Quen somos? De onde vimos? Cara a onde imos?

O PDI Tecendo identidade(s) da biblioteca do IES Arcebispo Xelmírez I
«Quen somos? De onde vimos? A onde imos? Estamos sós na galaxia ou acompañados?». A letra de Siniestro Total ben podería ser a banda sonora do PDI Tecendo identidade(s), que puxo en marcha a biblioteca do IES Xelmírez I durante o curso 2022/23 buscando espertar no alumnado o interese pola súa identidade, tanto desde o punto de vista individual como cultural e social.

Alexandra Pacheco González
Profesora de Lingua Galega e Literatura e membro do equipo da bibilioteca
IES Arcebispo Xelmírez I (Santiago de Compostela-A Coruña)
alexandra.pacheco@edu.xunta.gal

 

 

 

1. Tirar do fío

Aínda que o noso alumnado ten a sorte de medrar e formarse nunha sociedade aberta, plural e democrática, nas aulas o concepto da identidade, tanto desde o punto de vista persoal como social e cultural, queda moitas veces no aire, atrapallado ou tratado desde un único punto de vista. A isto súmase a enorme influencia que exercen as redes sociais e os seus relatos monolíticos e globalizadores no día a día da rapazada.

De aí que nas primeiras xuntanzas que mantivemos  a finais do curso pasado para botar a andar desde a biblioteca do IES Arcebispo Xelmírez I un proxecto integrador e ilusionante xurdise a idea de orientar nesa dirección os nosos esforzos: na necesidade de acompañar e guiar o noso alumnado desde as diferentes materias na configuración da súa propia identidade persoal, sen esquecer que nesa construción sempre haberá moitos ingredientes da nosa historia colectiva como pobo, da nosa lingua, do noso xeito de estar no resto do mundo cando emigramos, da nosa maneira de integrar as persoas que proceden doutras culturas, da nosa relación coa terra e cos medios produtivos, dos construtos sociais que se foron xerando arredor do noso xénero e do noso sexo…

E así xorde a idea de «tecer». Tecendo identidade(s) buscaba implicar o maior número de alumnado e profesorado do noso centro e integrar de novo a biblioteca escolar na práctica docente logo de dous cursos ausente por mor da covid. Eliximos a identidade como tema paraugas que pode acoller iniciativas na aula en multitude de materias, pois permite achegarse a el desde diferentes perspectivas, como a cultural, a lingüística, a nacional, a de xénero, de sexo… Ao mesmo tempo, axuda o noso alumnado no seu proxecto vital de construción da propia identidade.

 

2.  O tempo entre costuras

O proxecto comeza a xestarse a finais do 2020/21, cando o anterior equipo mantén varias xuntanzas coa vocación de darlle máis protagonismo á biblioteca na práctica docente do centro. Desas reunións sae o desafío de artellar un PDI a partir dunhas liñas xerais que xurdiron a modo de treboada de ideas e que foron expostas no claustro inicial deste curso 2021/22, no que se lle entregou un díptico informativo a todo o profesorado para animar á súa participación.

A partir de entón prográmanse as primeiras reunións, difúndese o PDI e algunhas das primeiras ideas en carteis polo centro e artéllase un equipo de traballo que foi medrando en número de docentes e propostas de actividades ao longo do primeiro trimestre. Acórdase crear un espazo dixital de traballo compartido en Google Drive que se mantivo activo e dinámico ao longo de todo o curso.

E ao mesmo tempo comezamos a traballar no deseño do blog http://tecendoidentidades.iesxelmirez1.gal que servirá de canle para a difusión das actividades: primeiro creando unha pestana no blog da biblioteca e aloxando posteriormente a través dela unha nova bitácora para o proxecto.

Durante todo o proceso procuramos visibilizar o PDI a través de cartelería e xa, no terceiro trimestre, coa presentación dun plotter que daba conta de todas as propostas que se estaban a traballar xunto co nome das persoas responsables de cada unha delas.

