Skip to Content

Adaptación das Programacións para a finalización do curso 2019/2020

Co fin de dar cumprimento ás Instrucións do 27 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso académico 2019/20, premendo no enlace é posible consultar as adaptacións das programacións que informan:

  • Estándares de aprendizaxe imprescindibles
  • Procedemento para o cálculo da cualificación final ordinaria
  • Proba extraordinaria de setembro
  • Procedemento e instrumentos de avaliación alumnado con materias pendentes de cursos anteriores
  • Actividades, metodoloxía, materiais e recurso

As programacións orixinais de principio de curso e as addendas realizadas na finalización do segundo trimestre poden consultarse nesta mesma páxina na sección "Departamentos"

 

Reábrese o proceso de admisión de alumnado

No DOG de hoxe, publícase a reanudación dalgúns trámites administrativos nos centros educativos. Entre eles, o proceso de admisión. DOG

O prazo de presentación de solicitudes de admisión irá do 11 ao 18 de maio, ambos os dous días  incluídos. As listaxes provisionais do alumnado admitido e excluído publicaranse antes do 9 de xuño, e as definitivas ata o 26 de xuño.

A secretaría do centro estará aberta de luns a venres de 10:00 a 13:00hs. Se precisan algunha certificación deben contactar o día anterior co teléfono 982870802 ou solicitalo ao enderezo electrónico secretaria.xograr@gmail.com

PRINCIPAIS ENLACES DE INTERÉS

TITORIZACIÓN TELEFÓNICA (Chamadas ao profesorado) no 982870811 consultando previamente o horario

Enderezos electrónicos do profesorado

MODELOS ABAU 2020

MODELOS ABAU 2020

Xa están publicados os modelos de exame da ABAU 2020, podedes consultalos no seguinte enlace:

MODELOS

Titorización telefónica

Co desexo de mellorar a atención ao alumnado e as sús familias, habilitamos unha nova vía de comunicación.

A partir de agora tamén poderedes contactar co profesorado de centro mediante chamada telefónica, só tedes que consultar os días e horarios nos que vos poderán atender. Deste xeito, os pais e nais, poderedes ter citas de titoría telefónica, e o alumnado, consultar as dúbidas que non puideron solventar por outras canles.

Para falar cos profesores/as deberedes marcar o número 982870811 e se vos transferirá á chamada co profesor/a que indiquedes.

É importante que respectedes os horarios indicados, para non interferir coa atención directa ao alumnado por aulas virtuais, EVA-Edixgal, etc.

HORARIO DE ATENCIÓN DO PROFESORADO

Recollida de datos, queremos axudarvos

Para coñecer mellor a situación de todos e co ánimo de axudarvos e adaptarnos ás distintas dificultades, pedímosvos que cubrades o seguinte formulario. É voluntario, pero pode ser un instrumento máis para axudarche a ti e a outros compañeiros.

FORMULARIO

MOI IMPORTANTE: Encher un formulario por cada alumno/a matriculado/a no centro

Grazas pola vosa colaboración. Saúde e moito ánimo que xa queda menos.

Comunicado sobre o inicio do terceiro trimestre

Comunicado da Conselleria de Educación, Universidade e Formación Profesional:

Con motivo do mantemento da situación de emerxencia de saúde pública causada polo COVID-19, e conseguinte suspensión da actividade lectiva presencial desde o pasado 13 de marzo,  unha vez rematadas as vacacións de semana santa e coa finalidade que os centros educativos poidan iniciar a organización da súa actividade neste terceiro trimestre:

1.- A actividade lectiva non presencial continuarase, con carácter xeral, mediante repaso, reforzo e recuperación do traballo desenvolvido, centrándose na adquisición das competencias clave. Así mesmo, os centros educativos avaliarán as medidas a adoptar para a atención ao seu alumnado con maiores dificultades de acceso á educación no actual contexto. 

2.- Unha vez teña lugar a xuntanza da Conferencia Sectorial de Educación, prevista para o vindeiro mércores, 15 de abril, na que participan o Ministerio de Educación e Formación Profesional e as Comunidades Autónomas, coa finalidade de coordinar as medidas concretas a adoptar para o desenvolvemento do terceiro trimestre e final do curso 2019/2020, ditaranse as instrucións que procedan.

CARTA Á COMUNIDADE EDUCATIVA DO XOGRAR

Prezadas familias, alumnos/as, profesores/as:

No IES Xograr Afonso Gómez, ao igual que no resto da sociedade, estamos moi preocupados polos efectos devastadores que a pandemia do COVID-19 está a causar nas nosas vidas: perda de vidas humanas, económicas, psicolóxicas e sociais de todo tipo. Tamén, como non pode ser menos, polos aspectos educativos e polo benestar emocional do noso alumnado. Desexamos enormemente volver a estar en contacto cos nosos rapaces e rapazas, ver que lles preocupa, axudar a resolver as súas dúbidas, animalos a superar esta situación, e por suposto, contribuír a que se sigan formando. Porén, mentres non o podamos facer de xeito físico, polo menos queremos estar preto deles cos medios que nos quedan. Nestes días, os medios tecnolóxicos e o acceso a internet estanse a converter na nosa forma de contacto, de traballo e de relación social.

Unha vez superadas estas primeiras tres semanas sen actividade presencial, case todos fomos adaptándonos pouco a pouco ás novas circunstancias, alumnado, profesorado e familias, e é realmente admirable o esforzo levado a cabo por todos eles para adaptarse ao novo escenario. Con todo, dado que aínda deberemos seguir co confinamento, temos que ver o xeito de non deixar a ninguén atrás e de poñer todo o que estea na nosa man para proporcionarlles os medios para que así sexa. Por iso, durante os últimos días, fixemos un seguimento exhaustivo do alumnado que amosaba pouca, ou ningunha interacción nas distintas plataformas que se habilitaron para o contacto co profesorado. Fixéronse moitos contactos telefónicos e por correo coas familias, e tamén coas institucións.

 

Ordenadores e Internet para o alumnado que o precisa.

Para axudar coas dificultades detectadas, o centro levou a cabo as seguintes actuacións:

- Cesión de 3 ordenadores con dispositivo de conexión a internet gratuíto e enviados pola Consellería de Educación.

- Cesión de 8 ordenadores a familias que xa dispoñían de conexión.

- Xestión cos concellos de Sarria, Incio, Triacastela, Láncara e Samos (dos que procede o noso alumnado) a cesión de conexións a internet gratuítas para os alumnos que o precisen. Queremos resaltar aquí que obtivemos o seu inequívoco compromiso de facilitar ditas conexións e xa se están a facer as xestións oportunas para que o alumnado poda dispoñer delas á volta das vacacións polo que lles estamos moi agradecidos.

Dado que o noso centro participa no programa Edixgal, todo o alumnado de 1º e 2º da ESO xa ten o ordenador do programa, ademais levamos cedidos 11 ordenadores (3 deles con conectividade), e estamos en disposición de seguir cedendo ordenadores se houbera máis familias que o precisen.

 Non dubidedes en contactar connosco se o precisades, as vosas preocupacións tamén son as nosas, todos xuntos venceremos!

 

Unha aperta para todos/as.

José  Manuel Valcarce López

Director do IES Xograr Afonso Gómez de Sarria

Distribuir contido


by Dr. Radut