O escritor e membro da comunidade educativa do centro, Antón Riveiro Coello, compartiu un almorzo cos alumnos e alumnas de 1º de bacharelato da materia de Historia do Mundo Contemporáneo, sección bilingüe, e falounos da relación entre historia e literatura.
O escritor repasou os fitos máis salientables da súa traxectoria profesional entretecendo historias reais e ficticias que cativaron aos presentes.
A seguir, reflexionou sobre os ollares diferentes pero complementarios á realidade desde a historia e a literatura, abriunos unha xanela ao seu proceso creativo, no que destacou o importante papel da súa familia, o seu contorno máis próximo, as historias cotiás e os pequenos detalles como cerna da súa obra, e sinalou o compromiso coa memoria histórica como unha constante na súa produción literaria.
Aos alumnos e alumnas sóubolles a pouco o tempo co escritor e quedaron con vontade dunha nova xuntanza.