 

Tecendo identidade(s) activou proxectos en 13 departamentos diferentes

 

3. Primeiras puntadas con fío

As nosas tecedoras e tecedores levaban xa meses traballando o concepto de identidade desde as máis diversas perspectivas, cando no terceiro trimestre comezamos a ver os marabillosos resultados das diferentes liñas de traballo: 

Quen somos e de onde vimos? O alumnado de primeiro de bacharelato reconstruíu con argumentos científicos as nosas orixes e a nosa historia biolóxica, ligada á propia orixe e evolución da terra.

Identidade e cidadanía son dous conceptos que camiñan da man na historia contemporánea. O alumnado de cuarto da ESO investigou a evolución do discurso dos dereitos humanos e o papel que acadan homes e mulleres dentro deste camiño de conquistas, apoios e atrancos cos que contaron. Descubriron como se foi construíndo o discurso identitario e democrático. Neste camiño de descubertas, foron elaborando o seu propio libro de texto! Nel parecen recollidas identidades de xénero e outras excluídas da historia.

A análise da nomenclatura do rueiro compostelán permitiulle ao alumnado de segundo da ESO detectar discriminacións de xénero e reflexionar sobre como construímos pensamento e, polo tanto, identidades, con base nunha unha tradición cultural. Elas e eles tiveron que mudar a historia e visibilizar mulleres de distintas épocas e ámbitos.

A adolescencia é a etapa na que buscamos e construímos unha identidade propia. Os fíos que conforman esa identidade ou identidades derivan dunha complexa intersección de factores socioculturais que, na maioría dos casos, non identificamos, o que nos pode levar a pensar que ese é o xeito natural de construírse. Reflexionar para ver se queremos continuar por ese camiño ou transitar por outro paralelo é o obxectivo do traballo que tivo que realizar o alumnado de primeiro de bacharelato. Queremos identidades libres.

Contribuír  a erradicar a invisibilización histórica da muller no mundo das matemáticas e coñecer sete mulleres galegas que son actualmente figuras de referencia neste ámbito foi o obxectivo do traballo realizado polo alumnado de segundo da ESO.

As fotografías antigas da nosa cidade e a memoria dos maiores foron os elementos que lle permitiron ao alumnado de primeiro da ESO identificar elementos materiais, culturais ou ideolóxicos que son herdanza do pasado; ademais de establecer relacións entre o pasado e o presente a través da historia.

O traballo forma parte da identidade da persoa e inflúe no proxecto de vida, nas amizades e na realización persoal. Indagar en que medida o xénero determina a profesión e afondar na relación entre profesión e identidade foi a tarefa que levou a cabo o alumnado de terceiro da ESO nas materias de Valores Éticos e Relixión. 

Coñecer a importancia histórica de Compostela nun período no que Galicia, a súa cultura, a súa lingua e a súa literatura gozaron de grandísimo prestixio e no que ser galego era signo de distinción era o obxectivo do labor que levou a cabo o alumnado de terceiro da ESO nas aulas de Lingua e Literatura Galegas. Ao tempo afondaron no papel desempeñado na historia polas mulleres que nos precederon.

Coñecemos as historias que as familias inmigrantes lles transmiten aos seus fillos e fillas e a maneira en que comprenden a tradición oral da súa cultura de orixe, así como a relación que se establece coa nosa tradición oral. No proceso comprobamos como na actual cultura de masas se vai perdendo en boa medida esa transmisión e ao mesmo tempo tamén parte da construción da identidade propia vinculada a ela.

 

 

Desde o aproveitamento do estaño na Idade de Bronce, do ouro polos romanos, e do volframio, chumbo, ferro ata o século pasado, a minería está intimamente ligada á identidade do pobo galego. O granito traballado polos canteiros, a lousa, os áridos, a tella, o cuarzo e o caolín, o  aproveitamento das augas minerais, todos eles conforman a nosa paisaxe e a nosa cultura. Investigar esta relación foi o traballo desenvolvido polo alumnado de terceiro da ESO nas aulas de Física-Química e Tecnoloxía.

