IES Isidro Parga Pondal

Instituto de ensinanza secundaria, bacharelato, ciclos formativos e adultos

Na súa loita contra o acoso escolar o IES Isidro Parga Pondal puxo un graíño máis de área, na semana do 1 de marzo, para facer visible este problema tan importante coa colocación de vinilos con mensaxes educativas e motivadoras para o alumnado, como, por exemplo: “A única discriminada debe ser a violencia” ou “Non o permitas. Actúa!”. Esta idea partiu do equipo da biblioteca, que usou como inspiración imaxes atopadas nas redes sociais para facer os diferentes carteis. Os diferentes vinilos foros colocados en espazos comúns do centro como son as escaleiras ou o corredor. que vai á cafetería.

Ademais, quixeron facer un vinilo especial para loitar contra un dos tipos de acoso escolar máis grave que é o acoso pola orientación sexual. Deste xeito, fixeron un vinilo cunhas ás acompañado do texto “Que ninguén che corte nunca as ás” que colocaron no espazo entre o patio e a cafetería para que poida ser usado como photocall por todo o alumnado do centro e que serva de lembranza: NUNCA ninguén ten que ser discriminad@ polo feito de amar e ser amado.

Dende o IES queren agradecer a imprenta Bercom de Carballo polo seu marabilloso traballo que fará que os rapaces teñan esas importantes mensaxes no seu instituto acompañándoos día a día.

O prazo de admisión nos centros escolares para o vindeiro curso estará aberto do 1 ao 22 de marzo

Este procedemento vai dirixido a todo o alumnado que entra por primeira vez no sistema educativo, así como aos de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato que desexen cambiar de centro escolar, sempre que haxa prazas dispoñibles.

As solicitudes de admisión poderán presentarse a partir do día 1, tanto de xeito telemático na aplicación ‘AdmisionAlumnado’ (https://www.edu.xunta.es/admisionalumnado) como de xeito presencial nos centros escolares que se elixan como primeira opción, prazo que permanecerá aberto ata o 22 de marzo.

A publicación das listas provisionais de persoas admitidas e non admitidas publicaránse antes do 25 de abril, e as definitivas antes do 15 de maio.

Máis información

No DOG do 12 de febreiro saíron publicadas as probas  para  a  obtención  do  título de graduado en educación secundaria obrigatoria para maiores de 18 anos.

O prazo de matrícula será do 8 ao 18 de marzo. A mesma poderá facerse de xeito telemático na sede electrónica ou presencialmente entregando a documentación no centro educativo.

Na web de educación da Xunta teñen máis información sobre a convocatoria e enlaces a exames de probas de anos anteriores:

O IES ISIDRO PARGA PONDAL, centro moi comprometido co noso idioma, celebrou esta semana o “Día de Rosalía de Castro 2021”. Para iso contou co apoio do alumnado e tamén dun grupo de ex-alumnos moi involucrados que realizaron unha serie de actividades encamiñadas a que toda a Comunidade Educativa puidese coñecer polo miúdo a figura da nosa poeta máis universal.

Todas as actividades estiveron protagonizadas polo propio alumnado e coordinadas polos Departamentos de Lingua Galega, EDLG e a Biblioteca do centro.

Comezouse cunha exposición sobre a homenaxeada que toda a Comunidade Educativa puido ver no taboleiro principal do centro. Nela inclúese unha liña histórica cos momentos relevantes da súa vida. 


 

 

 

Expúxose ademais nunha vitrina da planta baixa unha ampla bibliografía da poeta.  

 

 

 

Durante todos os días, emitiuse un podscat ás 8:45 e pola tarde ás 19:15 onde o alumnado de Bacharelato recitou poemas da autora. Podedes escoitar a versión completa con todos os poemas no seguinte reproductor.

 

O 24 de febreiro, data do nacemento de Rosalía, escoitouse en todo o centro ao inicio das clases unha canción cuxa temática versa sobre a súa obra Rexurdimente do grupo galego De Vacas. Despediuse a xornada cun poema musicado e interpretado por alumnado de 2º de Bacharelato: Negra sombra do compositor galego Xoan Montes.

Tamén o propio día 24, na televisión da entrada do centro estivo posto un vídeo-recital durante os recreos da ESO e Bacharelato, realizado por ex-alumnos onde fan a súa propia e emotiva homenaxe á nosa escritora.

