Skip to Content

                              

CLUB DE LECTURA

REUNIÓN CLUB DE LECTURA DE FAMILIAS E PROFESORADO

 

O pasado xoves 25 de abril reuniuse o club de Lectura de familias e profesorado para falar da nosa última lectura: "Memoria do Silencio" de Eva Mejuto ( autora tamén da nosa anterior lectura)

 

Xa que a data coincidía cos 50 anos da “Revolución dos Cravos” adicamos o inicio a falar da mesma, da importancia da memoria histórica e do simbolismo dun pobo unido. ( Si tamén escoitamos un anaco de “Grándola”  

 

 Esta historia está ambientada en Ribadavia e conta a historia ficcionada do que fixeron as  irmás Touza . Pero como ven comentou algunha das integrantes, recollendo distintos puntos de vista.

 

Foi un libro que xerou comentarios sobre a represión, as inxustizas, a empatía, o medo e especialmente quedámonos con esas mulleres afoutas, e valentes que moitas veces non obteñen o recoñecemento merecido. 

 

 

Tamén falamos de que quizais se nos fixo un pouco “curta” e quedamos coa curiosidade de saber que pasaría cunha das protagonistas, e tamén de que decisións tomou coa súa vida certo integrante do exército alemán..

 

 

Decidimos xa a seguinte lectura, sabendo que acababa de sair a última novela de Ledicia Costas: “Pel de cordeiro” e que somos grandes fans dela, xa que o primeiro libro que lemos no club ao comezo foi “Golpes de Luz” e gardámoslle un cariño especial.

(Desta autora tamén lemos Infamia e Ultraluz) 

 

Dúas nais prepararon unhas sobremesas moi gorentosas que compartiron con nós, Belén fíxonos un biscoito e Paz un flan de queixo que estaba espectacular ( aínda que non puido asistir á reunión mandounos a sobremesa igualmente!!!)

Moitísimas grazas ás dúas.

 

 

 

 

E coma en todas as reunións rematamos "merendando" e falando dun xeito máis distendido para finalizar...

 

REUNIÓN CLUB DE LECTURA DE ALUMNADO: SOBREMESAS SOBRE VERSOS

O pasado xoves día 4, reuniuse o Club de Lectura de alumnado para falar da última lectura: "Sobremesas sobre versos" de Raquel Castro

 

Comezamos falando sobre o libro, que lles pareceu, que foi o que máis lles gustou, que foi o que menos e a maioría comentaron que fixeron algunha das receitas.

Un formato de lectura distinto ao que están habituados e habituadas.

Tamén falamos sobre os seus coñecementos sobre o alzheimer e como lle explicarían que é ao alumando de ED. Infantil

Posteriormente fixemos 2 grupos para ir á Radio Xuve e gravar as preguntas que lle queren facer á autora sobre o libro, para que cando teña un momento , as resposte e escoitalas na seguinte reunión.

Mentres uns gravaban os outros estiveron xogando a algúns dos xogos de mesa que temos na biblio.

 

E coma sempre rematamos coa "merendiña" que este curso pretende ser "saudable".

 

Aquí quedan unhas poucas fotos .

 

 

REUNIÓN CLUB DE LECTURA DE FAMILIAS E PROFESORADO: A LAVANDEIRA DE SAN SIMÓN

o pasado luns 18 de marzo reuniuse o Club de Lectura de Familias e Profesorado para falar da nosa lectura: 

"A lavandeira de San Simón" de Eva Mejuto e ilustrado por Bea Gregores.

Esta lectura foi "patrocinada" polo equipo de Biblioteca do CEIP Petelos (Mos)  , xa que nos deixaron os exemplares para a lectura, ademais de propoñernos unha actividade conxunta de ambos clubs no mes de xuño. Moitas grazas, especialmente a Ángeles.

 

 

 

Comezamos a reunión, dando a benvida a unha nova integrante do noso club que nos falou sobre as súas lecturas favoritas e sobre si mesma.

 

Despois as que non puideron asistir á anterior reunión, déronnos a súa opinión sobre "Senlleiras" de Antía Yáñez, que foi a nosa anterior lectura.

 

E posteriormente pasamos á falar da lectura, motivo desta reunión.

 

 

 

O libro gustounos, e gustounos moito. Pareceunos un xeito moi accesible e sinxelo para falar dunha parte da nosa historia dun xeito moi tenro ( relatando unha dura realidade e o tempo da "postguerra")

Varias persoas comentaron , que en tempos tan duros, a solidariedade, o compartir o pouco que se ten, da moito que pensar.