 

 

Con esta proposta o alumnado de cuarto da ESO usou os coñecementos adquiridos na aula para afondar no coñecemento da contorna. O alumnado saíu ao campus na busca e  identificación de triángulos rectángulos na natureza, nas construcións e na paisaxe que nos rodea, para tomar medidas de lonxitudes e de ángulos. 

Identidade e Holocausto conformaron un tándem cruel. Conmemorar a barbarie, amosala para evitar que se volva repetir, pero tamén poñer en relación as xuderías galegas e as do conxunto da Península Ibérica co destino sufrido polos xudeus do Holocausto foi o obxectivo da exposición inaugurada na biblioteca o 27 de xaneiro. Os códigos QR dos paneis permitiron coñecer curiosas historias das xuderías galegas e dos sambenitos de Tui.

No Ano Internacional de María Casares, o alumnado de Francés rendeulle homenaxe a esta galega universal, signo de distinción e cultura, que dá nome aos premios de teatro galego e que nunca renunciou á súa identidade.

 

 

A identidade vén definida en gran medida polo que nos rodea, como é o caso dos milleiros de especies que existen no planeta. Coñecer e respectar a nosa contorna e o resto de seres vivos que nela se atopan é fundamental para construír a nosa identidade. Afondar no seu coñecemento e elaborar guías dixitais ecolóxicas foi o labor desenvolvido polo alumnado de primeiro a cuarto da ESO.

 

4. A biblioteca como centro de operacións

Mentres avanzaban as diferentes liñas de traballo, o alumnado e o profesorado contaron cos recursos documentais da biblioteca do centro,  que tamén achegou mecanismos para a busca eficiente de información e ferramentas para difundir o  coñecemento, converténdose nun centro neurálxico en todo o proceso de aprendizaxe:

  • Adquirindo obras de consulta por proposta do profesorado que coordinou as diferentes actividades e segundo as necesidades do proxecto.
  • Converténdose nun espazo expositivo para mostras como a que se elaborou arredor do Día do Holocausto ou a exposición realizada no proxecto de minería.
  • Exercendo un papel clave na difusión e visibilidade das diferentes propostas, a través das súas propias redes sociais e plataformas dixitais.
  • Achegándolle alumnado fontes, espazo físico e infraestrutura para os labores de investigación. 
  • Promovendo a formación, tanto para o alumnado como para o profesorado: obradoiros de Audacity e Wordpress.
  • Elaborando materiais para o uso das fontes informativas e do traballo documental.

 

O alumnado documéntase para os proxectos nos computadores da biblioteca

 

A implicación da comunidade educativa tamén foi moi elevada, máxime tendo en conta que é a primeira vez que abordamos un proxecto destas características. Sumáronse á nosa proposta 12 departamentos e 20 profesores e profesoras que desenvolveron un traballo no que teñen representación e implicación activa todos os cursos da ESO e primeiro de bacharelato.

Ademais, contamos coa colaboración das familias e con poboación inmigrante da contorna no proxecto A min contáronme. E colaboracións da Universidade de Santiago de Compostela en Mulleres matemáticas e da Universidade de Vigo en Minería e identidade galega.

 

Gráfica da participación da comunidade educativa

Consideramos que grazas a este PDI a biblioteca do IES Xelmírez I gañou unha indiscutible centralidade no proceso de aprendizaxe do noso alumnado, pero aínda queda moito camiño por diante. A experiencia do curso pasado é un bo punto de partida para seguir desenvolvendo desde a biblioteca proxectos que contribúan á alfabetización múltiple do noso alumnado e a unha aprendizaxe transversal e significativa. Concibímolo como un proxecto plurianual que terá continuidade este curso 2022/23 baixo o título Tecendo identidade(s): Identidade na Segunda República.

 

 

 

Sección: