Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua Galega

AQUÍ E AGORA 18

 

Un ano máis o equipo de AeA consegue sacar do prelo a revista do Xograr, a número 18, a pesares das cambadelas que nos puxo o axitado final de curso. Atrancos que so aqueles, os que se reforzan ante as adversidades, os verdadeiramente fortes son capaces de superar. E así non rematou o curso sen que toda a comunidade escolar do Xograr puidese mergullarse na lectura desta nova edición da revista, porque aínda que os camiños están trazados, ás veces hai que improvisar atallos que nos conduzan a nosa meta. E aquí e agora chegamos. Parabéns a todos os colaboradores e redactores, e sobretodo aos infatigables directores Laura e Manu, que multiplicaron todas as expectativas neles depositadas e deixan pegadas imborrables nas páxinas de AeA. Bempagados sexades coa estrela da fortuna no voso novo camiño!

AeA 18
A impresión da revista foi subvencionada polo Concello de Sarria

 

 

 

CORRELINGUA 2017 + HISTORIA DE LUGO

Aproveitando a nosa participación na actividade do  CORRELINGUA 2017 , e despazamento a Lugo, fomos dando  un pasiño pola lingua, un pasiño pola historia. Niso consistíu a nosa completísima andaina  do 4 de maio de 2017: reivindicación do uso da lingua “GALEGO SEN CANCELAS”  e detallada explicación, polos profes do deparamento de Historia,  do Lugo romano: visita á Catedral, visita ao Museo e visita ao Castro de Viladonga.

 

Fotos

Semana Escolar con Maruja Mallo

Maruja Mallo é a artista homenaxeada no Día das Artes Galegas 2017. Dende a Deputación de Lugo invitóusenos a esta homenaxe, a partir da cal se propoñían   unha serie de actividades destinadas á divulgación e ao coñecemento desta artista lucense e da súa obra, ao longo da semana do 17 ao 21  de abril.

Os departamentos de Lingua Galega e Dinamización Lingüística sumáronse a esta actividade cos  alumnos de ESO ,  2º ESO  e  2º PMAR;  en total participaron ao redor de 60 alumnos , que a partires do coñecemento e lectura do libro editado pola Deputación adicado a Maruja Mallo  elaboraron traballos coma   maletas viaxeiras,  os collages,  os marcapáxinas; e  outros  de expresión plástica .

Velaí o resultado

 

 

#RosalíaTe: Día de Rosalía de Castro 2017

A comunidade educativa do IES Xograr Afonso Gómez de Sarria celebra o nome e a obra da poeta maior de Galiza, chave mestra da nosa literatura e da nosa conciencia como pobo, a través da gravación dun vídeo  MANNEQUIN  CHALLENGE  “AQUÍ  E  AGORA “ realizado no Centro  , que pretende salientar a vixencia de Rosalía de Castro  para a mocidade do século XXI.

 

 

 

 

 

 

2ª FEIRA DE TROCO

As FEIRAS están fondamente arraigadas na tradición galega. Son, e sempre foron, lugar de encontro e intercambio

O TROCO é  un sistema de intercambio de bens onde o valor das cousas non o decide o seu prezo senón o seu valor de uso. Algo que para ti chegou a ser inútil, pode resultar interesante e servible para outra persoa!

A quen vai dirixido?

A ti : Para todos os niveis educativos (ESO, Bacharelato e Formación Profesional),  e para ti ( que traballas no IES)

Como participar?

É moi sinxelo! Pensa na cantidade de cousas que tes na casa en bo estado pero que xa non utilizas.  (libros, agasallos, material deportivo,  música, xogos)

Elixe 3 como máximo e achégate á aula 3 do edificio 1, onde recibirás un vale por cada unha delas. Ti mesmo elixirás outros tantas cousas entre as expostas na nosa Feira de  Troco.

Datas:

Entrega dos teus materiais : Entre o día 1 e 9 de decembro , na hora de lecer, na Aula 3 do Edificio 1. (primeiro andar do edificio vello)

Feira de Troco : o 19 e 2o de decembro na hora de lecer na sala de alumnos, anexa ao Salón de Actos.

 

Felicitación do Xograr a Xabier Quiroga polo premio á sua novela.

Os rapaces levan razón! E galardoan a IZAN O DA SACA  co  PREMIO SAN CLEMENTE de narrativa. PARABÉNS ao seu autor, XABIER QUIROGA !

 Máis de trinta rapaces pertencentes a distintos centros de ensino de Galicia, Inglaterra, Francia, Alemaña ou Moscova foron quen de recoñecer a valía dunha grande obra da literatura galega  publicada  na editorial Xerais.

