A maxia na escola

Unha experiencia de integración
A experiencia educativa que describo a continuación nace da unión do meu traballo como profesor de educación especial e o meu principal hobby, a maxia. Todo empezou no CEIP Pena Corneira de Carballeda de Avia (Ourense), utilizando a maxia como recurso para captar a atención e divertir os nenos de educación infantil e na clase da Pedagoxía Terapéutica, como premio final ao traballo realizado. Máis tarde, nun dos festivais do colexio, nacería o Mago Chirleta, un mago torpe e despistado que sempre precisa da axuda dos nenos para facer maxia. Desde entón e tras investigar outras experiencias similares, fun incorporando a maxia como recurso educativo da forma que describo a continuación.

Fernando Domínguez Dapía - Mago Chirleta
Profesor de educación especial no CEE Miño, Velle - Ourense
dapia@edu.xunta.es

 

MAXIA E EDUCACIÓN INFANTIL

Na educación infantil, a maxia é unha ferramenta moi útil, sobre todo para motivar os nenos, captar a súa atención e facer o proceso de ensino-aprendizaxe máis divertido. Unha forma de lograr estes obxectivos é a través da unión da maxia e dos contos. Os nenos de educación infantil xa coñecen moitos contos, pero se durante a súa dramatización lle engadimos un efecto máxico, estaremos a introducir un elemento efectivo e sorprendente. Seguindo as experiencias de recoñecidos magos e contacontos adaptei as seguintes historias:

-Carapuchiña Vermella: un conto que se dramatiza nas mans, pois os protagonistas son gomas elásticas de distintas cores (Carapuchiña, vermella; o lobo, negra; a avoa, branca e o leñador, verde). As gomas irán saltando de dedos maxicamente, segundo o desenvolvemento da historia.

-O lobo e os 7 cabritiños: os cabritiños están representados por papeis que desaparecen cando o lobo, disfrazado de mamá cabra (un vaso oculto por unha cartolina que simula unha cabra), os atrapa. Ao final, a mamá conseguirá que volvan aparecer e o lobo, por fin, deixará de molestalos.

-O pallaso Naricete e o Rato que quería ser estrela: un pallaso que perde as cores do seu traxe e o tamaño do seu nariz e un rato que lle ten medo á escuridade. Xuntos iniciarán unha grande aventura con final feliz.

O uso da maxia nesta etapa tamén pode levarse a cabo a través dun taller de maxia. Recomendo a visita ao blog libretasdecolores.blogspot.com, no cal María, unha profesora de educación infantil, presenta un taller de maxia cuxo obxectivo é que os nenos desenvolvan dunha forma lúdica a observación e o sentido da curiosidade.

 

 

MAXIA E EDUCACIÓN PRIMARIA

A maxia é unha arte tan variada que podemos incorporala en moitos dos contidos que se traballan na escola. Unhas veces utilizarémola para facer máis divertida a asimilación dun concepto difícil e outras para reforzalo a través dunha aprendizaxe máis significativa. Os obxectivos que pretendo coa introdución da maxia na educación primaria son os seguintes:

  • Motivar o alumnado e facer máis significativa a aprendizaxe.

  • Desenvolver a memoria, a agudeza psicomotriz, a observación, a paciencia, a habilidade, a creatividade, a expresión oral e verbal...

  • Conseguir que o neno sexa o protagonista. Diminuír a súa timidez e reforzar a súa autoestima para que se sinta máis seguro.

  • Axudar no proceso de integración dos nenos.

  • Descubrir e gozar da maxia, un hobby que lles pode dar momentos de felicidade e restarlle horas á televisión ou á consola.

 

Maxia e expresión oral-escrita

Utilizar a maxia como estratexia ou recurso para mellorar tanto a expresión oral coma a escrita ábrenos un mundo de posibilidades. A continuación vou describir unha das actividades que levo a cabo. Está dirixida a alumnado de terceiro ciclo e baseada no traballo da maga e contacontos peruana Mercedes Carrión e do mestre e pedagogo italiano G. Rodari.

Presentación: presentámoslles aos nenos un efecto máxico sinxelo: o profesor colle un lapis e sitúao entre o seu puño pechado. Ao abrir o seu puño, o lapis queda pegado á palma da súa man ata que sopra e cae ao chan.
Primeira parte: os nenos teñen que redactar unha historia para ese efecto máxico. Para motivalos e espertar a súa creatividade, baséome nas ideas do libro de G. Rodari Gramática da fantasía. Que obxecto podería substituír o lapis? De quen é o obxecto? Quen o colleu? Se era doutra persoa... tiña o permiso do propietario? Que relación hai entre o obxecto e...?
Segunda parte: descubrimos o segredo do xogo e, unha vez que os nenos saben facelo, deberán preparar unha representación da historia redactada. Poden facelo en forma de conto, teatro, película...

A través da biblioteca da escola podemos predispoñer e motivar os nenos adquirindo libros relacionados coa maxia (saga de Harry Potter, Kika Superbruja, Trukosky e os intrépidos aventureros…)
Na bibliografía enumero algúns libros que tamén son válidos para o profesor, xa que lle poden servir para aprender efectos máxicos sinxelos, elaborar materiais, organizar actividades, talleres, festivais...

 

 

Maxia e matemáticas

Todos os profesores de Matemáticas se enfrontan ao reto de facer entretida unha materia con tan "mala prensa" coma as Matemáticas. Aproveitando que moitos xogos de maxia teñen unha base matemática, son moitos os profesores que a utilizan nas súas clases. No meu caso utilizo estes xogos na aula de Pedagoxía Terapéutica para repasar as operacións aritméticas. Algúns dos xogos que utilizo son: sumar as caras ocultas dun ou varios dados, acertar a idade ou data de nacemento dunha persoa, forzar mediante operacións matemáticas un número (o cuarto 1089) ou palabra (as iguanas de Dinamarca fan natación), xogos de naipes con base matemática...
 

Maxia e idiomas

A aprendizaxe dos idiomas, sobre todo nos primeiros anos de escolarización, require captar a atención do alumnado e motivalo dunha forma lúdica. A maxia é un recurso máis para aprender expresións, pronunciación, vocabulario... Por exemplo, para repasar os números en inglés, utilizo un xogo de cartas: os nenos van deletreando os números en inglés á vez que pasan cartas. Ao rematar, descubrirán que a seguinte carta se corresponde co número deletreado, así ata dez veces, ata quedar sen cartas.

 

Maxia e ciencia

Nas idades máis temperás, aos nenos pódenlles resultar inexplicables moitas das cousas que suceden ao seu arredor. Para eles é tan máxico que as luces do coche se acendan soas (recorden o famoso anuncio dun coche) coma que un mago saque un coello dun sombreiro baleiro.
Se nun primeiro momento presentamos como maxia un fenómeno natural e imos guiando os nenos cara á súa explicación lóxica, estaremos a traballar moitos dos obxectivos que nos propoñemos desde a escola: a observación e a curiosidade, a atención, a capacidade de crear unha hipótese, o desenvolvemento da súa capacidade dedutiva... O obxectivo final é conseguir dar unha explicación lóxica a un efecto aparentemente contrario ás leis naturais. Para iso, realizo desde experimentos relacionados coa electricidade estática para os máis pequenos (fregar un globo contra un xersei de la e ver como se adhiren papeis) ata outros máis complexos para os maiores (experimentos con líquidos, espellos, luces...).


Maxia e expresión plástica

Organizando un taller de bricomaxia ou aproveitando as sesións da materia, podemos fabricar o noso traxe de mago con material de reciclaxe: para a chistera utilizamos cartolinas, a gravata de nó facémola con papel de seda negro, dunha bolsa de lixo facemos a capa e para a vara máxica temos tantas opcións como nos permita a nosa imaxinación.
Seguindo as indicacións dalgúns dos libros de maxia da nosa biblioteca, podemos fabricar os nosos xogos de maxia: carta que cambia de valor, táboas matemáticas, xogos baseados en efectos ópticos, dados e tubos máxicos...

 

 

Maxia e educación en valores

Creando ou adaptando contos relacionados coa solidariedade, a amizade, a paz... e incluíndo neles efectos máxicos, estamos facilitando que os nenos interioricen as ensinanzas que o conto pretende conseguir.
Como dato histórico curioso, as orixes da maxia infantil nos Estados Unidos están nos predicadores, que a utilizaban para ilustrar parábolas da Biblia. O ano pasado colaborei coa profesora de Relixión do colexio para lles presentar aos nenos algúns xogos de maxia que lle permitisen traballar contidos da materia.

