Comunicacións do centro

AVALIACIÓN DE DIAGNÓSTICO 2012/13

RESULTADOS RELEVANTES CON RESPECTO Á MEDIA DE GALICIA E AOS CENTROS DO MESMO GRUPO ISEC

Foron avaliadas as seguintes competencias:

  1. Competencia en comunicación lingüística.
  2. Competencia no coñecemento e na interacción co mundo físico.
  3. Competencia matemática.

Os centros agrupáronse en catro niveis: alto, medio alto, medio baixo e baixo (a partir de variables relativas ao nivel de estudos, á situación laboral e profesional das familias e aos recursos culturais e materiais do fogar. O noso centro pertence ao nivel (grupo ISEC) medio alto.

Pódese consultar o informe de resultados premendo no ficheiro adxunto.

Os porqués das folgas destes días

Ola a todas e todos:

Como xa sabedes, estes días atrás, tivéchedes noticias dunha serie de mobilizacións nas que o profesorado deste centro participou e participa. Pero como entendemos que o lóxico é que todas as familias afectadas sexan sabedoras do que acontece e porque a educación dos seus fillos e fillas está afectada por estas mobilizacións, entregamos o 18 de outubro de 2011, un pequeno escrito no que se desmenuza toda esta temática do xeito más imparcial e obxectivo posible.

O texto é o seguinte:

Nota informativa para as familias do alumnado do CEIP Sal Lence

Prezadas familias:

Sodes coñecedoras das folgas e paros do profesorado destes meses por un conflito desatado a raíz das novas directrices e cambios normativos da Consellería de Educación. Pero, por que? Cal é a causa do problema?

Dende os medios de comunicación e outros foros deslízanse versións incorrectas, como as de que o profesorado é un privilexiado que protesta polas horas traballadas, o que parece levar á conclusión de que calquera reclamación sería sempre inxusta e insolidaria.

En cambio, os motivos preocupantes do conflito son outros dos que apenas se fala:

  1. A nova estruturación horaria abre vías para non facer as debidas coberturas de postos de traballo por baixas (aforro de persoal).
  2. Coa pretensión de regular os horarios lectivos e as gardas do alumnado transportado, asigna funcións ao profesorado non previstas na lexislación vixente (aforro de persoal coidador).
  3. A maior parte do profesorado que superou as oposicións este ano, non exerce a especialidade pola que aprobou, senón outra allea (aforro de persoal).

Só como exemplo: La Voz de Galicia (10/10/2011) informa que: El titular de Educación de la Xunta destaca que este curso hay 1.165 jubilaciones de profesores, de los que solo han sido sustituidos 414 (polo tanto, a diferencia é de 751 vacantes en cubrir).

O valor de Educar non ten prezo e, como profesorado do ensino público, somos os máis interesados en que non se rebaixe a súa calidade senón todo o contrario. Calidade á que tamén contribuímos, dende sempre, adicando máis horas ao labor educativo das que constan nos regulamentos oficiais tanto anteriores como actuais.

O problema non é só do profesorado, é de toda a sociedade, estamos educando unha cidadanía que saberá inglés grazas a un mestre de música, matemáticas grazas a un profesor de debuxo ou lingua grazas a un de historia. Que calidade educativa pretendemos?

Con estas explicacións, cremos lexítimo participar nestas mobilizacións, agardamos ter explicado axeitadamente os porqués deste conflito, pedímosvos desculpas polos trastornos causados, e agradecémosvos con sinceridade todo o apoio que ata hoxe nos tedes brindado.

Con admiración e respecto,

O Profesorado do CEIP “Sal Lence”, A Coruña.

Distribuir contido