Plan Proxecta

Fomento da innovación educativa nos centros
Este plan busca desenvolver as competencias e a educación en valores a través de metodoloxías activas e colaborativas centradas nun proxecto común.

Alberto Sacido Romero
Julia Taboada Martínez
Asesoría de Innovación Educativa
Dirección Xeral de Educación, FP e Innovación Educativa

 

 

Que ten que ver a doazón de órganos cun programa de distribución de froitas nas escolas ou co estudo da paisaxe da contorna?

Todos eles son parte da educación en valores para a vida e a convivencia que cruza transversalmente e de xeito integrado o sistema educativo. Ademais, se engadimos estratexias para traballar as competencias do alumnado e centramos o noso labor no desenvolvemento dun proxecto interdisciplinario que fomente as dinámicas activas e colaborativas entre o alumnado e o profesorado, temos a receita principal do Plan Proxecta.

 

Liñas estratéxicas e obxectivos

A educación en valores, o desenvolvemento das competencias e as metodoloxías activas e cooperativas centradas nun proxecto de traballo común son as liñas estratéxicas deste plan da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que, desde principios do curso 2012-2013, busca facilitar a integración de 18 programas nas dinámicas de traballo dos centros educativos:

Da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas:

Da Consellería de Medio Rural e do Mar:

Da Consellería de Economía e Industria:

Da  Consellería de Sanidade:

Da Consellería de Traballo e Benestar:

Da Secretaría Xeral para o Deporte:

A participación de 321 centros públicos e de 3.826 profesores e profesoras que traballarán en 747 proxectos supón a integración destes programas na programación xeral anual destes centros e na programación específica do seu profesorado, de xeito que se fomenten dinámicas innovadoras e de cooperación a través dun proxecto compartido.

 

Eixes

Para conseguir estes obxectivos, o Plan Proxecta desprega as súas accións en tres eixes.

En primeiro lugar, optimiza a difusión e a integración, a principio de curso, dos programas na planificación inicial, mellorando a organización na súa chegada e implantación nos centros educativos.

En segundo lugar, crea unha rede de apoio que pivota nas ferramentas dixitais de xestión e información e establece un sistema de asesoramento a través das estruturas de formación permanente do profesorado e da inspección educativa. Neste sentido, ofrécese unha aplicación telemática de xestión co obxectivo de facilitar os procesos de solicitude e avaliación e unha xornada de formación inicial na que, á parte da información sobre o plan, se lle propuxeron modelos de traballo ao profesorado participante.

Por último, o Plan Proxecta busca dar recoñecemento ao esforzo innovador do profesorado, de xeito que, tras a avaliación dos resultados dos proxectos, se consigan transferir de maneira eficaz estas boas prácticas tanto dentro do centro coma ao resto da comunidade educativa. Con este obxectivo, a última acción do plan será difundir os mellores proxectos a través das canles dixitais da consellería, de forma que se convertan eles mesmos en modelos de innovación e mellora do sistema educativo.

Así faise posible que a participación activa en moitos programas existentes ou en novas propostas de diferentes organismos autonómicos supoña para o alumnado, o profesorado, os centros e a súa contorna un paso que vaia transformando e mellorando as dinámicas educativas. Deste xeito, un programa que impulse a doazón de órganos, un que fomente a sustentabilidade ambiental e outro que busque fomentar os hábitos saudables comparten dentro do Plan Proxecta moito máis do que poida, en principio, parecer.

 

Sección: