Instituto de ensinanza secundaria, bacharelato, ciclos formativos e adultos

Radio na biblio

O xoves 11 de febreiro tivemos unha charla organizada pola iniciativa 11 de febreiro (https://11defebrero.org/) que ten como obxectivo encher as axendas de actividades que conmemoren o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia promovendo prácticas que favorezan a igualdade de xénero no ámbito científico-tecnolóxico.

Esta tertulia foi guiada pola carballesa Verónica Bolón Canedo, enxeñeira informática e profesora de Ciencia da Computación e Tecnoloxías da Información na Universidade da Coruña, recentemente galardoada cun dos premios Dona TIC na categoría de revelación polo seu traballo no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación outorgados pola Consellería de Políticas Dixitais e Administración Pública da Generalitat de Cataluña, dentro do plan Dona TIC.



Ao rematar, Sara Cotelo e Sergio Amarelle (de 1º de Bacharelato) fixéronlle unha entrevista na radio Rebolondas do centro que podedes escoitar aquí.

 

Ou tamén podedes velo na nosa canle de youtube

O 30 de xaneiro, celebramos o Día da Non Violencia e da Paz con motivo do aniversario da morte de Mathama Gandhi (India, 1869-1948), avogado, político e activista do movemento da independencia da India e líder pacifista que defendeu e promoveu a non violencia e a resistencia pacífica fronte a inxustiza e que foi asesinado por defender estas ideas.

“Non hai camiño para a paz: a paz é o camiño”. Mahatma Gandhi.


Cada 30 de xaneiro lembramos a importancia de vivir nun mundo en paz, un dereito da infancia e de toda a humanidade. A educación na tolerancia, a solidariedade, a concordia e o respecto aos Dereitos Humanos, á non-violencia e a paz son motivos para recordar este día.

Dende o IES Parga Pondal sumámonos á celebración deste día con diferentes actividades para concienciar ao noso alumnado da importancia da paz e dos valores do respecto, a tolerancia e a empatía.

Así gravamos un podcast na nosa radio escolar, Rebolondas no que participaron Xosé Cameán, Lara Rabuñal e Alba Varela (4º ESO) e Lara Sestayo (2º Bacharelato). Neste audio podemos escoitar un decálogo para construír un mundo mellor e un manifesto por unha cultura da paz e da non violencia.

 

Ademais no panel verde da entrada fíxose unha exposición cunha selección de poemas e imaxes alusivas á Paz no que participou alumnado de 1º ESO: Julia García, Alberto Calleja, Xiana Barbeira, Andrea Muñiz, Julia Pose, Brais Pensado, Hugo Aldea e Nerea Bardanca. E tamén un poster feito por Lola Amigo de 2ºESO.

 

Agradecemos a colaboración de todo o alumnado participante nestas actividades.

E lembrade que tod@s podemos contribuír a erradicar diferentes tipos de violencia e convivir nunha cultura da paz!



O 27 de xaneiro é o Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto. O 27 de xaneiro conmemoramos a liberación en 1945 polas tropas soviéticas do campo de concentración e exterminio nazi de Auschwitz-Birkenau. Neste día lembramos o xenocidio ou asasinato en masa de case seis millóns de xudeus e doutras comunidades relixiosas, etnias e grupos minoritarios, como testemuñas de Xehová, xitanos, homosexuais ou persoas con discapacidades durante a 2ª Guerra Mundial. O Holocausto foi o maior xenocidio do século XX, un exterminio étnico levado a cabo polo estado nazi alemán, liderado por Adolf Hitler.


Este xenocidio masivo comezou con políticas discriminatorias e segregación nos guetos das cidades e rematou coa deportación de miles de persoas a campos de exterminio onde foron "eliminados".

É importante coñecer a historia e render homenaxe ás miles de persoas que morreron nos campos de concentración nazi, máis aínda cando estamos asistindo na actualidade a un aumento mundial dos discursos de odio, xenofobia, racismo e outras formas de intolerancia que poden conducir a actos violentos contra determinados grupos humanos.


Entre as actividades realizadas no noso centro para conmemorar este día, gravamos un podcast na nosa radio escolar, Rebolondas. Neste audio podemos escoitar, na voz dos alumnos: Xosé Cameán (4º ESO) e Lola Collazo (3º ESO), a historia de Xulia, Lola e Amparo Touza Domínguez, tres irmás de Ribadavia que axudaron a centos de xudeus que fuxían dos nazis. 
 
 
 
 
Lola e Xosé na radio escolar


 

Ademais no panel verde da entrada fíxose unha exposición con terribles imaxes dos campos de concentración nazis e unha selección de poemas. Tamén aparecen imaxes dalgúns murais que realizaron artistas internacionais de 21 países no muro de Berlín, unha obra de arte única que deixan unha mensaxe para que nas futuras xeracións non se repitan os erros do pasado.
 





 

 

 Nova na prensa:
   - Que pasa na Costa

O noso alumnado colabarou con diferentes centros educativos nos seus programas de radio. Aquí os deixamos información relativa as dúas colaboracións.

 

DIDÁCTICA EXPANSIVA EN HOMENAXE A RICARDO CARVALHO CALERO

O IES do Milladoiro tivo a idea de facer unha lectura expansiva de diferentes obras do homenaxeado deste ano no Día das Letras Galegas, o escritor Ricardo Carvalho Calero.

A idea xurdiu no centro, pero axiña se xuntaron uns 31 centros que enviaron lecturas de diferentes fragmentos da obra de Calero. Do IES Isidro Parga Pondal, participou Thiago Da Silva Maneiro, de 3º ESO A, que leu un poema do autor.
 
Entre todos, realizaron un programa que podedes escoitar aquí: http://modeloburela.blogspot.com/2020/12/didactica-expansiva-en-homenaxe-ricardo.html?m=1
 
ricardo

COLABORACIÓN NA RADIO DO IES PERDOURO DE BURELA

Por outro lado, cada mércores, o alumnado do IES Perdouro de Burela, dentro do chamado Proxecto Neo realiza un programa de radio de 1 hora de duración.

O pasado 23 de decembro elaboraron un programa especial realizado en colaboración con dúas comunidades educativas: a do Instituto Monte Castelo, de Burela; e a do Isidro Parga Pondal, de Carballo.
 
Do noso centro, participaron Lola Collazo Couto, Thiago da Silva Maneiro e Lucía García Deus, os tres alumnos de 3º ESO A.

Da produción ocupáronse as profesoras María do Carmo Cociña (IES Monte Castelo) e Lorena Suárez (IES Isidro Parga Pondal).
 
 
alumnado