Gallego

Cultura e Educación abre este luns 28 o prazo de inscrición para as probas de acceso a ciclos de Formación Profesional

A Consellería aposta así pola formación ao longo da vida, facilitando as reincorporacións ao sistema educativo

Gallego
Cultura e Educación abre este luns 28 o prazo de inscrición para as probas de ac
Cultura e Educación abre este luns 28 o prazo de inscrición para as probas de acceso a ciclos medios e superiores de Formación Profesional

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria abre o vindeiro luns 28 de xaneiro o prazo de inscrición para as probas de acceso a ciclos de grao medio e superior de Formación Profesional. Deste xeito, o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad reafirma o seu compromiso coa formación ao longo da vida, establecendo canles que faciliten a reincorporación das galegas e galegos ao sistema educativo. Así mesmo, estas probas son unha ferramenta para a loita contra o abandono temperán, xa que dan a posibilidade de acceder a ciclos formativos a persoas que non foron quen de obter o título de graduado en Educación Secundaria Obrigatoria.

Así, poderán presentarse a estas probas para acceder a graos medios quen non cumpran os requerimentos xerais para cursar estes estudos e teñan cumpridos os 17 anos – ou os cumpran no 2013-. No caso de querer acceder a un grao superior, será necesario que teñan cumpridos os 19 anos- ou os cumpran neste ano- , ou ben ter cumpridos ou cumprir no 2013 os 18 e dispor dun título de técnico en grao medio que pertenza a unha familia profesional relacionada co ciclo que quere cursar. Os interesados poden obter máis información no enlace web http://www.edu.xunta.gal/fp/node/11249 .

O prazo de inscrición estará aberto do 28 de xaneiro ao 8 de febreiro para as probas de acceso aos ciclos de grao superior, que se celebrarán o 25 de abril. Para as probas de acceso aos ciclos de grao medio, que se realizarán o 23 de maio, o prazo de inscrición vai do 25 de febreiro ao 8 de marzo.

Estrutura e organización

A proba para o acceso ao grao medio organízase en tres partes, a sociolingüística, con exame de linguas galega e castelá e de ciencias sociais; a matemática; e a científico-técnica, con probas de ciencias da natureza e de tecnoloxía.

No caso do acceso ao grao superior, os aspirantes deberán realizar unha parte común, con exames de linguas galega e castelá e de matemáticas; e unha parte específica, a escoller entre tres opcións. Na modalidade A as probas serán de economía da empresa, lingua estranxeira e filosofía e cidadanía; mentres que na B pasarán exames de debuxo técnico, tecnoloxía industrial e física; e na C de ciencias da terra e ambientais, química e bioloxía.

Certificación e acceso

A proba dará lugar á obtención dunha certificación na que constará a nota final lograda e a cualificación obtida en cada unha das partes que a compoñen.

A superación da proba, no caso do grao medio, dará acceso a calquera ciclo formativo; mentres que no caso do superior, a propia certificación incluirá a relación de familias profesionais nas que se posibilitará o acceso en función da opción elixida. A adxudicación de praza estará condicionada pola cualificación obtida na proba, no marco da porcentaxe de reserva de prazas por cada centro e ciclo que se estableza para estas probas.

Para quen realizara a proba na Comunidade Autónoma de Galicia e non a superara na súa totalidade, a certificación permitirá manter a cualificación obtida nas partes superadas cunha puntuación igual ou superior a cinco durante un máximo de dous anos nas probas de acceso a ciclos formativos en Galicia.

Colectivo: 

Italiano al dente

Italiano al dente é un sitio web dirixido a todas as persoas que queiran achegarse á aprendizaxe da lingua italiana como L2; contén actividades de variada tipoloxía, organizadas segundo os niveis do MCERL e distribuídas por temática e destrezas.

Este espazo, que ten recibidas máis dun millón de visitas, recibiu un dos premios á innovación educativa concedidos pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.


 

 

 

Gallego
Italiano al dente

O repositorio do espazoAbalar incrementouse en 31 novos contidos educativos

O repositorio do espazoAbalar segue ampliando a súa oferta cunha selección de 31 novos contidos educativos en formato dixital baseados en distintas tecnoloxías.
Coa nova actualización do repositorio alcánzanse os 1.195 recursos para educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato e ciclos formativos en varios idiomas.
Nesta ocasión os traballos proceden fundamentalmente:

  • Da licenza de formación de José Manuel Blanco Guimarey cunha completa unidade didáctica en galego e castelán con 64 actividades guiadas para coñecer o programa de edición de imaxes GIMP.
  • Da licenza de Manuel Luis Blanco Pinedo con dúas secuencias didáctica feitas co Constructor formada por 9 Obxectos Dixitais Educativos (ODEs) nos que aprenderán a falar en inglés cos compañeiros e co docente e sobre os sons da lingua inglesa.
  • Da licenza de José Antonio Cartelle Cudilleiro con unidades didácticas de inglés sobre cuestións culturais de EEUU e Reino Unido.
  • Dunha unidade didáctica dentro do proxecto "Contamos co deporte" da licenza de Xoán Trigo e Elia Villamarín.
  • De ODEs en flash feitos pola docente Nani Lima para traballar cuestións de música e educación infantil utilizando o protocolo de cesión de dereitos.
  • Das Unidades didácticas en inglés sobre Grecia e Roma feitas co exeLearning por Fernando Domènech Rey durante o período de licenza de formación.
  • Das coleccións didácticas de peixes, moluscos e crustáceos de Galicia cedidas polo docente César J. Pais Balsalobre do IES Chan do Monte de Marín.
  • Dunha secuencia didáctica sobre a luz e o son feita con Cuadernia durante a licenza de formación de Iria García de la Fuente.
  • De tres xogos de preguntas-resposta feitos coa aplicación de Fran Macías BrincaLetras, un deles axeitado para traballar o Día da Paz.

 

 

Gallego
espazoAbalar

Resolución da convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2012/2013

Gallego

Xúntase a  Resolución do 31 de decembro de 2012 relativa á convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos de 4 de setembro, no contexto das actuacións para o fomento da lectura en centros escolares, pola que se incentiva o funcionamento de Clubs de lectura en centros públicos de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que acollan ensinanzas de educación secundaria, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial, para o curso 2012/2013. 

Revista Galega do Ensino (EDUGA) Nº 64 (xullo-decembro 2012)

Acaba de publicarse o número 64 da Revista Galega do Ensino (EDUGA) nun formato dixital que ofrece a posibilidade de consultar documentación multimedia complementaria no corpo das súas páxinas.

O volume 64 (xullo-decembro 2012) recolle, nas súas diferentes seccións, experiencias innovadoras e de investigación que poden ser de interese para boa parte do profesorado.

Índice do número 64 (xullo-decembro 2012)

Experiencias

Investigación

Foro

Opinión

Que é?

A nosa escola

Cartafol

Actualidade

Lexislación  (Venancio Graña Martínez)

Entrevista

Editorial  (Juan Granados)

Mediateca


 

 

Gallego
Revista Galega do Ensino

Colectivo: 

Convócanse 15 prazas para un proxecto experimental de FP dual do ciclo de grao superior de sistemas de telecomunicacións e informáticos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria de 15 prazas para o primeiro proxecto de Formación Dual que se vai poñer en marcha en Galicia, en colaboración coa empresa Coremain. Así, iníciase un programa dirixido ao ciclo de grao superior en sistemas de telecomunicacións e informáticos cun plan de estudos de 2 anos e medio no que o alumnado compaxinará a súa formación no CIFP Politécnico de Santiago coa formación na empresa e cun contrato de traballo remunerado.

A convocatoria vai dirixida a persoas que cumpran os requisitos de acceso aos ciclos formativos, que teñan entre dezaseis e trinta anos e que non teñan realizado con anterioridade un contrato de formación e a aprendizaxe. Con carácter xeral, as persoas candidatas non poden estar –nin ter estado– matriculadas en ningunha ensinanza no presente curso académico, aínda que, de xeito excepcional, a Consellería poderá autorizar a matrícula no proxecto ás persoas aspirantes matriculadas en ciclos formativos polo réxime de persoas adultas.

As persoas interesadas en participar nesta iniciativa poderán presentar as súas solicitudes entre o día 21 e o 25 de xaneiro, as 13 horas, na secretaría do CIFP Politécnico de Santiago de Compostela. O centro fará pública a relación definitiva de persoas candidatas que cumpran os requisitos de acceso aos ciclos formativos. De entre elas, a empresa Coremain será a encargada de realizar a selección dos 15 estudantes que participen no proxecto que comezará a mediados do vindeiro mes de xaneiro.

Formación e traballo

O carácter diferencial da FP Dual consiste na combinación da formación curricular co traballo remunerado nunha empresa na que, ademais, o alumnado recibirá formación complementaria á establecida no currículo formativo correspondente, co fin de reforzar a súa preparación e mellorar a súa empregabilidade. Deste xeito, dos 2 anos e medio de duración do proxecto, o 21,7% desenvolverase no centro educativo correspondente, mentres que o restante se levará a cabo nas instalacións da empresa.

O proxecto terá unha duración total de 4.828 horas, das que 1.899  serán de formación e 2.929 horas serán de traballo efectivo. Ao longo dos dous anos e medio que dura o proxecto, o peso da parte correspondente ao traballo irá aumentando: do 45% do primeiro ano ao 72% do último curso.

No tempo de traballo efectivo na empresa o estudante terá un contrato de traballo para a formación e a aprendizaxe, de acordo co recollido no título II do RD 1529/2012, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da FP dual. Trátase dun contrato remunerado, polo que o traballador se acollerá, ademais, ao convenio colectivo da compañía e ás normas da mesmas en materia e normativa laboral. De feito, a retribución fixarase de acordo co estipulado no convenio colectivo, en proporción ao tempo de traballo efectivo que realicen.

Gallego
FP

Dúas profesoras participantes nos programas Consumópolis e Salvavidas publican experiencias didácticas innovadoras na Revista Galega do Ensino

Xa están a disposición de todo o profesorado os artigos que analizan os proxectos en acción presentados na Xornada de Formación Inicial do Plan Proxecta  e publicados agora na sección Cartafol do número 64 da Revista Galega do Ensino (EDUGA). As autoras, as profesoras Almudena Lacomba Maruri e Mª Isabel Varela Landeira, fan dúas propostas de traballo interdisciplinario, transversal e sempre centradas en estratexias activas e cooperativas entre o alumnado e o profesorado participante.

imageO primeiro modelo ofréceo Almudena Lacomba desde o IES Carlos Casares de Vigo (Pontevedra), ilustrado con produtos finais de imaxe e vídeo do traballo do alumnado participante na experiencia. O programa Salvavidas, da Consellería de Sanidade, ten como obxectivo traballar valores como a solidariedade e a cooperación referidos á doazón e transplante de órganos, e o equipo interdisciplinario de profesorado deste IES, como subliña Almudena no seu artigo, consegue partir do contorno próximo do alumnado para levar a cabo actividades e tarefas que consigan a súa motivación e, finalmente, contribúan á súa autonomía e ao seu espírito crítico. En suma, como tamén indica nos obxectivos, conséguese "ser quen de transformar estados de ira ou de desesperanza en estados de ilusión e de calma", en reflexionar profundamente sobre o paso dun feito negativo a unha situación de esperanza mediante accións solidarias de enorme calado. Os resultados dan conta da fondura dos efectos educativos no alumnado que investiga e, sobre todo, desenvolve a súa creatividade mediante un proxecto que involucra a case toda a comunidade educativa do centro.

image

Pola súa banda, Maribel Varela diríxese ao seu diario contándolle o camiño percorrido en compaña do alumnado e dos compañeiros do CEIP Pepe de Xan Baña de Santa Comba (A Coruña) durante a súa participación no programa Consumópolis, da Consellería de Economía e Industria. O proxecto parte do obxectivo e actividades específicas do concurso e amplíase a boa parte do traballo que levará a cabo o alumnado de 5º de primaria durante todo o curso. Como indica a autora, parten dunha especie de “baúl didáctico” onde podían “atopar cousas moi diversas sobre: consumo responsable, medio, publicidade, lecer e tempo libre, comercio xusto, saúde e seguridade, alimentación e unha morea de cousas máis”. Como resultado conseguiuse “unha aprendizaxe significativa, motivadora e activa” que os levou a darse conta de que “innovar e divertirse son uns bos aliados para aprender”.

 

Gallego
Plan Proxecta

Tema: 

Resolución do 2 de xaneiro de 2013 pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento da avaliación de diagnóstico nos centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao curso 2012/13

Gallego

Publícase a Resolución do 2 de xaneiro de 2013, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento da avaliación de diagnóstico nos centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao curso 2012/13

Servizo relacionado: 

Convocatoria para a realización de proxectos de innovación en dinamización lingüística en centros docentes de titularidade da Consellería para o curso académico 2012/2013

Gallego

Xúntase a Convocatoria da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa pola que se establecen as bases reguladoras para a realización de proxectos de innovación en dinamización lingüística en centros docentes de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e se procede á súa convocatoria para o curso académico 2012-2013.

  • O prazo de presentación de solicitudes será dun mes dende o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Portal Educativo e na web da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Colectivo: 

Normas procedimentais aplicables aos concursos de traslados de ámbito estatal, que deben convocarse durante o curso 2012/2013, para persoal funcionario dos corpos docentes

Orde do 27 de setembro pola que se establecen as normas procedimentais aplicables aos concursos de traslados de ámbito estatal, que deben convocarse durante o curso 2012/2013, para persoal funcionario dos corpos docentes contemplados na Ley Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de Educación.

 

 

 

 

 

 

Gallego
BOE

Colectivo: