CURSO 2ºA 2ºB

SAÍDA FIN DE CURSO

O martes 13 de xuño o alumnado de 1º fomos de excursión.

A primeira parte da saída foi ao Castelo de Soutomaior, onde puidemos visitar un castelo guiados por Ana. Previo á saída traballamos un pequeno proxecto sobre os castelos na aula que rematou con esta visita. Gustounos moito e puidemos gozar da variedade de plantas que hai nos seus xardíns, quedamos impresionados coas sequoias!

A continuación merendamos e visitamos o Museo Meirande. Un pequeno espazo moi ben preparado dentro dunha antiga conserveira e que centra a información na batalla que tivo lugar en Rande. Aprendemos moito!

Para rematar a xornada subimos ao Parque Forestal do Vixiador, onde comemos, xogamos, puidemos gozar da natureza, dos cabalos, e fixemos un roteiro ata o miradoiro.

Moi contentos volvemos cantando no autobús ata chegar a escola. Foi un gran día!

Podedes ver as imaxes neste vídeo. Premede en Papirus para podelo ver!

FINAL DE CURSO

 FINAL DE CURSO

O final de curso sempre é moi dinámico polas diversas actividades que se celebran na escola. Aquí quedan reflectidas algunhas.

O día 12 de xuño gozouse dunha xornada de xogos na praia da Banda do río.

O día 15 de xuño houbo baile con Bea Díaz no cole de infantil, foi unha actividade divertida que favoreceu a cohesión do grupo.

O 19 de xuño tivo lugar a entrega de premios aos gañadoresdo concurso QUE SABES DE FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO?  que se celebrou durante todo o mes de maio.

O martes día 20 compartiron coa profe Laura unha sesión de xogos de mesa na biblioteca. Os equipos estaban formados por nenos e nenas de 1ºA e 1ºB, non gañou ninguén só houbo aprendizaxe e diversión.

Para rematar, celebrouse unha actividade que lles gustamoito: unha representación de TEATRO, todo o alumnado foi actor ou actriz e tamén espectador. Este foi un traballo compartido para poñerfin ao curso de 1º.

Despois do traballo, todo o alumnado de 1º compartiu a merenda na aula de 1º B.

Grazas a todo o noso alumnado e ata o vindeiro curso!                                                             

 

 

EL HEMATOCRÍTICO

EL HEMATOCRÍTICO

Os Reis Magos trouxéronlles aos nenos e nenas de 1º o libro Feliz Feroz, léronno na escola na “hora de ler” e encantoulles, gozaron das aventuras de Lobo e Lobiño, aprenderon vocabulario,degustaron receitas e realizarondinámicas  cooperativascomo “Lapis ao centro” para demostrar o que sabían de “Feliz Feroz” e tamén un kahoot que lles resultou moi interesante e atractivo.

Para complementar este traballo de Feliz Feroz o día 30 de maio veu a escola El Hematocrítico, nin máis nin menos que o escritor do libro. Estivo con todo o alumnado de 1º na biblioteca, contoulles moitas cousas sobre os seus libros, faloulles da importancia de ler e escribir e mesmo debuxar pois sen o seu compañeiro e ilustrador Alberto Vázquez non podería crear libros como FELIZ FEROZ. Por último, todos levaron no seu libro como recordo do seu paso polo Bibliocastelo a sinatura e o selo de “El Hematocrítico”. Estivo moi ben a xuntanza con este escritor pois invitou ao alumnado a ler e tamén a traballar en equipo.

EL HEMATOCRÍTICO

 

CORRELINGUA 2023

DÍA DO CORRELINGUA

O 25 de maio xuntámonos en Moaña unha chea de colexios do Morrazo para percorrer a vila falando, cantando, berrando e bailando na nosa lingua, o galego. Estivo un día moi luminoso e de calor que nos permitiu na praza da vila lucir as palabras que decoraban o noso lombo, bailar e cantar co grupo As Monchas a canción “O oso do Caurel” que tanto nos gustou e sobre todo “MOLLARNOS" pola lingua. Foi unha xornada cansada, pero bonita.

CORRELINGUA

ESTREAMOS CASETA METEOROLÓXICA!!!

