Skip to Content

Proxectos

Proxecto Falemos: exposicións e instalacións artísticas

Maruxa Mallo

Na mañá do luns 13 as exposicións e instalacións artísticas vinculadas ao Proxecto Falemos de ti e min tomaron os corredores e os espazos comúns do instituto para saír ao encontro da comunidade educativa e mostrar o resultado do traballo desenvolvido ao longo destes meses en diferentes cursos e materias.

Na páxina web de Falemos podedes achegarvos a estes proxectos cooperativos e transversais que, máis alá do carácter temporal do Programa da Semana das Letras Galegas, quedarán expostos de maneira permanente en versión dixital, impresa ou nas propias paredes do centro como fonte de coñecemento e futuras iniciativas e como mostra do bo facer investigador e artístico do alumnado e o profesorado participante. Moitos parabéns a todos/as eles/elas!

Programa de actividades da Semana das Letras Galegas

logoO Proxecto Interdisciplinar de Centro Falemos de ti e min eclosionará na Semana das Letras Galegas cun completo programa de actividades que aborda a cultura galega dende unha perspectiva integradora en torno a catro eixos vertebradores: lingua, cultura, perspectiva de xénero e diversidade sexual, funcional e cultural.

Teatro, exposicións, proxectos de investigación, actividades lúdico-deportivas e xogos populares, literatura, moita música..., e aínda máis, encherán as aulas e corredores do centro e mesmo a nosa contorna. Para coñecer máis polo miúdo o proxecto, convidámosvos a achegarvos á súa páxina. E non deixedes de visitar o seu blog, no cal poderedes seguir os preparativos e outras actividades que se foron realizando dende o comezo do curso.

Falemos de ti e de min, falemos dun nós-outr@s inclusivo, diverso e plural.

Presentación pública do Proxecto Roma

A viaxe a Italia do alumnado de 4º ESO chegou definitivamente á súa fin coa presentación pública do traballo que se realizou ao longo dos últimos meses no marco do Proxecto Roma.

Paula Canosa, David Alján, Laura Fresneda, Marco Campos e Sabela Lorenzo foron os encargados de lles dar voz ao grupo de alumnos e alumnas que durante semanas compartiron horas de aprendizaxes, sorrisos e bromas e moito compañeirismo. Clases e tardes "libres" no instituto que forxaron e estreitaron amizades que irán unidas xa para sempre a unha ilusión compartida, a excursión a Roma e Florencia, o soño da promoción que remata etapa neste Curso 2018-2019. 

Xa fora nun Obradoiro de Mosaicos, paseando por unha cidade de película, admirando e coñecendo os monumentos que os agardaban nas rúas e prazas romanas e florentinas, elaborando as infografías que logo formaron parte dunha fermosísima e moi profesional Guía de Viaxe ou probándose diante das cámaras para realizar moitas das tomas que forman parte deste vídeo, hai que destacar o compromiso do alumnado, que converteu este proceso educativo e a viaxe nunha experiencia enriquecedora e irrepetible. Moitos parabéns polo traballo feito! Foi un pracer acompañarvos!

Ci vidiamo presto, ragazzi e ragazze!

presentación 3 presentación 4

Máis imaxes do acto neste álbum de fotos.

Guía de viaxe do Proxecto Roma

guía

Está mañá repartiuse entre o alumnado de 4º ESO a Guía de viaxe a Roma e Florencia, o primeiro produto do Proxecto Roma, un proxecto interdisciplinar que procura dotar de contido didáctico á saída de fin de etapa traballando dentro e fóra das aulas sobre os monumentos, a historia, a arte, a literatura e o cinema como forma de achegamento á realidade que o alumnado vai coñecer.

Para coñecer mellor o desenvolvemento do proxecto, visitade o blogue da biblioteca e esta galería de imaxes, que dá boa conta das horas de traballo voluntario nas tardes de febreiro e marzo dos 28 rapaces e rapazas participantes.

Non será o único traballo que verá a luz nas próximas semanas, mais teñamos paciencia e agardemos ao regreso para ver as novas producións do alumnado e o profesorado colaborador (Cris, Eloi, Marta, María, Bea e Román). Agora, toca gozar da viaxe!

Libres, xuntas e diversas: o 8M no IES de Soutomaior

nube libros
8m 8M_02

A Biblioteca, a Comisión de Igualdade e o EDLG do noso centro organizaron unha serie de actividades no marco do Proxecto Falemos encamiñadas a conmemorar o 8 de marzo. Así, a Biblioteca montou unha exposición-mesa de libros e elaborou un tríptico de recomendacións lectoras que recolle 16 títulos centrados na igualdade de xénero e que podedes descargar aquí. Ademais, o alumnado da Comisión de Igualdade argallou unha instalación artística conmemorativa durante a tarde do pasado xoves 7 e que nos sorprendeu e impactou a todos e a todas ao chegar ao instituto na mañá do venres. Podedes coñecer máis polo miúdo estes traballos do 8M no blog do Proxecto Falemos.

Desenvolvemento do Proxecto Roma

01  

O Proxecto Roma estase a desenvolver durante estas semanas como anticipo da nosa viaxe de fin de etapa, que se realizará a finais do mes de marzo.

O alumnado participante no proxecto rematou xa o obradoiro de mosaicos, así como tamén as actividades do club de lectura e cinema, co visionado de A Roma con amor de Woody Allen e a lectura de O armiño dorme de Neira Cruz. Nestes momentos, estamos inmersos na preparación da nosa guía de viaxe, na análise das obras artísticas máis relevantes de Roma e Florencia e tamén na elaboración do glosario de terminoloxía relacionada coa a Antiga Roma, que nos permitirá comprender a visita guiada ao Coliseo e ao Foro Romano.

