Skip to Content

Canicross

Este xoves foi un día moi especial no noso cole, pois tamén viñeron cans. Si, cans!

Grazas ao club Kennel DEN de Catoira coñecemos unhas novas modalidades deportivas totalmente descoñecidas para todos nós e que teñen que ver moito co noso proxecto deste curso. Descubrimos o canicross e as diferentes modalidades que existen de "correr con cans": Bikejoring (con bicicleta) Mushing (con carros ou trineos) Patín ou Scooter, que se fan sempre en plena natureza.

Nunha charla explicáronnos todo isto, xunto con outras cousas moi interesantes: como darlle ordes, os materiais que empregan, os coidados que debemos ter cos cans antes, durante e despois da carreira... Pero o que máis nos gustou, sen dúbida, foi a parte práctica.

Algúns tiveron a sorte de poder correr cos cans e todos puidemos acariñalos e pasar un momento moi entrañable con eles.

Dende o cole queremos agradecer ao Clube Kennel DEN a súa visita. A patires de agora estaremos pendentes de todos os éxitos que seguirán sumando aos moitos que xa teñen, e de seguro van ser moitos, pois entre os seus membros contan con campións de España e boas posicións nos campionatos europeos. GRACIÑAS!

 

 

Exposicións "O Bosque de Sabela"

Comezamos coas exposicións do aprendido no Proxecto Documental Integrado de este curso.

Primeiro foi a quenda dos máis pequenos. O alumnado de catro anos contounos un montón de cousas que aprenderon sobre os bechos, como é o seu corpo, de que se alimentan... e incluso de como eran as ás das bolboretas que viron co microscopio. Os de cinco, explicáronnos moitas cousas sobre as árbores, o moucho e o coidado do bosque. E por último, os de 1º nos contaron un montón de cousas que aprenderon sobre o castiñeiro.

E logo foron os maiores, dende 2º a 6º contáronnos unha morea de cousas moi interesantes sobre o carballo, , o acivro, o loureiro, a sobreira, o piñeiro e os bosques máis importantes de Galicia. Aprendemos un montón!!

 

Exposición etnográfica

Para achegarnos un pouquiño máis ao bosque e coñecer os usos que se pode facer del, organizamos unha exposición etnográfica, na que as familias e a Asociación Micolóxica Cantarela fixeron aportacións moi interesantes.

Grazas a eles coñecemos ferramentas e utensilios que se empregan no bosque ou no aproveitamento dos seus produtos, aprendemos os seus nomes e para que serven.

Moitas grazas a todos!

Letras Galegas 2016

Para conmemorar as Letras Galegas 2016 dedicadas a Manuel María tivemos unha representación de títeres de "Os soños na gaiola" a cargo da compañía AlaKRAN.

Gustounos moito e gozamos un montón con Alicia, o Río Miño, a Lúa e o seu namorado o Sol, os labregos, o barquiño e ata o lobo. Mesmo Manuel María en persoa se achegou a nós para contarnos cousas moi interesantes.

Despois recibimos libros de Manuel María que grazas á ANPA formarán parte das bibliotecas de aula. Graciñas!

Por último, o alumnado de 5º representou o traballo que vai a realizar na actividade "Cantando a Manuel María" o vindeiro mércores, onde os colexios de Vilagarcía recitarán obras do autor homenaxeado este ano na Plaza de España.

Nós, amosaremos un fermoso libro que fixemos entre todas as aulas no que salientamos as datas máis significativas na vida de Manuel María e as efemérides que ocorreron nesa data no mundo.

Maios 2016

A semana dos maios no noso cole convértese nunha festa pero, tamén, nunha semana de duro traballo para conservar esta fermosa tradición.

Recolectamos flores, fiuncho, margaridas, cocos, ovos, paus, xestas, follas de camelio... e ímolas depositando en caixas decoradas polos máis pequenos do cole e en barreños con auga para que aguanten ata que confeccionemos os maios.

Pintamos os ovos, facemos collares de margaridas e de cocos, cadeas de fiuncho... pero tamén temos un traballo previo:

  • Solicitamos formalmente o cono e o hórreo á ANPA, que como cada ano prestouse a colaborar en todo o necesario. 
  • Redactamos a nota para pedir ás familias os elementos naturais que iamos precisar.
  • Escribimos as coplas.
  • Deseñamos as composicións.
  • Calculamos canto arame, cordel e demais materiais imos precisar.

Que non todo vai ser troula!!!

Durante toda a semana tamén ensaiamos no recreo as coplas para poder ir cantalas o domingo!

Este ano os nosos maios teñen moito que ver co proxecto do cole "O Bosque de Sabela" por iso quen máis protagonismo tivo foi a nosa mascota Sabela. A que quedaron preciosos?

Dende o cole queremos agradecer a colaboración das familias durante toda a semana e destacar ás que se acercaron a cantar o domingo, que fixo que o noso coro fose o máis numeroso. GRACIÑAS!! 

Día do libro 2016

O venres conmemoramos o Día do Libro cunha das actividades que máis nos gusta: o apadriñamento lector.

Escollemos un libro na biblioteca, buscamos o lugar no patio que nos apeteza e compartimos o pracer da lectura cun neno ou nena dun curso inferior.

Os pequenos agasallaron aos seus "padriños" e "madriñas" cun precioso marcapáxinas de Sabela, a nosa mascota.

 

 

Educación Vial 2016

Esta semana foi a da Educación Vial no cole.
 
Este ano foi o axente Javier o que nos visitou para ensinarnos un montón de cousas moi interesantes sobre Seguridade Vial.
 
En infantil aprendemos como cruzar nos semáforos e nos pasos de peóns,  como camiñar pola rúa (sempre da man dun adulto), como viaxar no coche (sempre na silla)....
 
Os de terceiro aprendemos as precaucións que debemos tomar coma peóns e tamén cando imos na bici.
 
En cuarto aprendemos como debemos viaxar no coche e no autobús (sempre hai que poñer o cinto de seguridade, quitarse o plumífero e sentarse correctamente ....)
 
En quinto tocóunos aprender como circular coas bicis.
 
Pero os que mellor o pasaron sen dúbida foron os de 6º que foron a Fexdega e, ademáis de recibir información sobre as señais e as normas para andar en bici e como peóns, disfrutaron a tope no circuíto cos karts e as bicis.
 
Con todos estes coñecementos os nenos e nenas de Rubiáns converteranse nuns maginificos cidadáns.

Teatro

O venres fomos ao Auditorio de Vilagarcía a ver a representación da obra "A cabeza do Dragón" programada polo grupo teatral vilagarciano Clámide (que celebra o seu 35 aniversario) para conmemorar o 150 aniversario do nacemento de Ramón María del Valle-Inclán. A peza conta co respaldo sonoro da Escola Municipal de Música, as coreografías de Animación Sociocultural Nydia e as loitas de Kenpo Vilagarcía.

Os chamativos personaxes que aparecen na obra e os divertidos diálogos fixeron que gozaramos un montón do espectáculo.

Charla sobe cartografía

Hoxe, dentro das actividades do día Internacional da muller,  visitounos Julia Armesto, Doutora en Enxeñaría de Montes, Investigadora e Profesora da Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Forestal da Universidade de Vigo. 

Julia contounos un montón de cousas interesantes sobre  drons, mapas, a cartografía e as súas aplicacións na vida diaria... pero non só sobre eso, senón tamén, sobre as dificultades que teñen as mulleres para desenvolverse nalgúns entornos laborais e a importancia de dedicarnos a un traballo que nos apasione independentemente do xénero. 

Pero o que nos deixou abraiados/as foi a medición Laser escáner 3D "in situ" que fixo da aula e de nós! 

Encantounos a charla de Julia, case non a deixamos marchar de tantas preguntas que lle fixemos! 

Moitas grazas pola túa visita, esperamos que o pasaras tan ben coma nós! 

Distribuir contido


by Dr. Radut