 

MAXIA E EDUCACIÓN ESPECIAL

A relación entre a maxia e as persoas con discapacidade vén de lonxe e os seus beneficios están plenamente comprobados. O prestixioso mago David Copperfield creou en 1982 Proyect Magic, un proxecto cuxo obxectivo é utilizar a maxia na rehabilitación de persoas con problemas motores: "Fixen desaparecer a Estatua da Liberdade e camiñei a través da Muralla China, pero nada é comparable con ver un rapaz nunha cadeira de rodas aprendendo a mover as súas mans para desatar un nó máxico". En España, dúas asociacións sen ánimo de lucro (Abracadabra e Llevamos Maxia) sérvense de magos solidarios para levar espectáculos de maxia a colexios de educación especial, asociacións de discapacitados, hospitais, xeriátricos…

A maxia é unha arte que nos permite facer cousas admirables e marabillosas. Utilizada de forma axeitada, é unha ferramenta que lles permite aos nenos con necesidades educativas especiais a posibilidade de esquecer momentaneamente as súas limitacións e facer cousas sorprendentes que outras persoas non poden facer. Escoitar os eloxios doutros nenos, os aplausos dos espectadores e ver as caras de alegría dos seus profesores e familiares fainos sentirse protagonistas. Todo iso terá un gran beneficio no seu proceso de integración e axudaralles a mellorar a autoestima e recuperar a confianza nas súas posibilidades.

No meu destino actual, o Colexio de Educación Especial Miño (Velle -Ourense) logramos estes obxectivos introducindo a maxia nas nosas festas e festivais. O último titulámolo Velle Máxico.

 

Velle Máxico

Vai empezar o festival e o Mago Chirleta non aparece. A presentadora decide poñer un anuncio para contratar outro mago. Van aparecendo magos e todos fan algún truco para convencer o público (obxectos que desaparecen, varas que levitan...). O presentador decide contratar un mago que fixo aparecer un coello branco da súa chistera baleira.
Está a piques de comezar a actuación do novo mago cando aparece atado e amordazado o Mago Chirleta. O mago que gañou o concurso é un impostor que decidiu secuestralo para ocupar o seu lugar! Chega a Garda Civil e, tras unha frenética persecución, o falso mago é detido. Despois de dialogar entre todos, o Mago Chirleta decide compartir o protagonismo co resto de magos. Que comece o espectáculo!

Despois duns espectaculares números de ilusionismo, chega o momento dos contos dramatizados. Empezamos coa historia dunha princesa que pasa os días chorando porque se sente soa. Decide ir a unha tenda de mascotas e comprar un coello para que lle faga compañía. Pero non moi lonxe de alí vive un malvado ogro que secuestra unha noite a súa mascota. Volverán os gardas para deter o ogro, pero só o Mago Chirleta será capaz de liberar da súa prisión a mascota, utilizando unha corda.

Continuamos con “O país das cores”. É a historia dun país onde todo é escuro e triste ata que o Mago Chirleta fai aparecer da súa bolsa baleira panos de cores que os nenos utilizan para pintalo. O pano azul pinta o ceo; o verde, os bosques; o amarelo, o sol... todos conseguen pintar algo menos o pano de cor violeta. É unha cor algo máis lenta e insegura ca as demais e, cando chega aos sitios, xa todo está pintado. Ao velo tan triste, o Mago Chirleta explícalle que todos somos importantes e fomos creados por unha razón especial, única e diferente. Ao volver meter a man na súa bolsa baleira saca todos os panos atados formando un arco. A cor violeta era a única que faltaba para formar o arco da vella!

Por último chega a actuación do alumnado con dificultades motoras. A súa tarefa será a máis difícil... Debuxar e pintar un libro sen utilizar as mans! A medida que os nenos golpean o libro coa súa vara máxica van enchendo de debuxos e de cores as súas páxinas brancas. Mostramos o libro pintado e recibimos o aplauso emocionado dos espectadores. Viva a maxia na escola!

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

VAN DER MEER, R. (2010): Alucina. Ed. Mcmillan Iberia, SA.

CORTIZAS, A.; COIRA, C. e FERNÁNDEZ, J. (2010): Abrapalabra. Ed. Galaxia.

MOSSIÉRE, S. e MUSCAT, B. (2006): 100% Magia!. Ed. San Pablo.

STRADA, A. e SPINI, G. (2001): Los mejores juegos de magia para niños y adultos. Ed. De Vecchi.

ROMANO, P. (2001): El libro de la magia. Ed. Fleurus.

TREMAINE, J. (2009): Trucos de Magia. Ed. Susaeta.

Palabras clave: 
Sección: