Skip to Content

Visitamos o Servizo de Medicina Nuclear do Hospital Clínico de Santiago (Chus)

O pasado martes, 9 de abril, un grupo de alumnos e alumnas de 1º de Bacharelato, acompañados por dúas profesoras do Departamento de Bioloxía e Xeoloxía, tivemos o privilexio de realizar unha visita didáctica ao servizo de Medicina Nuclear do Hospital Clínico, respondendo á invitación do xefe do servizo, D.  Álvaro Ruibal Morell.

Guiados polos doutores Ruibal e Herranz, recibimos información de primeira man sobre o funcionamento do ciclotrón, sobre as principais liñas de investigación que se desenvolven nos laboratorios do servizo, e sobre as instalacións, os aparellos, a tecnoloxía e a atención aos pacientes na área de diagnóstico.

Durante a primeira parte da visita, mentres visitabamos o ciclotrón e os laboratorios, a explicación dos distintos profesionais que alí traballan, centrouse na investigación, produción e utilización de isótopos radioactivos de vida media baixa para diagnosticar con precisión enfermidades moi graves, como a necrosia diabética, través do PET, unha técnica de radiodiagnóstico baseada no estudo da actividade metabólica das células.

Na segunda parte da visita, que transcorreu na área de diagnóstico, explicáronnos o uso do PET para o diagnóstico preciso de enfermidades tumorais, como o cancro de mama. Vimos o coidado co que se atende aos pacientes e as medidas de seguridade existentes, para garantizar, a mínima exposición de pacientes e persoal sanitario á radiación. 

Tamén comprobamos que as augas residuais deste servizo, permanecen almacenadas, ata que perden a súa radioactividade, antes de seren vertidas aos sumidoiros. Isto é posible porque se utilizan isótopos de vida media baixa, de minutos ou horas, o que significa, que ao cabo de varios días deixan de ser radioactivos.

Foi unha visita excepcional, tanto polos coñecementos e a capacidade de compartilos, do doutor Ruibal e todo o seu equipo,  como pola calidade humana e a paixón polo seu traballo que todos eles e elas transmiten. 

 

 



page | by Dr. Radut