Seguimos traballando durante estas últimas dúas semanas. Lembrade que as próximas sesións fóra do horario lectivo celebraránse os xoves 28 de febreiro e 7 de marzo, de 15:00 a 17:00. 

Para ter máis información e ver as imaxes do proxecto, podedes acceder á galería ou ao blog da biblioteca, que funciona como caderno de bitácora da actividade.

Falemos de ti e min: a cultura galega desde unha perspectiva integradora

falemos

Durante este curso académico 2018-2019, estamos a desenvolver o proxecto integrado de centro Falemos de ti e min: A cultura galega desde unha perspectiva integradora.

O EDLG conseguiu aunar esforzos e colaborar coa Biblioteca Escolar, os Departamentos Didácticos, a Comisión de Igualdade e o Equipo Directivo para dar forma a este proxecto que xira ao redor de catro eixos de contidos nucleares:
    • Lingua galega.
    • Manifestacións culturais galegas (música, lendas, literatura, etc.).
    • Perspectiva de xénero (visibilidade da muller como creadora e transmisora).
    • Diversidade (sexual, funcional e cultural).

O tratamento que se adoptou é transversal para todos os cursos e para moitas materias. Traballaranse múltiples produtos finais e en formatos diversos que se van ver materializados durante o curso, pero que especialmente teñen a mirada posta sobre o mes de maio, mes das letras galegas.

O proxecto acaba de ser dotado economicamente a través dos Contratos-Programa convocados pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia, no apartado dedicado a Igualdade, e vén de ser recoñecido expresamente mediante carta pola Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, que destaca a súa aposta polo traballo na sensibilización contra a violencia de xénero e a prol da igualdade de dereitos para a muller.

Podedes seguir o desenvolvemento do proxecto a través da súa páxina web.

Proxecto Roma

ColiseumO pasado luns 21 de xaneiro levamos a cabo a reunión informativa co alumnado para participar no Proxecto Roma, proposta que pretende dar continuidade á metodoloxía de traballo por proxectos que iniciamos no curso pasado co gallo da excursión de 4º ESO. Deste modo, o obxectivo é dotar de contido didáctico á saída de fin de etapa traballando dentro e fóra das aulas sobre os monumentos, a historia, a arte, a literatura e o cine como forma de achegamento á realidade. De momento, a acollida foi moi positiva, con 28 alumnos e alumnas interesados en participar nas actividades que se realizarán en horario de tarde e fóra da xornada lectiva.

Así, o proxecto articularase do seguinte xeito:

- Todo o alumnado realizará un traballo de análise de obras artísticas de diferentes periodos que se atopan en Roma ou Florencia (destinos da viaxe), dentro das clases de Xeografía e Historia (co acompañamento das profesoras María Sánchez Crestelo e Beatriz González Santos).

- O alumnado que cursa a materia de Latín realizará un glosario de termos relacionados coa Roma Antiga, coa colaboración da profesora Marta Emilia Mosquera Vázquez.

Fóra das aulas, realizarase un Club de lectura e cinema coordinado polo profesor Román Cerqueiro Landín, do Departamento de Lingua e Literatura Galega. As datas e horario do club son as seguintes:

- Martes 19/02/2019 en horario de 15:00 a 16:30.

- Martes 26/02/2019 en horario de 15:00 a 16:30.

Tamén fóra do horario lectivo, os profesores Cristina Méndez Ramos (Dpto. Lingua Castelá e Literatura) e Eloi Gestido de la Torre (EDLG, Dpto. Lingua e Literatura Galega) levarán a cabo diversos obradoiros que se celebrarán nas seguintes datas:

- Mércores 13/02/2019 en horario de 15:00 a 17:00.

- Xoves 21/02/2019 en horario de 15:00 a 17:00.

- Xoves 28/02/2019 en horario de 15:00 a 17:00.

- Xoves 7/03/2019 en horario de 15:00 a 17:00.

Lembrámoslle a todo o alumnado participante que deberá entregar asinada, antes do 31 de xaneiro de 2019, a autorización de asistencia ás xornadas fóra do horario lectivo.

Comezamos!

Os nosos Clubs de Lectura incorpóranse á rede da Consellería de Educación

Club

Os Clubs de Lectura que se acaban de poñer en marcha nos diferentes cursos da ESO e Bacharelato do noso centro veñen de ser recoñecidos pola Consellería de Educación. A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos concedeu unha axuda económica de 700€ ao proxecto do IES de Soutomaior para incentivar o fomento de hábitos lectores entre os participantes e contribuír á creación dun clima favorable á lectura no centro.

Actualmente, hai catro Clubs de Lectura de Banda Deseñada, Narrativa e Poesía, cuxo desenvolvemento pode ser seguido a través do blog da Biblioteca.

Primeiras lecturas compartidas nos Clubs de Banda Deseñada

O pasado 13 de novembro botaron a andar os Clubs de Lectura de BD de 1º ESO e 2º ESO con María e mais eu, cómic de María e Miguel Gallardo que se achega á vida dunha nena con autismo, e Engurras, un clásico da novela gráfica de temática social no que Paco Roca nos adentrA no mundo do alzhéimer e a demencia senil.

nomades

Hoxe foi a quenda dos maiores do club "Marcando a diferenza", que partillaron as súas impresións sobre Nómades, de Xosé Tomás, un excelente cómic para abordar temáticas sociais como a emigración, a situación dos migrantes no país de acollida, os conflitos bélicos... E que é o que dixeron os mozos e mozas do Club sobre esta lectura? Mellor que pasedes vós a comprobalo nesta entrada do blogue da Biblioteca, que recomendamos seguir.

Distribuir contido


by Dr. Radut