Novos artigos na sección de Bibliotecas Escolares da revista EDUGA. Número 84 (decembro de 2022)

 

 

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades vén de facer público un novo número da Revista Galega do Ensino (EDUGA), que conta cunha sección fixa de Bibliotecas Escolares. Neste número de decembro de 2022 publícanse un total de oito artigos, nas tres sub-seccións: Biblioteca escolar (textos que falan sobre aspectos esenciais e básicos), Boas prácticas (artigos de reflexión sobre accións e desenvolvemento de proxectos de especial relevancia e interese),e Hora de Ler (achegas que poñen en valor iniciativas a prol da lectura e da escritura nas bibliotecas escolares). 

 

Lecturas recomendables e nutritivas para estes vindeiros días, nos que quizais podamos atopar algo máis de tempo para achegarnos a estes oito textos que poden inspirar novas reflexións e iniciativas para o futuro das nosas bibliotecas.

 

   

Non esperamos o futuro, vivimos no presente: o camiño a unha biblioteca LIA.3

 

De como transformar unha sala de lectura nunha biblioteca do presente

 

Por onde empezamos? Foi o que nos preguntamos cando entramos por primeira vez na biblioteca do instituto. Unha biblioteca como tantas, con servizo de préstamo para quen o solicitase previamente, exemplares das lecturas obrigatorias e mesas grandes para que se puidesen facer os deberes ou estudar algo antes dun exame. (...)

Biblioteca escolar: vertebrando aprendizaxes


Proxectos documentais integrados e tarefas integradas

 

A biblioteca escolar posiciónase, desde hai tempo, como porto desde o que saír para vivir un mar de experiencias documentais, vivenciais, inclusivas e solidarias ao servizo do currículo e da comunidade. Experiencias persoais e sociais, unha singradura activa e interactiva que posibilita a aprendizaxe ao longo da vida, desenvolvendo as competencias: sendo, facendo, sabendo e convivindo.

 

A biblioteca a través das ondas


 

Como a radio nos axuda a levar a biblioteca escolar fóra da escola

A biblioteca do CEIP Seara, desde todas as vertentes que a forman, ten entre os seus obxectivos a creación de contidos por parte do noso alumnado, pero non queremos que estes contidos queden pechados dentro das aulas, senón que buscamos influír de xeito positivo na contorna.

A biblioteca creativa: Fortalecendo competencias

 

Os recursos da biblioteca creativa son unha excelente ferramenta coa que traballar o currículo, xa que promove a expresión oral, o razoamento lóxico, o xogo, a aprendizaxe manipulativa, a investigación e o pensamento computacional, en prol de acadar unha aprendizaxe competencial. Seguindo unha metodoloxía activa e fomentando o traballo cooperativo ofréceselle a engrenaxe perfecta para integrar estas actividades no deseño e planificación das tarefas e proxectos do centro.

 

Outes Sostible. Cidadáns do presente para o futuro

A tecnoloxía ao servizo de novas realidades

 

O artigo expón o proceso levado a cabo no marco do proxecto documental integrado Outes Sostible. Cidadáns do presente para o futuro no curso 2021/22. O proxecto fai unha análise das posibles melloras que como cidadanía comprometida podemos abordar na nosa contorna, ao tempo que se achega o alumnado ao coñecemento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 2030 da ONU que foron empregados como eixe de análise.

Quen somos? De onde vimos? Cara a onde imos?

O PDI Tecendo identidade(s) da biblioteca do IES Arcebispo Xelmírez I

 

«Quen somos? De onde vimos? A onde imos? Estamos sós na galaxia ou acompañados?». A letra de Siniestro Total ben podería ser a banda sonora do PDI Tecendo identidade(s), que puxo en marcha a biblioteca do IES Xelmírez I durante o curso 2022/23 buscando espertar no alumnado o interese pola súa identidade, tanto desde o punto de vista individual como cultural e social.

 

Os clubs de lectura como oportunidade para afondar no plurilingüismo

O CEIP Plurilingüe O Pombal aproveitou a oportunidade para traballar as linguas impartidas no centro creando clubs plurilingües


O presente artigo pretende analizar as vantaxes derivadas da participación nos clubs de lectura. Xorde após ser seleccionado o noso centro na convocatoria de clubs de lectura, aproveitando a oportunidade que a Consellería ofreceu ao abrir a participación no programa aos centros de infantil e primaria, moitos dos cales xa contaban con eles, mais non eran recoñecidos oficialmente nin tiñan unha dotación orzamentaria propia. Cúmprese así co establecido no Plan LIA 2021-2025 e coas reivindicacións de moito profesorado desta etapa

Ler entre reixas

 

Neste artigo relátase a experiencia da EPAPU Nelson Mandela, integrada no Centro Penal da Lama, co club de lectura que se leva a cabo cos internos e internas. Aquí poderedes coñecer o funcionamento, así como o que buscamos conseguir poñendo en marcha esta iniciativa neste contexto.