 

Completáronse as actividades coa elaboración dun vídeo gravado no patio do centro recitando o poema Negra sombra que tamén se reproduciu na televisión da entrada nos recreos. O alumnado de cada un dos niveis educativos recitou este fermoso poema en varios idiomas: francés, castelán, galego, inglés, romanés, italiano e árabe, finalizando cunha versión musicada e cantada na que participou o alumnado de 2º de Bacharelato. O profesorado de Lingua galega encargouse de poñer nas súas clases esta gravación. Deste xeito todo o alumnado puido ver este traballo.

O Departamento de Lingua Galega e o EDLG queren dar un agradecemento especial a profesora Leticia Riestra Ainsua por toda a súa colaboración

Novas na prensa:

 - Que pasa na Costa
 - La Voz de Galicia

Esta semana no IES Isidro Parga Pondal rematou a 10ª edición do seu Obradoiro “O Alumnado Adxudante”, realizado dende o Departamento de Mediación, coa entrega de diplomas ao alumnado participante de 1ºESO.

Parabéns a tod@s os participantes, agora xa estades preparados para contribuir a mellora do clima de convivencia no Centro e para compartir a vosa formación no desenvolvemento da vosa capacidade de axuda a todos os compañeiros/as que estean pasando por unha situación difícil.

O xoves 11 de febreiro tivemos unha charla organizada pola iniciativa 11 de febreiro (https://11defebrero.org/) que ten como obxectivo encher as axendas de actividades que conmemoren o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia promovendo prácticas que favorezan a igualdade de xénero no ámbito científico-tecnolóxico.

Esta tertulia foi guiada pola carballesa Verónica Bolón Canedo, enxeñeira informática e profesora de Ciencia da Computación e Tecnoloxías da Información na Universidade da Coruña, recentemente galardoada cun dos premios Dona TIC na categoría de revelación polo seu traballo no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación outorgados pola Consellería de Políticas Dixitais e Administración Pública da Generalitat de Cataluña, dentro do plan Dona TIC.



Ao rematar, Sara Cotelo e Sergio Amarelle (de 1º de Bacharelato) fixéronlle unha entrevista na radio Rebolondas do centro que podedes escoitar aquí.

 

Ou tamén podedes velo na nosa canle de youtube

O pasado 12 de febreiro, o noso IES, quixo celebrar, a pesar da pandemia, o Entroido.

Para iso, en primeiro lugar pediu ao alumnado que viñese disfrazado da casa para poder facer un concurso de disfraces por diferentes niveis (1º ciclo da ESO, 2º ciclo da ESO, Bacharelato, Ciclo Superior e tamén a título individual)

O profesorado quixo unirse a festa e moitos se disfrazaron en modo conxunto de coches de choque. A 1ª hora da mañá, tres membros do claustro foron facendo pequenas carreiras por todas as aulas do centro para tentar de facer a xornada un pouco máis festeira. Ademais, entre as 11 e as 12:30, un pequeno T-Rex estivo paseando tanto polas aulas como polo patio facendo algunhas trasnadas.

Deixámosvos un pequeno vídeo con algunhas fotos e momentos do día.

 

Os gañadores do concurso de disfraces de entroido deste ano son os seguintes:

  •  1º Ciclo de ESO (1º e 2º)
    • 1º Premio: 1º ESO D (Clube de fútbol)
    • 2º Premio (Individual): Ezequiel García Vila (Ninja) - 1º ESO A
  • 2º Ciclo de ESO (3º e 4º)
    • 1º Premio: 4º ESO A e B (Peaky Blinders)
    • 2º Premio (Compartido): 3º ESO A (Mendigos de notas) e 4º ESO D (Animais e domadora)
  • Bac. e Ciclo:
    • 1º Premio: 2º Bac. B (Bufete de avogados)
    • 2º Premio (Individual): Lidia Noelia Esmorís Rodríguez (Mimo)

Os gañadores do concurso de cantigas de entroido son os seguintes:

  • 1º Premio: Sergio González Gutiérrez (1º Bac. B)
  • 2º Premio: Sara Gende Longueira (3º ESO A)
  • 3º Premio: Saúl Porteiro Muíño (1º Bac. A)

 

Noraboa aos gañadores.

Segundo a ORDE do 26 de xaneiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, no seu punto 1.5, as medidas específicas para casos e contactos estreitos de COVID-19 son as seguintes:

As persoas que:

  • Sexan consideradas caso sospeitoso ou probable de infección polo virus SARS-CoV-2
  • Estean pendentes dos resultados de probas diagnósticas por este motivo
  • Sexan consideradas como caso confirmado con infección activa
  • Sexan consideradas contacto estreito dun caso sospeitoso, probable ou confirmado

deberán seguir as condicións de illamento ou corentena que lles indiquen os servizos sanitarios.