 Izan o da saca é un verdadeiro xogo literario, dende o seu  palindrómico título ata a engaiolante historia  que percorre os espazos da Ribeira Sacra, onde se fabula co presente ,  se retrata o pasado e se recrea  a idiosincrasia galega.

Xabier Quiroga tivo a ben  agasallarnos coa súa presenza  esta fin de semana no Roteiro literario de Izan , xeira de actividade intensa,  onde os participantes tivemos ocasión de recoller as palabras de Xabier acompasadas polo  zoar do vento en Marce,  pescudar na fervenza de Augacaída  agardando a aparición das xacias , e enmeigarnos  nos camiños reviravoltos da Cova.  Soubemos de contos,  soubemos dos trafegos nas viñas,  e quixemos escoitar o canto dos peixes  ….

Soou o canto, as nosas voces baixaron pòlo Miño e espalláronse polos mares , as xacias  trouxeron o seu tesouro …..porque o merecías  Xabier! PARABÉNS DESDE O XOGRAR!

 

“ O  mestre proseguiu con voz melosa:

-Non te preocupes, un día iremos xuntos dando un paseo e verás o castro e outros lugares fermosos que hai río abaixo. Tamén río arriba, eh, porque onde nós vivimos está cheo de tesouros. Iso  si, hai que facer por velos”

                                                                                                              Izan o da saca, páx 99 

SAMAÍN 2016 NO XOGRAR

O Samaín é unha festa asociada ao ciclo anual do sol que xa forma parte do Patrimonio Inmaterial de Galicia e o Norte de Portugal. A recuperación da tradición involucra a varias escolas que promoven actividades que á súa vez son inseridas na promoción da candidatura a Patrimonio Inmaterial. (UNESCO)

En Sarria escoitamos UN DITO popular (*3) referente ao costume de baleirar cabazas e meterlles unha candea acendida dentro na noite de Difuntos, que di:
“DE DÍA ANDAN POLOS HORTOS E DE NOITE ESTÁN COS MORTOS”

Continuar lendo........

Xa está no Xograr: Aquí e Agora 16

AeA 16 chegou  impresa en   dúas caixas de cartón, apenas medio metro de espazo e pouco menos de 10 Kg de peso. Que pouquiña cousa!,  pensaredes. Abofé que non!

Tras desa liviandade están trinta alumnos, que acoden  con presteza ás reunións  nos escasos minutos que teñen de lecer, entre clase e clase,  ao longo das semanas de todo o curso.

Tras desa brevidade agóchase unha escolma de intres previos , unha posta en común de ideas, de escollas, de seleccións feitas ao chou, ou  por sortes e resortes. Aí están fins de semana adicadas a adubar as pezas, a arranxar textos e formas;  aí están noites de reflexión e desacougos,  días  de preguiza e xornadas  de divagación ou clarividencia. Corre o tempo, cadaquén cociña o traballo de seu e cando  os desatinos  xa semellan correxidos chega o ensarillado maio, e xorden novos retos de milimetraxe no ordenador, de adaptación para a presentación , de arranxos  de imaxe  …de demoras e  dúbidas , e sobretodo de decisións: cómpre servir o prato.

Resultado final: velaí o tedes.

AeA 16,  produto de consumo rápido, de consumo inmediato endexamais perecedeiro, sen residuos prexudiciais e con nutrintes para todos nós:

  • Ofértase no noso propio local, o Xograr, e tamén en web www.revistaaquieagora.blogspot.com
  • Adáptase ao horario laboral e ao de lecer
  • Lese a modiño, a chimpos, ás carreiras, do limiar ao fin , de diante para tras ou de atrás para adiante…
  • Agasalla un menú equilibrado  ( ciencias, humanidades, deportes, música, opinión, enquisas,  pasa e repasatempos…..)

Alguén dá máis? Bo proveito !... Nós recuncaremos, seguro!

 

Equipo redacción AeA

 

O noso agradecemento ao Concello de Sarria por subvencionar a impresión da revista

Letras galegas 2016

 

MANUEL MARÍA  EN  ANAQUIÑOS

DE CORES : 

Versos escollidos  polos alumnos de 1º ESO enchen os taboleiros do IES de rechamantes cores para lembrarnos  ao poeta chairego neste mes de maio. Primavera de papel, palabras  que agroman e fan rexurdir a voz de Manuel María polos corredores do Xograr, ledicia dunha primavera que anuncia días radiantes, que conmemora  non so un Día das Letras Galegas, senon un post-it para todo o 2016.

 

 

 

 

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
Distribuir contido