Os clubs de lectura como oportunidade para afondar no plurilingüismo

O CEIP Plurilingüe O Pombal aproveitou a oportunidade para traballar as linguas impartidas no centro creando clubs plurilingües

O presente artigo pretende analizar as vantaxes derivadas da participación nos clubs de lectura. Xorde após ser seleccionado o noso centro na convocatoria de clubs de lectura, aproveitando a oportunidade que a Consellería ofreceu ao abrir a participación no programa aos centros de infantil e primaria, moitos dos cales xa contaban con eles, mais non eran recoñecidos oficialmente nin tiñan unha dotación orzamentaria propia. Cúmprese así co establecido no Plan LIA 2021-2025 e coas reivindicacións de moito profesorado desta etapa.

Daniel García Reigosa, coordinador do club de lectura
CEIP Plurilingüe O Pombal (Vigo-Pontevedra)

 

 

O presente artigo pretende analizar as vantaxes derivadas da participación nos clubs de lectura. Xorde após ser seleccionado o noso centro na convocatoria de clubs de lectura, aproveitando a oportunidade que a Consellería ofreceu ao abrir a participación no programa aos centros de infantil e primaria, moitos dos cales xa contaban con eles, mais non eran recoñecidos oficialmente nin tiñan unha dotación orzamentaria propia. Cúmprese así co establecido no Plan LIA 2021-2025 e coas reivindicacións de moito profesorado desta etapa.

Antes de analizar a nosa experiencia, cómpre facer un breve repaso sobre os beneficios que para o alumnado e o centro en xeral ten esta experiencia educativa, alén do fomento da lectura.

 

Chuvia de ideas sobre que precisaba o club para funcionar ben

 

Múltiples beneficios académicos, sociais e comunicativos 

Tanto a recente LOMLOE como as súas precursoras recoñecen a lectura como un factor clave para garantir o éxito escolar e mellorar a calidade educativa. Os centros contan cun plan lector, tempo diario dedicado á lectura no horario lectivo e bibliotecas escolares dotadas dun amplo catálogo de obras á disposición dos usuarios, que son o centro de referencia para a promoción da lectura e organizan moitas actividades relacionadas tamén coa creatividade e a innovación.

Os clubs de lectura demostraron que son ferramentas clave non só na promoción da lectura senón especialmente na mellora das competencias sociais. Un estudo de 2018 realizado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a través da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos/Asesoría de Bibliotecas Escolares, demostrou que as persoas participantes reforzaron as destrezas comunicativas e as habilidades sociais e foron dotadas de recursos para mellorar académica e socialmente.  

Os clubs ofrecen un ámbito amable e íntimo no que persoas diferentes que posiblemente non  interactuarían poden compartir inquedanzas, gustos, ideas e emocións, enriquecendo así a competencia social e beneficiando a socialización do alumnado participante ao crear un sentimento de comunidade e pertenza. Melloran así a integración das persoas, dado que moitas acoden aos clubs na procura de espazos de respecto e sensibilidade nos que poder expresarse e seren eles mesmos sen medo a seren xulgados. Esta liberdade permite expresar e contrastar opinións desde o respecto e a tolerancia, admitindo a crítica e a variedade de criterios.

 

Os clubs de lectura tamén fomentan a socialización

 

No eido académico os beneficios redundan principalmente na mellora da comprensión e da expresión orais e escritas, dado que participando no club se exerce o pensamento crítico, as habilidades de diálogo, debate e negociación, se traballa a exposición e os recursos orais e escritos.

Tamén podemos salientar que a participación nos clubs de lectura propicia a asunción de responsabilidades e potencia unha maior autonomía. Actuamos, así mesmo, como axentes dinamizadores polas relacións sociais que implican e como transmisores de valores, principios e regras.

En suma, os beneficios traspasan o eido académico e achegan moitas posibilidades, recursos e ensinanzas que poderán ser empregados na vida adulta. 

 

A voluntariedade como punto de partida

Para que o club de lectura teña éxito debe cumprir cunha premisa: a voluntariedade. As persoas participantes deben ofrecerse libremente a formar parte del, polo que cómpre eliminar «deberes» e fomentar un vínculo de pertenza a este pequeno grupo. Grazas ao carácter voluntario, pódese conseguir incorporar a alumnado con resistencias á lectura, polo que tamén poden mellorar a autoestima e as habilidades sociais e de lectura de alumnado con dificultades de aprendizaxe.

Outro factor imprescindible é a coordinación dunha persoa adulta que saiba motivar, acompañar, espertar a curiosidade e guiar o proceso dun xeito responsable, creativo e integrador. Deberá propoñer actividades que transcendan a típica lectura guiada e impliquen novas tecnoloxías, manualidades, escrita creativa, debates, encontros con persoas escritoras e un longo etcétera. É aconsellable tamén a implicación do centro e das familias e incluso de axentes externos ao centro (persoal da biblioteca, escritores e escritoras…).

No tocante á obra escollida, resulta obvio que debe ser axeitada ao nivel do grupo, motivadora, de calidade e que aborde temas que permitan a realización de actividades variadas e esperte interese e curiosidade. Se hai oportunidade de organizar un encontro coa persoa autora, resultará ademais motivador, estimulante e un bo punto de partida para facer aflorar vocacións escritoras.

Finalmente, débense planificar os tempos, pois poden organizarse nos descansos de períodos lectivos ou ao finalizar a xornada, malia a primeira opción acadar mellores resultados ao optimizar os tempos e non requirir grandes compromisos.

 

Os clubs de lectura do CEIP P. O Pombal: plurilingües e inclusivos

Xa analizados os efectos positivos deste proxecto e centrándonos agora na nosa experiencia concreta, unha vez admitido o centro no programa após cumprir cos requisitos da convocatoria (presentación dun proxecto, aprobación no Claustro e Consello Escolar e incorporación na PXA), comezamos co proxecto. O espírito co que xurdiu foi traballar en cada unha das linguas que se imparten no centro: galego, castelán, inglés e francés (ofrécese como libre configuración en sexto de primaria). Foron dous docentes do centro os que coordinaron a actividade de club e que contaban con formación en inglés e francés e co apoio total do equipo directivo, que reservou os seus recreos e a sesión de ler dos mércores para este mester. Un deles encargouse do alumnado de quinto e outro do de sexto, garantindo así estabilidade no seu funcionamento.

 


Dúas participantes poñen algo en común

 

A primeira e básica tarefa foi conseguir participantes voluntarios, polo que explicamos nas aulas o proxecto. Sorprendentemente, a idea espertou grande interese entre o alumnado e, como non podiamos crear grupos numerosos, buscamos unha organización alternativa: no canto de crear un grupo estable de funcionamento anual decidimos crear grupos trimestrais e deste xeito favoreceuse a máxima participación e minimizouse o compromiso do alumnado. As cifras son elocuentes: oito rapazas e rapaces en cada trimestre, o que suma seis grupos e 48 alumnas e alumnos de quinto e sexto de primaria. Tentouse equilibrar a participación de ambos os sexos e priorizar alumnado con NEAE, polo que o Departamento de Orientación colaborou adaptando o libro que se ía traballar para unha alumna con diversidade funcional, un feito sen o que o a súa participación sería  imposible.

 

CURSO PARTICIPANTES 1º T PARTICIPANTES 2º T PARTICIPANTES 3º T TOTAIS
5º EP 8 8 8 24
6º EP 8 8 8 24
TOTAIS 16 16 16 48

 

 

Organizando os tempos: sesións semanais de 50 minutos

Valorando varias opcións, decidiuse dedicar o recreo e a sesión de ler dos mércores, que como xa referimos anteriormente quedou reservada no horario do profesorado participante. Por mor do protocolo anticovid, que obrigaba a separar os grupos de convivencia estable, un grupo funcionou na biblioteca e outro na aula de Inglés. En todo momento se cumpriu cos requisitos do protocolo no tocante a distancias, medidas de hixiene e ventilación. Porén, preparouse como alternativa un curso na aula virtual que permitiría salvar a suspensión das clases, corentenas ou outras situacións que impediran a presencialidade e que, afortunadamente, non fixeron falta.

 

O pasaporte pombaliano simulaba a compostela, ligando os clubs co proxecto deste curso

 

O calendario de días inicialmente previsto sufriu poucas modificacións, que se deberon a celebracións, saídas complementarias ou outras actividades do centro, polo que se pode concluír que o proxecto funcionou con regularidade e estabilidade.

 

Escolla de obras: calidade, novidade e transversalidade

Para garantir a motivación e o bo facer dos grupos, procedeuse á escolla das obras baseándonos en criterios como a súa calidade, que fosen actuais e que tratasen temas transversais que permitisen realizar actividades variadas e tratar temas diversos que enriquecesen o alumnado participante.

Na seguinte táboa recóllense as obras traballadas:

 

IDIOMA

TÍTULO

CURSO

TRIMESTRE

XUSTIFICACIÓN

LINGUA CASTELÁ

Palabras de caramelo, de Gonzalo Moure

1ºT

Trata a discapacidade e o poder da imaxinación, ademais do respecto a culturas alleas.

 

Nata y chocolate, de Alicia Borrás

2ºT

Ten o acoso como tema central

LINGUA GALEGA

A señorita Bubble, de Ledicia Costas

1T

Reivindica o papel das mulleres valentes e visionarias, así como o respecto ao diferente.

 

A folla azul, de Andrea Maceiras

3ºT

Fomenta o respecto ao medio ambiente e a tolerancia

INGLÉS

More gholsts stories, Julie Hart

3ºT

Tres historias adaptadas que permiten achegarse á lectura en inglés

FRANCÉS

Evasión ne (intro), chiens e chats, VVAA

3ºT

Texto adaptado para traballar o vocabulario próximo ao alumnado

 

Actividades variadas e motivadoras

Xa se apuntou ao comezo deste artigo que as actividades que se realicen no club deben ser diversas, fuxindo das típicas lecturas guiadas e comprensións, pois poderiamos provocar o efecto contrario.

