Educación Física

Día Internacional da Bicicleta

Día Internacional da Bicicleta: 3 xuño!!!!

"En bici á escola": "Bicikleteando"

Este curso académico o IES de Brión participa no proxecto "En bici á escola": "Bicikleteando".

Nel, levamos a cabo varias actividades relacionadas co mundo da bicicleta e a mobilidade sostible.

Os días 19 e 20 de maio, os alumn@s de 1º ESO (un total de 86 alumnos) disfrutaron dunha xornada na que a bicicleta foi a nosa protagonista.

ACTIVIDADES NAS FRAGAS DO EUME, ALVARELLA, PONTEDEUME E RÍA DE ARES


O pasado xoves 28 e venres 29 de abril, o alumnado de 3º de ESO desfrutamos dunha estancia de dous días moi intensos en Alvarella, na contorna de Pontedeume, organizada por Educación Física.

O xoves, despois da chegada a Alvarella, puxemos rumbo cara ás Fragas do Eume para realizar unha andaina.

No roteiro, reflexionamos sobre a importancia da natureza e o coidado que hai que ter sobre ela, da man de monitores de Alvarella.

Durante o percorrido, visitamos o Mosteiro de Caaveiro e logo xantamos no antigo recinto dos muíños, perto do río, que estaba invadido pola vexetación.

De volta a Alvarella, e despois de acomodarnos nas nosas habitacións, fixemos dúas actividades: tiro con arco e orientación no bosque, para aprender a manexar o compás.

Pola noite, tivemos unha velada nocturna, onde fixemos o xogo "atrapa a bandeira". Tanto gostamos del, que o repetimos varias veces...non tiñamos sono nin cansanzo!

Ao día seguinte, fixemos por grupos unha actividade de orientación con mapa e compás polos arredores do aloxamento. TIñamos que ir atopando distintos lugares marcados no mapa e realizar as probas indicadas en cada sitio. Gañaba o equipo que máis lugares e probas realizara. Esta actividade levóunos toda a mañá.

Despois de xantar, despedímonos de Alvarella e puxemos rumbo a Pontedeume. Alí, dividímonos en dous grupos e fixemos canoa na ría de Ares, guiados polo clube Firrete, e o xogo das descubertas en Pontedeume, para coñecer máis aspectos da cultura e historia desta bonita vila.

Coa chegada ao instituto, xa case á noitiña, rematamos a excursión, con moito cansanzo pero tamén con moita pena e que esta viaxe acabara.

Xa estamos preparadas e preparados para a seguinte!

Flavia Maceiras e Silvia Rabuñal, 3º ESO B

Para ver o arquivo de fotografías, preme aquí.

PROXECTO EN "BICI" Á ESCOLA: BICIKLETEANDO

Déixovos aquí un pequeno resumo da sesión de Educación Física de habilidades sobre rodas! Disfrutádeo!!!

Addenda á Programación 2021-22 do Departamento de Educación Física

Co gallo de adaptar a Programación do curso 2021-22 á Orde do 25 de xaneiro de 2022 (DOG do 11 de febreiro de 2022) pola que se actualiza a normativa de avaliación nas ensinanzas de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato no sistema educativo de Galicia, o Departamento de Educación Física fai pública a seguinte Addenda á Programación.

Preme no arquivo adxunto para ver a Addenda.

BOAS FESTAS E FELIZ ANINOVO!

Ola a todas e todos!

Este ano non foi moi corrente, por iso desexámosvos que, como un novo ano está á volta da esquina, podades dispoñer da mellor das saúdes, pasalo o mellor posible e ser responsables, polo ben común, e que, así, non nos toque vivir un ano coma este.

Aproveitade estas datas para desfrutar das vosas amizades e familiares, descansar e celebrar estas festas.

Bo Nadal, e que este ano 2022 vos sexa xenial!

Zoe de Rojas e Ángela Zas, 2º ESO D

CIRCUITO DE PISTAS PARA DESPEDIR O TRiMESTRE

Este luns 20 de decembro o alumnado de 1º de Bacharelato realizamos unha actividade en grupos que nos fixo percorrer todo Brión, examinando tanto a nosa capacidade física como a nosa memoria.

Consistía en facer unha ruta atopando códigos QR, os cales ao ser escaneados revelaban as coordenadas do seguinte código e así sucesivamente ata volver ao instituto. Máis iso non era todo. Os códigos tamén traían preguntas sobre bádminton e voleibol (os dous deportes que practicamos durante o trimestre) e preguntas de todo tipo sobre o que se atopaba ao noso arredor. Por exemplo, nalgúns dos dez códigos da andaina preguntábanse cousas moi variadas dende ¨cantos sets ten un partido de bádminton en dobres?¨ ata ¨que se tira en cada contedor?¨. Empregamos a aplicación de wikiloc para gravar o noso percorrido e sacar fotos de cada lugar onde parábamos.

