CURSO 2ºA 2ºB

GALA OUFF ESCOLA

Hoxe, 27 de setembro, celebrouse a gala OUFF Escola á que o alumnado de 2ºB estaba nominado como finalista pola curtametraxe elaborada o curso pasado "Dona Landra no río Revolto"

Debido á situación sanitaria a gala realizouse telematicamente, polo que a seguimos dende a sala de usos múltiples da escola.

Puxémonos moi contentos cando nos dixeron que gañamos o 2º premio!!! Podedes ver un anaquiño da gala premendo nesta imaxe.

Premendo neste enlace atoparedes a noticia con todos os gañadores da edición OUFF Escola 2021.

O alumnado de 2º da nosa escola xa foi finalista e gañador do mellor guión na edición do 2019, polo que xa son expertos na materia. Se queredes recordalo, podedes ver a noticia de novo este enlace.

Moitas grazas a todos polo voso apoio e felicitacións!!!

GALA ENTREGA PREMIOS FIC

Hoxe foi un día moi especial para o alumnado de 2ºB, pois se celebrou a Gala Escolas do FIC, festival ao que estabamos nominados como finalistas pola curta elaborada o curso pasado "Dona Landra no Río Revolto"

Erguémonos moi cedo e, dende o Concello, camiñamos xuntos ata o Centro Social do Mar, onde nos agardaba unha alfombra preciosa elaborada pola "Asociación de alfombristas de Bueu".

Unha vez situados no patio de butacas, comezou a gala coa proxección dun anaco de todas as curtas finalistas e de seguido o xurado subiu ao escenario para comezar a entrega de premios. Que nervios e que alegría sentimos cando nos dixeron que gañara a nosa curta!!!

Subimos todos ao escenario para recoller o premio, consistente nun lote de libros de Kalandraka, o galardón do festival e un trípode para gravar con máis calidade a nosa seguinte curtametraxe!

A continuación proxectaron as curtas gañadoras e sentímonos moi importantes ao ver a nosa película proxectada nunha pantalla de cine e diante de tanto público.

Despois saímos un ratiño á rúa a merendar e xogar un pouco.

Cando volvemos entrar, xa estaba no escenario o grupo Carpervek que nos falou do cine mudo e a importancia da música no cine. Incluso puidemos experimentar interpretando a banda sonora dalgunhas curtametraxes antigas.

Foi unha xornada incrible, pasámolo tan ben que xa estamos pensando na nosa seguinte producción!!!

Se queredes ver a gala completa, premede nesta imaxe.

SESIÓNS PARA ESCOLARES - FIC BUEU

O pasado venres fomos ao Centro Social do Mar para ver 5 curtametraxes proxectadas para nós das SESIÓNS PARA ESCOLARES do FIC Bueu:

- La extraordinaria historia de Bruna.

- Mitch-Match.

- Ruby & Roach.

- Vuela.

- Earth3.

Gustáronnos moitísimo e ademais fixemos unhas actividades moi interesantes na escola antes e despois de asistir ao visionado das curtas.

Estas son algunhas das actividades:

Encantounos imitar o LOGO do FIC 2021, aquí podedes ver algunha mostra.

REUNIÓN PRINCIPIO DE CURSO 2021/22

Benvidos ao noso blog:

Deixámosvos nesta entrada a presentación da primeira reunión de familias deste curso, esperamos que vos sexa de utilidade. Premede na imaxe para vela.

AVÓS VIRAIS, AVÓS VITAIS

Queremos deixar reflectido nesta entrada do noso Blog o labor apaixonado de sabios ensinantes  que fixeron os avós e avoas do  alumnado de 1º de primaria  no traballo proposto para o último mes de curso. Cremos que a actividade de AVÓS VIRAIS, AVÓS VITAIS resulton bonita e interesante para netos e avós, os pequenos descubriron que os seus maiores xogaban e se divertían e os avós gozaron coa frescura e espontaneidade dos máis novos. Pero o mellor de todo será velos nos seguintes vídeos. Premede nas imaxes.


REFRÁNS DO TEMPO

Durante este curso o alumnado de 1º investigou e aprendeu refráns relacionados co tempo, comprobando se efectivamente se cumprían ou non. Con eles, fixeron un mural que decorou o noso corredor.

Foi divertido aprender a sabedoría popular!

VISITA AO MUSEO MASSÓ

Ao longo desta semana, o alumnado de 1º saímos da escola para visitar unha das xoias da nosa vila: O MUSEO MASSÓ.

Chegamos moi ilusionados por aprender e o persoal do museo recibiunos estupendamente. Levabamos con nós as bolsiñas cos residuos que recollemos nas praias. Unha vez alí, participamos nun obradoiro chamado O QUE O MAR NON QUERE, no que descubrimos que todos os desperdicios que os humanos deixamos na praia, ademais de contaminar durante moitos anos son prexudiciais para a vida dos animais mariños: aves, tartarugas, peixes... E fixemos o firme propósito de recoller os nosos residuos cando vaiamos á praia.

A continuación realizamos unha visita guiada polo museo. Aprendemos os nomes dalgúns instrumentos de navegación e puxémonos no lugar dos mariñeiros de hai moitos anos. Visitamos tamén a sala do museo que foi fábrica de conservas e, como non, a nosa sala favorita... a da caza da balea!

Finalmente volvemos ao cole moi contentos por poder realizar esta saída, aínda que con moita calor!!!

Moitísimas grazas a todo o persoal do museo e especialmente a Graciela. Volveremos!

GALA OLLOBOI 2021

Onte, 12 de xuño, celebrouse en Boiro a gala do Festival Audiovisual Escolar OLLOBOI 2021.

O noso centro participaba coa curtametraxe DONA LANDRA NO RÍO REVOLTO, da que resultou un dos 5 finalistas da categoría PEQUE.

Aínda que o premio non o puidemos traer para Bueu, estamos súper orgullosas do traballo que fixeron os nenos e nenas de 1º e só o feito de ser FINALISTAS é un premio en si mesmo.

Noraboa rapazada!!

Podedes ver neste pequeno vídeo como foi a velada.

CONTACONTOS: XELIÑA FALA GALEGO

O venres tivemos unha sorpresa na escola! Co gallo das letras galegas, recibimos a visita de CAXOTO, da Trastenda dos Contos para contarnos historias sobre Xela Arias.

O espectáculo chamábase XELIÑA FALA GALEGO. Caxoto contounos a vida de Xela cando era pequena e falou moito dos seus xogos: cazaba grilos, lanzábase terróns e camiñaba polo monte. Tiña moitas historias na cabeza e aventuras. Un día, Manuel María visitou á súa familia e díxolle que collera unha libreta e empezara a escribir. Dende aquela non parou ata que morreu, moi nova.

Caxoto tamén nos contou o conto dun moucho, animal que coñecía Xela na súa aldea. Participamos moito e estábamos atentísimos!

Despediunos cun blues creado por el dun poema de Manuel María: Eu teño barco. Ademais, convidounos a coller unha libreta vella e escribir as historias que teñamos na cabeza.

Gustounos moito este contacontos! Ata a próxima, Caxoto!!!

MAKING OF: DONA LANDRA NO RÍO REVOLTO

Seguramente moitos de vós queredes saber como fixemos a curtametraxe de Dona Landra no Río Revolto. Pois aquí tendes un vídeo explicando todos os detalles. Premede na imaxe!

Distribuir contido