Tamén reflexionamos sobre a importancia de coñecer o pasado para non cometer os mesmos erros.

En xeral, gustounos tamén moito como acompañaba  maxistralmente a ilustración ao texto. E pequenos detalles que se repetían ao longo do libro.

Concluímos que quizais o libro espertaba un sentimento de querer saber máis do acontecido, como un "abrir unha xanela" para seguir investigando. A maioría non estiveron nunca na illa.

 

 

Investigamos un pouco nas redes para atopar máis información sobre a illa, a súa historia e finalizamos accedendo á páxina que aparece no propio libro mediante un código QR:

A LAVANDEIRA DE SAN SIMÓN 

 

Na reunión tamén decidimos cal ía ser a seguinte lectura ( a idea é que cada quen trouxese unha proposta e decidir entre todas), e seguimos con Eva Mejuto, xa que a lectura escollida foi: "Memoria do Silencio" seguindo na liña de ler sobre o noso pasado...  

 

E para rematar, "unha merendiña" para falar dun xeito máis distendido. E desta volta queremos agradecer ás dúas Vanesas que temos no club, xa que nos deleitaron cunha gorentosa  "quiche" de verduras e un riquísimo biscoito caseiro.

Moitas grazas ás dúas!!!!

 

REUNIÓN CLUB DE LECTURA FAMILIAS E PROFESORADO: FALAMOS DE SENLLEIRAS

O pasado xoves día 15 tivemos reunión do Club de Lectura de Familias e Profesorado para falar da nosa última lectura: SENLLEIRAS de Antía Yáñez. 

 

Foi unha reunión moi interesante, na que se compartiron impresións, falamos do libro, da sociedade na que vivimos ( e tamén houbo tempo para falar dalgunha nova de plena actualidade) do maltrato á muller, de que os tempos cambian pero hai cousas que permanecen...

De que non toda a violencia de xénero é física, de que concienciar e traballar o tema é cousa de homes e mulleres...

 

A historia de Senlleiras, é dura pero tamén é real, e por desgraza moi actual. falamos de dependencia, de educación, de medo....

 

Despois falamos da seguinte lectura, desta volta está  "patrocinada" polo CEIP DE Petelos ( en Mos) que nos deixaron os exemplares de "A lavandeira de San Simón", de Eva Mejuto e tamén nos fixeron unha proposta para levar a cabo unha actividade conxunta entre os 2 clubs ao final do curso...

 

 

Despois de repartir os exemplares ( e preparar o reparto para as que non puideron asistir á reunión) pasamos á "sala de mestras" para falar dun xeito máis relaxado e tomar a nosa tradicional "merendiña".

 

Desta volta, queremos agradecerlle a Susi que trouxese unhas galletas caseiras con chispiñas  de chocolate que estaban moi moi boas  e tamén unhas filloas  caseiras, que estaban espectaculares. 

 

 

2ª REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA DE FAMILIAS E PROFESORADO

O pasado mércores día 20 tivemos a 2ª reunión do Club de Lectura de familias e profesorado.

Desta volta para falar de  ( ou máis ben escoitar) Ultraluz, o libro de poemas de Ledicia Costas. 

Comezamos cunha pequena introducción sobre poesía que nos fixo a profe Mercedes e continuamos... 

 

 

 

 

 

 

 

Somos conscientes de que quizais a poesía e o teatro non sexan os xéneros que máis gustan, polo que decidimos que en lugar de enviar o libro para que o leran en casa, fixemos unha especie de lectura compartida na reunión ( ou máis ben escoita activa)

 

Tamén falamos de se nos gustaba a poesía ou non, e os posibles motivos.

 

Hai un par de meses, presentouse Ultraluz , unha lectura do libro por parte da autora, e co acompañamento musical dos irmáns Ferreiro: Iván e Amaro.

 

 

 

Despois escoitamos algúns dos poemas na voz da propia Ledicia, que están dispoñibles en Youtube (subidos pola propia autora)  e falamos das sensacións que nos producían.

Aquí vos deixamos algúns dos poemas que escoitamos : Episodio primeiro, HibernaciónUnha casa inmóbil  e Mente colmea , entre outros.. 

 

Posteriormente compartimos a nosa seguinte lectura: "Senlleiras" de Antía Yáñez.

 

Para finalizar movémonos ata a "sala de mestras" para compartir a "merendiña" maioritariamente saudable.

Desta volta foron Lucía e Mª José as que nos deleitaron cunhas riquísimas sobremesas.

Moitísimas grazas ás dúas polo seu tempo e por estas elaboracións tan saborosas.

 

 

Vémonos na vindeira reunión para falar de "Senlleiras".. 

1ª REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA DE ALUMNADO

O pasado luns, día 18 tivemos a primeira reunión do club de lectura de alumnado do 3º ciclo e comezamos con banda deseñada, desta volta con "Irene a Porteira" de Xulia Pisón e Óscar Losada.

 

O primeiro que fixemos , para romper un pouco o xeo foi facer 2 equipos para xogar a 2 dos xogos de mesa que nos deixaron dende o C.E.E Infanta Elena de Monforte de Lemos.

"Imagine Family" tivo moito éxito.

 

 

E "Just one" non quedou atrás...

 

 

Despois xuntámonos arredor da mesa e falamos do libro, tamén da autora e da protagonista: Irene González, unha das pioneiras do fútbol en Galicia e que sentou as bases...

 

 

 

Tamén buscamos a foto orixinal da portada, afondamos na súa biografía e falamos doutras mulleres galegas futbolistas .

Deu lugar a un debate bastante interesante, que nos fixo reflexionar un pouco.

 

 

 

 

E finalizamos cunha "merendiña" saudable.... e agardando xa a próxima lectura. 

 

 

PRIMEIRA REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA DE FAMILIAS E PROFESORADO: CURSO 2023/24

O pasado xoves día 9 de Novembro tivemos a primeira reunión do Club de Lectura de familias e profesorado.

Este curso aumentamos o número de familias participantes , aínda que como pasa ás veces por diversos motivos, varias das novas incorporacións non puideron asistir.

Comezamos ás 16:00 horas na zona “maker” da nosa biblioteca.

O punto principal foi falar das nosas “Lecturas de Verán”, e houbo un pouco de todo, en xeral gustaron  pero tamén houbo algunha delas que non foi o interesante que se podía agardar, ou que a espectativa non se cumpriu...

 

 Falamos das lecturas posibles para este curso, e a idea de comezar cunha de Ledicia Costas, como fixemos os dous cursos anteriores, que casualmente acaba de sacar un libro de poesía: “Ultraluz”.

A poesía quizais non sexa o xénero máis popular no noso club, falamos de varias ideas para facer unha lectura compartida e reflexionar sobre o contido e compartir as nosas impresións. Tamén se falou de que as novas incorporacións lesen o primeiro libro que lemos no club: “Golpes de Luz” de Ledicia costas tamén e tamén falamos da seguinte lectura para todas.

 

Unha vez compartidas as nosas impresións sobre as lecturas de verán pasamos á tomar un café á sala de mestras e queremos agradecer a Bea e a María Luísa que aportaron parte da sobremesa.

 

Beatriz fíxonos 2 receitas dun libro de Receitas de Harry Potter: uns panciños de queixo moi saborosos e unhas galletas que estaban moi boas. Pola súa parte María Luisa deleitounos cun “brownie saudable” sen azucre e con fariña de avea que estaba espectacular. Finalizamos a reunión con varias ideas de lecturae postergamos a seguinte reunión para final de trimestre e xa coa nova lectura escollida xa máis de relax...

 

 

DERRADEIRA REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA DE FAMILIAS E PROFESORADO: SETE CAVEIRAS

Onte, día 25 parte das integrantes do Club de Lectura de familias e profesorado desprazámonos ata Vigo para poñernos en situación e falar sobre a derradeira novela que limos este curso: Sete Caveiras de Elena Gallego

A novela transcorre na cidade de Vigo, escollemos 3 dos lugares máis emblemáticos onde apareceron 3 dos cadáveres: O museo do Mar de Vigo ( que visitamos e contamos con visita guiada) , concretamente o seu FARO.

Ademais da  praia de Samil e a Illa de Toralla. 

 

 

 

Tamén fixemos unhas fotos artísticas grazas ao material facilitado por Bea:

 

 

E aquí tedes ás artífices da creación:

 

Despois da visita, dirixímonos a Samil, porque alí ( ademais de comer o xantar que levabamos) desenvólvese parte da novela, onde aparece outro dos cadáveres.

Houbo momento para un café relax... e falar outro pouco sobre ese fragmento da novela.

E por ultimo achegámonos ata a Illa de Toralla, porque , efectivamente alí apareceu outro dos cadáveres.

Foi unha xornada distinta, interesante e moi divertida.

Botamos de menos ás participantes que non puideron asistir, pero xa argallamos a primeira reunión do vindeiro curso.

 

Finalmente , de volta xa un último momento , na que non estamos todas as que somos pero unha boa representación das mesmas

 

Pero isto non foi todo, na viaxe de ida ademais de falar do libro escoitamos 2 audios.

Un deles foi a entrevista que lle fixemos a María Solar coas nosas dúbidas sobre o seu libro "A CULPA". Enviámoslle as nosas dúbidas ( recollidas en Radio Xuve)  e ela amablemente contestounos. E fomos escoitando o resultado final . Agradecemos ao profe Javi que foi o que editou e xuntou as preguntas coas respostas.

( Non imos subir ese audio aquí , porque sería un SPOILER inmenso para as persoas que aínda non o lestes)

 

O que si imos compartir con vós foron os Poemas que recitaron Glenmy e Carolina , xa que non puideron asisitir e deixaron así a a súa despedida.

Non sabíamos que Glenmy (sempre tan discreto) escribiu un libro de poemas para adultos titulado "Del amor y algo más" e recitou magnificamente un dos mesmos.

 

 

Queremos agradecer tamén á biblioteca pública Xosé Neira Vilas de Vigo  que compartiu con nós  o "mapa literario de Vigo"  , no que aparece "Sete Caveiras" na liña 5. 

(Adxuntamos o documento que nos compartiron e que repartimos entre todas as asistentes) 

Foi un pracer compartir e formar parte deste club de lectura tan intenso... pensando xa no vindeiro curso.

Bo verán e boa lectura!!!

Derradeira reunión do club de lectura de 3º ciclo : O CHISPAS

O pasado martes día 20 tivemos a derradeira reunión do club de lectura de 3º ciclo.

Foi un día de moitas emocións, xa que pola mañá o alumnado de 6º de ED. Primaria tivo a súa graduación de despedida.

 

O libro sobre o que tratou a reunión foi "O chispas" de Manuel Rivas.

 Que foi do primeiro que falamos ao chegar á reunión... sobre o que lles pareceu , se lles gustou ou non ( e o porqué) falamos tamén de que non todos os libros teñen un final claro e resolto, e que tamén os hai cun final aberto...

Cada quen inventou unha continuidade do libro e como imaxinaría a vida do protagonista despois de espertar...

 

O seguinte que fixemos foi xogar unhas partidiñas ( versión reducida ) ao Dixit por equipos para ver ata que punto nos coñecíamos 

 

E tamén tivemos tempo de xogar a algún máis... que lles gustou moito

 

 

 

 

Despois fixemos avaliación do Club, que foi o que máis lles gustou o que menos, se repetirían e se o recomenarían.

 

E por último a sempre agardada "merendola" como broche final do curso .

 

Moitas grazas a todo o alumnado que se animou a participar e tamén as titoras do terceiro ciclo CARMELA e ASUN que asistiron a todas as reunións e participaron e todo o proceso. Así da gusto!!!

 

Bo verán e boa lectura!!!!

 

 

REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA DE 3º CICLO:MANGA E BANDA DESEÑADA

 

 

O pasado luns 5 de xuño, tivemos a terceira reunión do club de lectura para alumnado do 3º ciclo de ED. Primaria.

 

Desta vez o fío condutor da reunión foi o manga ou a banda deseñada, xa que entre os membros do club hai algún apaixonados destes xéneros.

 

Cada quen elixiu un libro para ler e explicarlle aos seus compañeiros e compañeiras, coa axuda dun Canva, de que ía a historia, quen eran os protagonistas, que foi o que máis lle gustara ou menos, por que o recomendarían…

 

Foi unha exposición moi interesante, na que algún nos deron moita información sobre o seu cómic, foi case como lelo en directo. Pero todas/os estiveron moi atentos e atentas ao que alí comentaban os seus compañeiros/as.

 

Ao rematar as exposicións individuais falamos un pouco sobre cal dos manga ou cómic, que presentaron elixirían para ler, que é o que lles gusta do manga ou dos cómics…

 

 

Para finalizar esta reunión, quedaba a esperada “merendola” na biblioteca, da que todos/as desfrutaron.

 

 

E así rematamos, quedando xa emprazados para a última reunión do club deste curso.

(Texto elaborado pola profe Asun, titora de 5º de ED. Primaria) 

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut