presentar os seus proxectos a través da seguinte ligazón: Premios Mentes AMI.

Prazo de inscrición: ata o 30 de abril de 2025 ás 14.00 horas.

Para ampliar a información cumprirá consultar a nota informativa e as bases que se xuntan.

 

Gallego
Portada

Día Internacional do Libro Infantil 2025

Cada 2 de abril desde o ano 1967 celébrase como homenaxe ao escritor danés Hans Christian Andersen, polo aniversario do seu nacemento, o Día Internacional do Libro Infantil. Esta efeméride promovida polo  IBBY, a nivel internacional, e polas seccións  que a integran, ten por obxecto promover a lectura entre o público máis novo e fomentar así a afección e o amor pola lectura desde idades temperás.

Cada ano unha sección da IBBY ten a oportunidade de ser a patrocinadora internacional do Día do Libro Infantil e selecciona a un escritor ou escritora e a un ilustrador ou ilustradora de recoñecido prestixio para que elaboren unha mensaxe dirixida a todos os nenos e nenas do mundo, así como un cartel que promova a celebración deste día nas bibliotecas, centros escolares, librarías, etc.

Na edición deste ano 2025 o patrocinio corresponde á sección IBBY dos Países Baixos e cuxo eixo temático versa sobre "A liberdade da imaxinación". O cartel e o lema que nel figura: "Fai debuxos para o meu poema, pero síntete libre: son túas estas palabras que saíron da miña boca", son obra da escritora e poeta Rian Visser e a ilustradora Janneke Ipenburg.

Os libros non só son unha fonte de entretemento, senón tamén unha poderosa ferramenta para educar, inspirar e enriquecer a vida das novas xeracións. Ademais, a lectura fomenta a creatividade, a imaxinación e o pensamento crítico, habilidades fundamentais para o desenvolvemento cognitivo e emocional dos nenos e das nenas. 

 

Gallego
Portada

File: 

IV Semana cultural IES de Cacheiras

O IES de Cacheiras celebrará entre o 31 de marzo e o 4 de abril de 2025 unha nova Semana cultural que leva como título NAS TÚAS MANS e que contará coa presenza de relatores, relatoras e artistas como a pintora e escultora Mª Xosé Díaz, o luthier Xavi Lozano, Carmen Méndez, actriz e directora, o fotohistoriador Carlos Castelao, a chef Lucía Freitas ou o pintor e presidente da Real Academia de Belas Artes, Quintana Martelo. Apostamos pola artesanía galega coa presenza de D Rositas, Silvereira e Degerónimo, que falarán dos seus proxectos e traxectorias. 

A solidariedade terá o seu espazo coa presenza da Cruz Vermella que impartirá charlas sobre o voluntariado xuvenil. Nesa mesma data farase entrega do material doado pola comunidade escolar durante o mes de marzo. Tamén contaremos coa presenza da ONCE que impartirá varios talleres de braille, no ano no que se cumpren os 200 anos da súa invención.

A música terá un lugar destacado coa presenza do arpista Iván Garmen e o cantautor Conde Varo. Ademais o alumnado de 1º da ESO aprenderá a facer música con material reciclado no Taller de Ecopercusión. O alumnado de 3º da ESO poderá “Sentir Teo no Camiño” xa que participará na ruta guiada organizada grazas ao Concello de Teo.

O profesorado e alumnado do centro realizará diferentes obradoiros: de escritura grega, experimentos do Club de ciencia, de reciclaxe téxtil ou de creación de figas.

Cumprirá consultar o programa que se xunta para ampliar a información (datas, horarios...).

 

Gallego
Portada

File: 

Premio UNESCO para a Educación de Nenas e Mulleres 2025

O Premio UNESCO de educación das nenas e as mulleres honra as innovacións e contribucións destacadas que realizaron particulares, institucións e organizacións para fomentar a educación de nenas e mulleres. Trátase do primeiro Premio UNESCO destas características e a súa singularidade consiste en promover proxectos de éxito que melloren e fomenten as perspectivas educativas de nenas e mulleres e, á súa vez, melloren a súa calidade de vida.

