Skip to Content

Proxexto EpDLab

Neste curso 2021/2022 o IES Praia Barraña vai ser un dos centros participantes no proxecto EpDLab (Educación para o Desenvolvemento. Laboratorio). O grupo de 1º ESO A, en relación coa materia de Investigación e Tratamento da Información, recibirá cada avaliación a visita de traballadores de Agareso (Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social) para traballar contidos como igualdade de xénero, racismo, xenofobia, bulos e fake news nos medios de comunicación e redes sociais, consumo responsable, sustentabilidade, cooperación… sempre a través das novas tecnoloxías e das narrativas dixitais. Segundo as súas propias palabras: “Queremos apropiarnos dos medios que temos nas nosas mans para participar en accións innovadoras cara á comunicación inclusiva, ao desenvolvemento social e á denuncia da desigualdade”.

Neste proxecto, coordinado por Agareso e coa financiación  da  Dirección Xeral de Relacións Exteriores e UE, na súa convocatoria pública de axudas para proxectos de Educación para o Desenvolvemento, participarán neste curso o IES de Brión, o IES Pintor Colmeiro (Silleda), o IES Illa de Ons (Bueu), o IES Carlos Casares (Viana do Bolo), o noso centro e un centro educativo de El Salvador.

Este venres 22 de outubro comezaron cunha primeira toma de contacto a través dunha enquisa. Sabemos que vai ser un proxecto moi enriquecedor para o alumnado e agardamos que a final de curso nos fagan partícipes a todos e todas do traballado e aprendido. Mentres tanto, podemos seguir o desenvolvemento do proxecto na web oficial do mesmo: EpDLab.



page | by Dr. Radut