Skip to Content

Proxecto EpDLab.

EpDLab é un proxecto educativo coordinado por Agareso (Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social) no que o IES Praia Barraña participou por primeira vez neste curso 2021/22. Os afortunados participantes foron os alumnos e alumnas de 1º ESO A, que xunto coa súa profesora de ITI (Investigación e Tratamento da Información), Pilar Barros, participaron en 6 obradoiros presenciais na aula de 100 minutos cada un en un encontro intercentros, o Hackaton EpDLab, en Silleda, onde puideron coñecer ao alumnado e profesorado dos outros centros participantes no proxecto: o IES de Brión, o IES Carlos Casares de Viana do Bolo, o IES Illa de Ons de Bueu e o IES Pintor Colmeiro de Silleda. Ademais, durante o proxecto o alumnado interactúa con xente nova da República Dominicana mediante videocartas.

O obxectivo principal desta actividade é a formación no uso das TIC como medio de comunicación para a sensibilización social e a formación en valores. O proxecto traballa na produción de contidos transmedia e novas narrativas arredor de temáticas sociais. 

O traballo desenvólvese a través de obradoiros de formación nos que se traballa a capacitación técnica no uso das ferramentas de creación e publicación de contidos na web, a educación en valores para unha comunicación responsable, inclusiva e que acompañe os procesos de transformación social, a análise das mensaxes que se difunden na web e nos medios de comunicación, dende unha perspectiva crítica e construtiva cara á cooperación e a xustiza social. Trabállanse cuestións como as migracións, o sexismo e a desigualdade de xénero, o consumo responsable, o racismo e a xenofobia, a cooperación e o voluntariado… Todos os contidos creados ao longo do curso polas alumnas e alumnos dos cinco centros poden verse na páxina web: www.epdlab.gal e na conta de Instagram do proxecto en cada centro; no noso caso, @barranaepdlab. En cada sesión o alumnado utiliza ferramentas distintas: xeradores de memes e gifs, dobraxe de vídeos, videocreación, cartelería…; contidos que os capacitan para manexarse coas novas tecnoloxías dun xeito crítico e responsable.

O proxecto incluíu tamén unha sesión de formación para o profesorado en novas narrativas dixitais, que se desenvolveu no mes de xuño.

Agardamos seguir aprendendo con Agareso no próximo curso da man deste proxecto e doutras actividades que de seguro artellaremos xuntos. 

 



page | by Dr. Radut