GLORIA E MANUELA, TRABALLADORAS DE MASSÓ

A visita que recibimos onte, o alumnado de cuarto, non a poderemos esquecer  xamais.  Gloria,  bisavoa de Paula, e Manuela, avoa de Dani, viñeron ao noso bibliocastelo para contarnos a súa experiencia como traballadoras da factoría Massó.

Gloria Agulla Pérez, de 83 anos, case 50 anos traballando na fábrica.

Manuela García Nantes de 70 anos. Más de 30 anos traballando en Massó. O que aprendemos con elas non está escrito en ningún libro, nin subido en ningunha páxina web ou blog.


 

Manuela presentóusenos co mandil e co pano que levaba cando traballaba. Tróuxonos  latas e ata nóminas.

Contáronnos , o proceso  da conserva da sardiña, da anchoa e do atún.  

Gloria díxonos que empezou a traballar con só 13 anos, no sitio da súa nai. Empezou, dando servicio ás mullers que metían latas no parrilla, pero despois  pasou a traballar cos trapos,  onde se poñían as anchoas a secar. Pasou por outros postos como o embalaxe ou controladora de que as latas quedasen perfectamente pechadas.  Fixo de todo, ata cortar o céspede  dos arredores da fábrica de Cangas.

Gloria presentouse acompañada pola súa filla Julia, avoa a súa vez de Paula, que tamén é traballadora no sector secundario do mar, pois traballa nunha empresa de conxelados de peixe.

Manuela, vestida  como cando traballaba, explicounos que ela puido ir moi pouco á escola. Contounos que nos anos 50, ela pasou moita fame. Con oito anos xa facía de neneira porque a súa nai traballaba na fábrica de Alonso pero tamén ía ao xornal e, se facía falta,  cociñaba o cocido. Empezou a traballar de moi nova na fábrica e chegou a facer as expedicións. Consistía en  apuntar todos os materiais que se necesitaban (tomate, aceite, peixe, zamburiñas, mexillóns, … ) para poder realizar un pedido para onde fose (envíavansen produtos da fábrica a moitos países de Europa, Asia ou América).

Encantounos cando lle preguntamos se se acordaban do que cantaban. Contáronnos que cantaban baixiño porque os encargados non lle deixaban facelo. Inventaban letras para rirse deles.

 

 

Tamén nos falaron de INXUSTIZAS. Dicía Gloria que para conseguir gañar máis, tiñan que acadar trienios. Se, de súpeto, empezaba un home a traballar, dende o primeiro día xa cobraban máis, facendo a metade de traballo.

Sentían RABIA.

MOITAS GRAZAS!!!!

Encantaríanos que entendeses que para nós, este traballo, supón un recoñecemento e unha homenaxe a vós e a todas esas mulleres que fixeron que Bueu sexa hoxe a vila que é e que nós sexemos quen somos.

SODES MULLERES BRAVAS, VALENTES, FORTES, XENEROSAS, ...!