Pese as lixeiramente adversas condicións meteorolóxicas, todo o alumnado pasou un rato moi agradable percorrendo a nosa vila. A maioría acabamos bastante cansados despois das aproximadamente dúas horas de ruta, mais por sorte tiñamos unha peza de froita esperándonos cando volvéramos ao centro, para repoñer enerxías. Persoalmente, penso que este tipo de actividades logran combinar dunha forma moi efectiva o exercicio físico e a aprendizaxe, ademais de ser divertidas para nós. Diferenciouse do que adoitamos entender por unha clase de educación física, mais foi sen ningunha dúbida unha das mellores.

Martina Sambade Formoso 1º Bacharelato A

ANDAINA POR ONS

andaina ons

Aproveitando o veraniño de San Martiño, o venres 12 e o martes 16 de novembro, o alumnado de 3º e 2º de ESO respectivamente, fixemos unha bonita ruta por Brión, na parroquia de Ons para visitar a fervenza do Pozo Negro.

Dende o noso punto de vista, esta camiñata é perfecta para facer en verán, primavera ou outono. Se queres facela só tes que acercarte a Ons e elixir unha das rutas dependendo da distancia que prefiras percorrer.

A ruta que realizamos comenzou na área de piragüismo, pasou pola igrexa de Santa María de Ons, visitamos a fermosa fervenza do Pozo Negro e voltamos a área de piragüismo para facer unha camiñata circular.

Na igrexa fixemos un descanso no teleclube e, despois seguimos o camiño ata o Pozo Negro. A fervenza pódese observar dende unha ponte de madeira, onde poderás sacar unhas fotos únicas. Ao rematar visitamos o interior da área piragüismo, onde gardan todas as piraguas.

Durante o camiño os voluntarios que nos acompañaron contáronnos as lendas e misterios que agochaban as aldeas. Sabiades que a lenda de Ponte Pías está recollida no Códice Calixtino, o cal ten máis de oitocentos años? Que hai algunhas construcións antigas que só se poden ver cando o río está baixo? Ou que podes atopar unha misteriosa plantación de árnica?

A actividade foi algo diferente para facer nun día de clase e que nos ensinou moitas cousas ademais de permitirnos disfrutar dunha xornada arroupados polas cores do outono. Recomendamos facer esta camiñata porque é unha experiencia incrible.

Podedes escoitar a lenda da Ponte Pías na voz de Luciano Pena, que xunto con Antonio, Manolo e Cambón, nos acompañaron neste fermoso roteiro.

Flavia Maceiras e Silvia Rabuñal. 3°ESO.

UNHA CELEBRACIÓN DE FIN DE CURSO DIFERENTE

Este ano fixemos unha celebración final do curso un pouco especial debido á situación na que nos atopamos polo coronavirus.

Nesta ocasión, non puidemos disfrutar dun festival como en anos anteriores pero, aínda así, o alumnado de 1º de Bacharelato, fixemos dúas coreografías orixinais e moi diferentes entre si.

Nestes dous vídeos que vos presentamos, podedes ver o resultado final do noso traballo e como o desfrutamos tanto nós como o alumnado doutros cursos e docentes que estaban vendo o espectáculo.

Esperamos que se poida volver axiña á normalidade e así poder facer os festivais que tanto nos gustan!

Diana Cantorna, estudante de 1º Bacharelato A

ALIMÉNTATE BEN: SEGUNDO LIBRO DE RECEITAS, VÍDEOS E PROGRAMA DE RADIO

O alumnado que acaba de rematar 2º de Bacharelato comezou durante o confinamento o curso pasado, un traballo sobre alimentación saudable, que rematou creando unha nova canle en Youtube. AliméntateBen Brión e un primeiro libro de receitas, que podedes ver aquí.

A andaina continuou neste curso por parte do alumnado de 1º de Bacharelato.

Presentamos un novo libro de receitas saudables, sinxelas de realizar e moi saborosas. Podes velo premendo na imaxe superior, que é a portada do libro, ou no arquivo adxunto.

Ademais, cada receita vai acompañada dun enlace á nosa canle AliméntateBen Brión, para ir vendo a elaboración paso a paso.

E quixemos rematar esta actividade, debatindo na nosa Radio emBrión, no programa "Alimentación sa, receitas saudables", que podedes escoitar aquí.

Soamente queda poñer en práctica as receitas, acompañadas con exercicio físico en compañía das persoas ás que queremos.

Parabéns ao alumnado de 1º de Bacharelato por este estupendo traballo e moitas grazas a todas as persoas que colaboraron con nós!

Distribuir contido