Co apoio do goberno da República Popular de China, o premio outórgase anualmente a dous laureados e consta dun importe de 50 000 dólares estadounidenses para cada un deles, co fin de impulsar o seu labor no ámbito da educación das nenas e mulleres.

Cada Estado Membro da UNESCO pode propor un máximo de tres candidaturas que serán presentadas a través da súa Delegación Permanente en colaboración coa súa respectiva Comisión Nacional. Tamén poderán presentar candidaturas as ONG en relación especial coa UNESCO.

Os centros educativos interesados en participar terán que cubrir o cuestionario en liña, en francés ou inglés. antes do 12 de maio. Para acceder ao cuestionario deberán solicitar o acceso á plataforma a través do correo GWEPrize@unesco.org

A información ampliada sobre a convocatoria está accesible nesta ligazón e nos documentos que se xuntan.

 

Gallego
Portada1
Portada 2

Primavera das letras 2025

A Real Academia Galega xa ten dispoñible na páxina web de Primavera das Letras o texto teatral As Ferreñas (en vivo e en directo), a achega de Paula Carballeira á última edición do proxecto da Real Academia Galega para o público máis novo co gallo do Día das Letras Galegas que lles dedica ás cantareiras e á poesía popular oral.

 

Na mesma páxina están tamén dispoñibles as primeiras actividades interactivas, fichas para colorear e os deseños das chapas e marcapáxinas das cantareiras que creou a ilustradora. Nas vindeiras semanas iranse estreando novos contidos.

 

Máis información sobre actividades e outros contidos para o Día das Letras Galegas 2025 na web da Real Academia Galega

 

Gallego
Portada
2 Portada

Cine e educación: experiencias de Galicia e Portugal

A proposta "Cine e educación: experiencias de Galicia e Portugal", que se desenvolverá en Compostela o venres 4 de abril, pretende visibilizar e difundir dinámicas consolidadas de pedagoxía do cine nas aulas galegas, da primaria á universidade; tender pontes entre ensino e audiovisual profesional, grazas á perspectiva de institucións como a Filmoteca de Galicia, o Consello da Cultura ou a Agadic; e facer un intercambio con prácticas de Portugal. 

Información ampliada e inscrición gratuíta nesta ligazón. O número de prazas é limitado (100 persoas) e cubriranse por rigorosa orde de inscrición.

 

Lugar: Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar, Praza do Obradoiro, s/n 15705 Santiago de Compostela)
 

 

 

Gallego
Portada

Conmemoración do Día Mundial da Síndrome de Down

O venres 21 de marzo conmemórase o Día Mundial da síndrome de Down. Nacións Unidas aprobou en novembro de 2011 a declaración desta data, o 21 de marzo, como un símbolo en referencia á triplicación do cromosoma 21 que se traduce na condición xenética da síndrome de Down.
Desde a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional invitamos a todos os centros educativos de Galicia a dar visibilidade a esta alteración cromosómica.

No documento que se xunta recóllense diversos recursos para traballar nas aulas das distintas etapas educativas.

 

Gallego
Portada

Convocatoria de prazas de profesorado en seccións bilingües de español en Europa central, oriental e China

Publicouse no BOE o extracto de Resolución da convocatoria de prazas de profesorado en seccións bilingües de español en centros educativos de Bulgaria, China, Eslovaquia, Hungría, Polonia, República Checa, Rumanía e Rusia para o curso 2025/26. O prazo de presentación comeza o día 13 de marzo e finaliza o día 2 de abril de 2025. En total son 131 prazas para profesorado de secundaria, principalmente, e primaria. Na seguinte ligazón poderase consultar a información da convocatoria:

Profesorado en secciones bilingües de español en centros educativos de Europa central, oriental y China (2025-2026) | Ministerio de Educación, Formación Profesional y Deportes

Desde a Unidade de Acción Educativa no Exterior vaise realizar unha sesión informativa en líña o próximo día 18 de marzo ás 17.00 horas  (hora peninsular). Facilítase a ligazón para asistir á sesión e o acceso ao formulario para que o profesorado interesado poida expor preguntas antes do webinario:

 https://linktr.ee/SeccionesBilingues 

 

Gallego
Portada
Portada2