 

Marcapáxinas, pasaporte e doces reais para vivir a historia

 

Seguindo esta premisa, tentouse crear un sentimento de pertenza ao grupo, para o que o alumnado foi agasallado cun marcapáxinas personalizado e o «pasaporte pombaliano», un caderno no que poder facer anotacións e que era selado en cada sesión, enlazando así o club co PDI do centro que este curso tiña que ver co Camiño de Santiago. Cómpre sinalar tamén que na última sesión de cada trimestre se fixo unha festa de despedida na que recibiron un agasallo físico e gastronómico cun «carácter estacional»: no primeiro trimestre combatemos o frío de decembro con chocolate quente e doces, no segundo celebramos a primavera con zume de laranxa e froita e no terceiro démoslle a benvida ao verán cun xeado. Por último, fixéronse uns diplomas que recoñecen a súa participación e dedicación. Deste xeito, imprimimos un carácter informal, amigable e alegre e creamos un vínculo entre os propios membros e tamén co profesorado.

No referido ás actividades realizadas, podemos sinalar que, dependendo da obra, foron exercicios de escrita creativa, análise das personaxes, investigación sobre os temas tratados, exposicións orais, creación de inventos, manualidades etc. Tamén gravamos un podcast na radio escolar e creamos contido que foi publicado no blog da biblioteca e nas redes sociais do colexio.

 

Xa que a protagonista tiña un don, o grupo analiza os propios

 

Conclusión

Malia o club de lectura funcionar xa no noso centro, era pola vontade do equipo docente e da biblioteca. O cambio nas bases da convocatoria permitiu a participación de centros de etapas inferiores á secundaria, polo que puidemos contar cunha partida económica para mercar libros e materiais, o que facilitou crear dous clubs trimestrais nos niveis de quinto e sexto, chegando case á metade do alumnado en total e tamén facelo con carácter plurilingüe, creativo e innovador.

Á vista da análise realizada, os clubs de lectura fomentaron o interese neste hábito tan necesario, alén de conseguir mellorar a competencia lingüística e perder o medo a empregar outras linguas diferentes á materna. Curiosamente, o alumnado participante en inglés e francés non tiña moitos coñecementos nesas linguas e con constancia e interese o seu nivel foi mellorando, así como o sentimento cara á lingua, que se traduciu nun maior interese cara a ela. 

No ámbito social tamén se observou unha mellora nas relacións sociais entre a rapazada participante, moita da cal descubriu que non eran os únicos en gozar da lectura e da escrita. Tamén se integrou a alumnado algo tímido ou introvertido, que foi abríndose e mellorando nas habilidades sociais.

Cómpre salientar a boa acollida que tivo a iniciativa entre as familias, moitas das cales non daban crédito ao ofrecemento dos seus fillos e fillas de sacrificar un recreo por participar nun club onde a literatura e a parola tranquila substituía aos buliciosos xogos e carreiras do patio.

Por último, o apoio do centro, do equipo directivo e do claustro, entre quen destacou o persoal docente do equipo da biblioteca, fixo posible que os clubs de lectura plurilingües pasasen de ser unha idea inmaterial a unha realidade de éxito que afondou no carácter plurilingüe do centro, deu novas oportunidades de ocio e aprendizaxe e encheu de ledicia as persoas participantes, entre as que obviamente nos incluímos o profesorado participante.

 

As festas finais combinaban lectura con produtos estacionais. Aquí, recibindo a primavera con zume natural

 

 

Bibliografía: 

 

 

Arana y Galindo (2009). Leer y conversar: una introducción a los clubes de lectura. Trea.

Carreño (2012). Clubs de lectura. UOC.

García Perea (2018), Manual del club de lectura: cómo crear y gestionar un club de lectura dinámico y perdurable. Bernice.

Villar (1973). Cómo montar un club juvenil. Marsiega.

Blog da Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería de Cultura, Educación e FP: https://www.edu.xunta.gal/biblioteca/blog/

Blog da Biblioteca Castelao do CEIP Plurilingüe O Pombal: https://castelaonopombal.blogspot.com/

Portal educativo: https://www.edu.xunta.gal/portal/

 

 

 (1) O estudo está accesible en https://www.edu.xunta.gal/biblioteca/blog/files/intro%20+%20informe%20completo%20+%20anexo-GAL_V10.pdf

 (2) O podcast pode escoitarse en https://castelaonopombal.blogspot.com/p/biblioteca-castelao-9322-comenza-conta.html

 (3) O blog da biblioteca está aloxado en https://castelaonopombal.blogspot.com/p/club-lectura-2.html 

 

 

Sección: