Skip to Content

Charlas do escritor basco Jon Arretxe

O pasado xoves 25 de abril pasou polo noso IES o escritor de novela negra Jon Arretxe no marco da primeira edición do proxecto denominado Barraña Negro, unha actividade que pretende dar a coñecer este tipo de novela á comunidade educativa e establecer vínculos con escritores e escritoras deste tipo de literatura.

Os encontros do autor comezaron a primeira hora da xornada dándolle a coñecer a este os gravados que o alumnado do 2º de Bacharelato de Artes creou para a ocasión, inspirándose na trama da novela 19 Cámaras.

Un pouco máis tarde Jon presentou ao alumnado de Literatura Universal a súa primeira entrega da denominada saga "Touré", unha serie de novelas protagonizadas polo detective - vidente negro, chamado Touré, que desenvolve as súas pescudas na cidade de Bilbao e, máis concretamente, no barrio de San Francisco.

A media mañá o escritor puido coñecer tamén os traballos de investigación e crítica elaborados polo alumnado que participou nos encontros e relacionados cos principais temas que desenvolve 19 Cámaras.

A xornada de encontros concluíu coa charla - tertulia que se produciu entre o creador da saga literaria e todo o alumnado e profesorado que forma parte do Clube de Lectura do IES Praia Barraña.

Sen dúbida resultou ser un día moi fructífero e ameno e no que, tanto escritor como asistentes ás súas charlas, gozaron intercambiando impresións e opinións sobre literatura negra.



page | by Dr. Radut