Skip to Content

"Nube de palabras" recibe o 2º Premio Nacional de Clubes de Lectura Escolares

 

 O club de lectura do IES Sánchez Cantón vén de recibir un dos segundos premios do certame nacional “Premios Clubes de Lectura Escolares” na modalidade B (centros sostidos con fondos públicos de Educación Secundaria Obrigatoria, incluídos os centros que impartan ciclos formativos de grao básico e centros de educación de persoas adultas) convocado polo Ministerio de Educación para premiar os proxectos de promoción de lectura desenvolvidos  no territorio nacional, ao longo do curso 2021/22.

 No certame resultaron premiadas oito experiencias de clubs de lectura das Bibliotecas Escolares de Galicia, de Educación Primaria e Secundaria, comunidades de fomento e promoción das prácticas lectoras, puntos de encontro, socialización e inclusividade entre a rapazada máis nova.

 Para todo o equipo do club de lectura “Nube de Palabras” do IES Sánchez Cantón que leva en marcha aproximadamente 10 cursos e que no presente curso 22/23 conta con 15 grupos lectores – con 10 /12 membros por grupo, arredor de 170 alumnos e alumnas-  para o alumnado da ESO e Bacharelato,  que len en catro linguas: galego, portugués, castelán e inglés, con clubs de xenéricos de narrativa nestas linguas e temáticos de imaxes, cultura clásica e igualdade, trátase dun recoñecemento importante ao seu proxecto.

 Os mediadores e mediadoras que coordinan os grupos e comparten as lecturas co noso alumnado, co obxectivo de desfrutar das mesmas e  desenvolver a  súa formación coma lectores críticos (11 docentes de materias diversas: Lingua galega e literatura, música, relixión, matemáticas, inglés…) están moi satisfeitos de recibir este galardón e a axuda económica que conleva xa que esta revertirá na subvención de encontros cos autores e autoras, na adquisición de fondos para o club e posiblemente na realización dalgún roteiro literario coa mocidade lectora.  

https://www.diariodepontevedra.es/articulo/pontevedra/premio-do-ministerio-ao-club-lectura-do-ies-sanchez-canton/202212112121331230912.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/educacion/2022/11/17/galicia-da-lecciones-lectura-colegio/00031668710241889924998.htm



page | by Dr. Radut