Skip to Content

CARTA Á COMUNIDADE EDUCATIVA DO XOGRAR

Prezadas familias, alumnos/as, profesores/as:

No IES Xograr Afonso Gómez, ao igual que no resto da sociedade, estamos moi preocupados polos efectos devastadores que a pandemia do COVID-19 está a causar nas nosas vidas: perda de vidas humanas, económicas, psicolóxicas e sociais de todo tipo. Tamén, como non pode ser menos, polos aspectos educativos e polo benestar emocional do noso alumnado. Desexamos enormemente volver a estar en contacto cos nosos rapaces e rapazas, ver que lles preocupa, axudar a resolver as súas dúbidas, animalos a superar esta situación, e por suposto, contribuír a que se sigan formando. Porén, mentres non o podamos facer de xeito físico, polo menos queremos estar preto deles cos medios que nos quedan. Nestes días, os medios tecnolóxicos e o acceso a internet estanse a converter na nosa forma de contacto, de traballo e de relación social.

Unha vez superadas estas primeiras tres semanas sen actividade presencial, case todos fomos adaptándonos pouco a pouco ás novas circunstancias, alumnado, profesorado e familias, e é realmente admirable o esforzo levado a cabo por todos eles para adaptarse ao novo escenario. Con todo, dado que aínda deberemos seguir co confinamento, temos que ver o xeito de non deixar a ninguén atrás e de poñer todo o que estea na nosa man para proporcionarlles os medios para que así sexa. Por iso, durante os últimos días, fixemos un seguimento exhaustivo do alumnado que amosaba pouca, ou ningunha interacción nas distintas plataformas que se habilitaron para o contacto co profesorado. Fixéronse moitos contactos telefónicos e por correo coas familias, e tamén coas institucións.

 

Ordenadores e Internet para o alumnado que o precisa.

Para axudar coas dificultades detectadas, o centro levou a cabo as seguintes actuacións:

- Cesión de 3 ordenadores con dispositivo de conexión a internet gratuíto e enviados pola Consellería de Educación.

- Cesión de 8 ordenadores a familias que xa dispoñían de conexión.

- Xestión cos concellos de Sarria, Incio, Triacastela, Láncara e Samos (dos que procede o noso alumnado) a cesión de conexións a internet gratuítas para os alumnos que o precisen. Queremos resaltar aquí que obtivemos o seu inequívoco compromiso de facilitar ditas conexións e xa se están a facer as xestións oportunas para que o alumnado poda dispoñer delas á volta das vacacións polo que lles estamos moi agradecidos.

Dado que o noso centro participa no programa Edixgal, todo o alumnado de 1º e 2º da ESO xa ten o ordenador do programa, ademais levamos cedidos 11 ordenadores (3 deles con conectividade), e estamos en disposición de seguir cedendo ordenadores se houbera máis familias que o precisen.

 Non dubidedes en contactar connosco se o precisades, as vosas preocupacións tamén son as nosas, todos xuntos venceremos!

 

Unha aperta para todos/as.

José  Manuel Valcarce López

Director do IES Xograr Afonso Gómez de Sarria



page | by Dr. Radut