A historia dun proxecto de innovación

Experiencia con biorreactores
No IES A Sardiñeira da Coruña desenvolveuse, ao longo do curso 2011/2012, un proxecto de innovación, co patrocinio do Ministerio de Educación, que permitiu a adquisición dun biorreactor, formarse no seu uso, utilizalo para obter un aditivo alimentario e intercambiar experiencias semellantes con outros centros españois.

 

 

 

 

 

Mariano Pazos Afonso
Coordinador do proxecto no IES A Sardiñeira (A Coruña)
mpazoa@edu.xunta.es

 

A nosa aventura arranca coa publicación no BOE da Resolución do 5 de abril de 2011, da Secretaría de Estado de Educación e Formación Profesional, pola que se convocan axudas destinadas á realización de proxectos de innovación aplicada e transferencia do coñecemento na formación profesional do sistema educativo.

A convocatoria supón unha oportunidade única para poder desenvolver proxectos innovadores próximos á realidade das empresas e o contacto con outros centros educativos do país. Ademais, permitiralle tanto ao profesorado coma ao alumnado participante instruírse en temas realmente punteiros dentro do marco dos ciclos formativos da familia química, impulsando unha formación de maior calidade.

 

Para poder optar ao financiamento necesítase, entre outros detalles, a participación no proxecto de varios centros de distintas comunidades autónomas. Polo tanto, o primeiro que se fixo foi establecer contactos para lograr unha participación variada. Tras un período de negociación, lógrase a colaboración dos seguintes centros educativos:

1. IES A Sardiñeira (A Coruña)

2. CIFP Politécnico (Santiago de Compostela)

3. INS Provençana (Hospitalet de Llobregat)

4. IES Comte de Rius (Tarragona)

5. IES Leonardo da Vinci (Puertollano)

6. IES Mateo Alemán (Alcalá de Henares)

7. INS Narcis Monturiol (Barcelona)

8. IES de Terrassa (Terrassa)

Unha vez que se consegue isto, redáctase e preséntase o proxecto e o noso centro, ao igual ca o resto, obtén unha asignación de 26.475 euros segundo a resolución publicada no BOE do 21 de outubro de 2011.

 

AS FASES DO DESENVOLVEMENTO, desde a publicación da resolución (outubro 2011) ata a entrega da xustificación documental en novembro de 2012, son as seguintes:

· Mes de outubro-novembro: establécense contactos con diversos provedores de biorreactores aos que se lles solicitan orzamentos.

· Mes de novembro: viaxe á Expoquimia, en Barcelona. A visita é aproveitada para que o alumnado poida internarse no mundo empresarial relacionado coa química e, en concreto, búscanse contactos con provedores de equipamentos de biorreactores. En paralelo, lévase a cabo unha reunión entre profesorado dos distintos centros colaboradores para decidir que biorreactor se pode adquirir.

 

Alumnado do ciclo na Expoquimia

 

 Reunión cos centros integrantes do proxecto para decidir a compra do biorreactor

 

· Mes de novembro: decídese definitivamente adquirir un biorreactor Biostar A plus da casa Sartorius.

 

 Biorreactor completo. Na imaxe falta o software de control

 

· Entre os meses de novembro e abril: estamos á espera da entrega dos equipos. Mentres tanto decídese:

  • A experiencia que se vai realizar: obtención do biopolímero denominado goma xantana a partir dunha bacteria denominada Xanthomona campestris.

 

Cultivo da bacteria Xanthomona campestris

 

  • As necesidades de equipamento e reactivos complementarios ao biorreactor para realizar a experiencia. Adquisición do que se precisa.

 

Cultivo da bacteria Xanthomona campestris no axitador orbital

 

  • Viaxe a Alcalá de Henares: dúas profesoras implicadas no proxecto viaxan a Alcalá de Henares para recibiren formación in situ sobre o uso do biorreactor adquirido. A formación é impartida por persoal de Sartorius.

 

 Participantes na reunión de formación en Alcalá de Henares

 

  • A forma de traballo: como se prevé que o equipo e o material necesarios se entreguen en Semana Santa, pénsase que é mellor traballar, en principio, só o profesorado. O motivo reside na complexidade do manexo do biorreactor e na falta de experiencia inicial do propio profesorado. Non obstante, algúns alumnos de ciclo de grao superior de Laboratorio de Análise e Control de Calidade participan no seguimento do proceso determinando os azucres redutores.

