try another color:
try another fontsize: 60% 70% 80% 90%
CEIP de Rebordáns
Educación para o futuro, presente no rural de hoxe.

XORNADA DE DEPORTE ESCOLAR EN RANDUFE

Ola familias,

O pasado día 2 de marzo, o alumnado de 4º e 6º gozou dunha xornada de deporte escolar no CEIP de Randufe. Clicade para ver o vídeo da experiencia.

 

OBRADOIROS NO RECUNCHO FEDELLO

O Recuncho Fedello recibiu nos recreos a primeira quenda do alumnado que quixo participar coa súa creatividade neste espazo.

O alumnado de primeiro e segundo deseñou os seus bufos con follas secas, legumes e cores.

Terceiro e cuarto creou debuxos con figuras xeométricas como protagonistas.

Quinto e sexto formaron circuítos de tubos e crearon o maior número de palabras con letras ao azar da man do Cross Dices.

Continuará...

 

LECTURA E FAMILIAS

Ola familias!

Esperamos as vosas visitas para compartir un rato de boa lectura na aula dos vosos fill@s ou net@s.

3 DE MARZO: DÍA MUNDIAL DA NATUREZA

Coa data desta conmemoración tan importante para nós, no noso cole quixemos realizar varias actividades para festexalo:

  • LECTURA EN NATUREZA: Tepo e Tepa, as mascotas da nosa biblioteca, sorprendéronnos cun novo e especial recuncho para gozar da lectura, e vaia se non é especial, está no espazo máis natural do noso patio, na zona do monte!!!, onde entre árbores, rochas e manto verde, poderemos deleitarnos coas historias dos contos.

  •  COIDAMOS A NOSA CABANA DE VIMBIOS: aproveitamos esta data para poñer bonita a nosa cabana, podámola e trenzamos ramas que sobresaían, as ramas sobrantes cortámolas en cachiños e foron para o composteiro. Agora temos un espazo máis para poder ler á sombra no cando veña a calor.

  • RECOLLIDA DE LIXO EN TODO O PATIO: outra actividade para conmemorar este día, recollimos todo o lixo que atopamos no patio, parecía que non había, pero ao final enchemos un saco enteiro!!!que contentos nos puxemos todos ao ver todo limpo, así queremos todos os espazos naturais, libres de lixo!!!!

 

23 FEBREIRO - DÍA DE ROSALÍA

 O 23 de febreiro conmemoramos o día de Rosalía de Castro e, seguindo a proposta da AELG (Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega), o noso alumnado de 3º e 4º  de primaria partiron de diferentes poemas de Rosalía de Castro para crear outros novos coas palabras principas de cada un deles.

No caso de 3º de primaria, traballaron a partir do poema "Adiós ríos, adiós fontes" e no caso de 4º de primaria, foi o poema "Campanas de Bastabales".

Ademáis os nenos e nenas de 6º de primaria crearon uns raps moi rimados.

Por último, con todo o material elaborouse a seguinte montaxe audiovisual e un gran mural, onde tamén participaron os nenos e nenas de 6º de infantil, dándolle cor ao rostro de Rosalía de Castro coa técnica de Andy Warhol.

A Tepoteca aportou varios dos seus libros para que todos os nenos e nenas puideran gozar coa súa obra.

Grazas por tanto, Rosalía!

Clicade na imaxe para ver o vídeo.

FORMACIÓN DIXITAL PARA FAMILIAS

Ola familias! 

Dentro da estratexia do Plan Dixital a vindeira semana teremos no colexio unha formación dixital para familias impartida pola profe Rocío. Anímadevos a participar. Non son necesarios coñecementos previos. Aquí vos deixamos o programa.

PERÍODO DE ADMISIÓN: DO 1 AO 20 DE MARZO

Para acceder á información sobre ADMISIÓN para o curso 2023-24 PREMA AQUÍ.

PRAZAS VACANTES PARA O CURSO 2023-24

Para ver as prazas vacantes PREMA AQUÍ.

Entroido, Carnaval, Carnival, Mardigras...

O Entroido deste ano foi "de cine". Non só porque os disfraces foron en sintonía total co noso proxecto de centro senón porque despois dalgúns anos recuperamos a tradición do pasarrúas pola parroquia de Rebordáns. 

Compartimos a nosa ledicia e ganas de troula coas familias que nos acompañaron. Tamén os veciños e veciñas saíron á rúa a festexar con nós.

Pinchade na imaxe para ver o vídeo:

VOLVE ÁNGELES ESCRIBANO Á TEPOTECA

Na semana do Entroido, visitounos Ángeles Escribano para contar aos nenos e nenas de terceiro e cuarto de primaria algúns contos e historias.

Comezou cun conto cheo de palabras con corazón, que cando as dicimos facemos que os que estean ao noso redor, se sintan máis felices. 

Logo contounos a historia duns ratos cegos e con eles aprendemos unha máxima: "se so coñeces as cousas por partes dirás sempre parvadas; pero se podes ver o todo, falarás con sabedoría".

E para rematar un conto para ensinarnos a resolver os problemas e non deixar que se volvan tan grandes que nos anulen por completo.

E non faltou a poesía con algún poema de "Soleando" de An Alfaya.

Grazas, Angeles, por compartir con nós o teu tempo e as túas historias cos nenos e nenas de Rebordáns.

Clicade na imaxe para ver o vídeo. 

Distribuir contido