Durante o mes de maio, o alumnado de 1º volveu á caseta meteorolóxica para recoller os datos de primavera. Coincidiu nunha época de bastante calor e tamén de treboadas, polo que puidemos recoller algo de chuvia do Pluviómetro, que sempre nos encanta.

Ademais tivemos a ocasión de estrear a nova CASETA METEOROLÓXICA!

A caseta que tiñamos antes estaba xa moi velliña e mesmo non tiña porta... Por tanto, encargouse unha caseta nova ao módulo de carpintería da Asociación Juan XXIII de Cangas. Elaborárona con moito cariño e quedou moi bonita e forte, lista para aguantar moitos cursos máis!!!

LETRAS GALEGAS 2023

SEMANA DAS LETRAS GALEGAS

Durante este mes de maio o alumnado de 1º anda a participar nun concurso de preguntas co gallo de coñecer ao autor homenaxeado polas letras galegas, este ano Francisco Fernández del Riego, e os gañadores terán un agasallo. Ademais, para  despertar o amor pola nosa lingua aprenderon o poema GALICIA de Manuel María e gravárono por equipos na radio da escola, foi a súa primeira experiencia cos micros e gustoulles. Quedou así!

 Tamén o podedes escoitar no canal de podcast IVOOX do CEIP A PEDRA.

 

Tamén se pode escoitar e ver as ilustracións que fixeron os nenos e nenas do poema no seguinte vídeo, hai que clicar na imaxe de Manuel María.

 

VISITA AO MERCADO

O martes 21 de marzo o alumnado de 1º e 2º xunto coas súas mestras visitou o mercado de Bueu. Resultou ser unha visita moi didáctica e interesante porque os nenos e as nenas estiveron en contacto con produtos de cercanía e comprobaron de preto o delicado que é traballar cos alimentos. Os profesionais da praza atenderon moi ben todo o alumnado e lles ensinaron moitas cousas dos produtos que vendían e responderon amablemente as súas preguntas. Aquí quedan algunhas fotos da visita. Dende aquí queremos agradecerlle o seu esforzo e dedicación.

 

  

 

GAMIFICANDO CO LOBO LUPAS

No 2º trimestre, o alumnado de 1º de primaria levou a cabo un proxecto sobre os lobos. E como este curso estamos aprendendo xogando, fixemos unha gamificación guiada polo Lobo Lupas, o protagonista do noso libro de lecturas.

Podedes ver este vídeo que resume o proxecto, premendo na imaxe.

Logo de superar o reto colocámonos para que a profe nos retratara diante do traballo realizado en equipo xunto coa lupa ESPECIAL.

 

CHARLA ILLAS ATLÁNTICAS

Hoxe viñeron á escola dous guías do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia: Suso e Ana.

A xornada foi moi diversa pois comezaron cunha presentación na que nos amosaron As Illas Atlánticas e descubrimos que a nosa Illa de Ons é unha delas! Ao longo da charla, o corvo Martiño, que é un corvo mariño, foinos falando da fauna, flora e o ecosistema deste Parque Nacional. Seguidamente contáronnos un conto sobre a súa vida e rematamos cuns obradoiros para descubrir obxectos de cada lugar da Illa: duna, bosque, rochas...

Foi unha xornada divertida na que, unha vez máis, aprendemos xogando.

Moitas grazas!

OBSERVANDO O TEMPO

No mes de febreiro, tocounos ao alumnado de 1º observar o tempo. Descubrimos que somos unha Meteoescola e que é moi importante que recollamos ben os datos para poderllos enviar a Meteogalicia.

Realizamos moitas actividades relacionadas co tempo, ademais da observación anotabamos diariamente os resultados no panel da Biblioteca, e incluso fixemos unha lectura sobre o nome dos aparellos Meteorolóxicos. Tamén observamos e tratamos de comprender o calendario de luadas de febreiro.

O alumnado comezou a percatarse de que sucedían cousas arredor relacionadas coa meteoroloxía e rapidamente informan as mestras dos achados... Como o día no que as rodas apareceron conxeladas!!!

O que máis nos gustou foi recoller a chuvia, pero tivemos mala sorte pois non choveu apenas... Esperamos que a seguinte vez que volvamos podamos atopar auga no pluviómetro!

Distribuir contido