Logo das reunións mantidas ao longo da mañá de hoxe tanto co Servizo de Comedores como con Inspección Educativa, comunicamos que a capacidade do servizo de comedor se verá condicionada ao cumprimento das normas recollidas nos protocolos das Consellerías de Sanidade e Educación elaborados para adaptarse ao contexto da COVID-19, á falta de persoal colaborador para garantir un servizo de comedor con garantías sanitarias suficientes, e a outros axustes.
Polo tanto, o servizo comezará mañá 10 de setembro con un número máis reducido de comensais, axustado ao espazo que temos e ao número de coidadoras/es das que dispoñemos.
A listaxe de alumnado admitido no comedor está exposta no taboleiro do centro.
O alumnado admitido nesta primeira listaxe correspóndese co:
- alumnado usuario lexítimo do servizo de transporte (máis de 2 km.)
- alumnado pertencente a unidades familiares que se atopan en situación de exclusión social ou que teñan unha discapacidade igual ou superior ao 33% (certificada)
- alumnado membro de familias numerosas (acreditado).
O resto de solicitudes encádranse nunha listaxe de agarda da que iremos chamando en función das melloras que poidamos ir conseguindo para o servizo como é a presentación de máis persoal colaborador, cambios nas normas recollidas nos protocolos ou acordos que poidamos establecer co Concello ou outras administracións.
Agardamos que sexades comprensivos/as nesta situación e que procuredes axudar o máximo posible para que este curso escolar saia adiante da mellor maneira posible.