 

De forma moi resumida, no DESENVOLVEMENTO DO PROXECTO sucedéronse as seguintes etapas:

 

-Presentación, por parte do técnico, do biorreactor e das  súas características.

-Montaxe e desmontaxe, por parte do profesorado, do equipo e posta en marcha do software, co obxecto de familiarizarse co biorreactor.

-No laboratorio de bioquímica realízase a esterilización do equipo e reprodúcense os microorganismos no medio de cultivo.

 

 

Esterilización do biorreactor na autoclave

 

 Esterilización do biorreactor na autoclave

 

-Iníciase a biorreacción coa introdución do cultivo no reactor. Os distintos parámetros, como o pH, a temperatura, a axitación, a cantidade de osíxeno, son controlados e rexistrados polo software.

 

 

 Biorreactor preparado para comezar o proceso de formación do biopolímero


-Durante o desenvolvemento da práctica, tómanse mostras para analizar biomasa e azucres redutores e así seguir o curso da fermentación.


-Unha vez concluída a práctica, extráese o cultivo do biorreactor para separar o produto -goma xantana- por centrifugación, posterior adición de reactivos e filtración.

 

Accede AQUÍ ao vídeo de precipitación do biopolímero

 

-Finalmente, realízase un estudo de toda a información rexistrada na aplicación informática, das análises realizadas in situ e do produto obtido para unha ulterior presentación de datos e conclusións.

 

. Entre o 5 de maio e o 5 de xuño:  desenvolvemento específico das experiencias encamiñadas á obtención do biopolímero. Realízanse tres experiencias que conducen á obtención do biopolímero. Non se realizan máis por falta de tempo. Para unha análise detallada da nosa experiencia, pódese premer na imaxe.

 

 

. Mes de xuño: os días 25 e 26 realízase unha reunión en Galicia de todos os centros colaboradores, na que se expoñen os resultados e conclusións. Con isto dáse por concluído o proxecto.


· Mes de outubro-novembro 2012: preparación e entrega da memoria e documentos xustificativos do proxecto.

 

CONCLUSIÓNS

A experiencia neste proxecto permitiunos:

  • Mellorar o traballo en equipo no centro, dado que a súa planificación e posterior execución supuxo numerosas reunións dos integrantes, co fin de adoptar puntos de vista en común.
  • Traballar o proxecto en estreita colaboración con centros educativos doutras comunidades autónomas, o que levou a realizar un fluído intercambio de experiencias, coñecer as súas instalacións.
  • Formar o profesorado en técnicas punteiras, ampliando os seus coñecementos en áreas que adquiriron ultimamente un gran desenvolvemento na industria química e farmacéutica.
  • Adquirir os medios necesarios para formar o noso alumnado en técnicas vangardistas relacionadas coas biorreaccións, o que posibilita avanzar cara a unha formación de calidade.
  • Realizar unha primeira aproximación co alumnado neste tipo de técnicas, co obxectivo de achegar esta clase de procesos bioquímicos á aula. Por iso pensamos que este tipo de proxectos debe continuar, xa que non é posible abordalos da noite á mañá: requírese tempo e dedicación extra, dado que se trata dun traballo complementario ao das propias tarefas educativas.
  • Colaborar de xeito enriquecedor co profesorado e co alumnado doutras comunidades autónomas. Nas sesións preparatorias visitáronse outros centros educativos co fin de fixar criterios de traballo; isto permitiunos apreciar as súas capacidades e sistemas de organización. Ademais, o intercambio rápido entre centros de información relativa aos avances dos proxectos obrigounos a un uso intensivo e diversificado das TIC, xa que se montou unha plataforma Moodle na que compartir experiencias, o que supuxo unha inestimable axuda na consecución do proxecto.
  • Motivar o resto da nosa comunidade educativa a actualizar os seus contidos didácticos a través deste tipo de programas.

 

 

 

Participantes no proxecto e na elaboración do artigo: Ana B. Álvarez López,  Ana Mª Blanco-Rajoy Sánchez,  J. Hermógenes Cobas Gamallo, Irene Derungs Ollero, Mariano Pazos Afonso, Aurelia Rivero González, Jesús Serna Arnaiz,  Alba Souto Rodríguez.

Sección: